Dezaoito de Brumario

Dezaoito de Brumario

Nome aplicado ao golpe de estado liderado por Napoleón Bonaparte, que rematou co Directorio da República francesa, substituído polo Consulado o día 18 de Brumario do ano VIII (9 de novembro de 1799). O nome de Brumario fai referencia ao segundo mes do ano republicano de Francia, que comezaba o 22 de outubro e remataba o 20 de novembro. Os problemas financeiros, os desastres ocasionados pola guerra contra as potencias europeas, os problemas de orde pública, a lamentable situación da instrución pública, etc, foron os principais factores desencadeantes do descontento popular que foi aproveitado polos conspiradores para poñer fin ao Directorio creado en 1795. Triunfante o golpe, que contou co apoio do exército e de destacadas personalidades da vida política francesa, e coa oposición da maioría dos membros dos dous corpos colexisladores (o Consello dos Anciáns e o Consello dos Cincocentos), creouse unha comisión executiva provisional integrada polo xeneral Bonaparte e os antigos membros do Directorio, Sieyès e Ducos, que recibiron o nome de cónsules da República, encargados de reorganizar a nación e restablecer a orde interna.

Palabras veciñas

dezanove | dezao -á | dezaoito | Dezaoito de Brumario | dezaseis | Dezaseis, O | dezaseisavo