Diana

Diana
[MIT]

Divindade feminina romana, filla de Zeus e de Leto e irmá xemelga de Apolo. Tense identificado a miúdo coa Ártemis grega, da que asimilaría moitos trazos. Orixinariamente, era a deusa das fragas e da natureza salvaxe; por extensión, tamén o foi da caza. Ademais, considerárona deusa do lume e, máis tarde, identificárona coa deusa da lúa. O seu culto introduciuse en Roma trala Confederación dos Sete Outeiros. Os dous santuarios máis antigos son os de Capua, na Campania (Diana Tifatina), e o de Aricia, preto de Roma (Diana Nemorensis); no Aventino o seu templo presidía a alianza dos pobos con Roma. Considerada tamén deusa da fecundidade, venerárona especialmente as mulleres, xa que se cría que lles proporcionaba un parto apracible ás súas favoritas. Permaneceu virxe e eternamente moza, e constituía o prototipo da doncela brava e arisca, que só se compracía coa práctica da caza. Tamén era vingativa e foron abondosas as víctimas da súa cólera. Conta a lenda que un adiviño unha vez para acalmar a súa ira, causada por unha ofensa de Agamemnon, recomendoulle a inmolación de Ifixenia -a filla do xefe da frota grega-, pero a deusa non o aceptou e substituíu no derradeiro instante a rapaza por unha cerva. As máis das lendas de Diana son historias de cetrería que presentan unha deusa salvaxe, compañeira das feras en bosques e montañas. Por esta razón, a tradición preséntaa como a deusa dos bosques, da caza e das feras, e como protectora tamén das amazonas, por seren tamén guerreiras e cazadoras. Na iconografía artística adoita representarse como unha moza cazadora, armada cun arco e frechas.

Palabras veciñas

diamina | Diamond, David Lee | diana | Diana | Diana | diana | Diana