Diario de un poeta recién casado
Obra en prosa e verso publicada por Juan Ramón Jimenez en 1916, titulada en 1948 Diario de poeta y mar, baseada na experiencia real da viaxe do autor a Nova York co gallo da súa voda. Autobiografía lírica en forma de diario, recolle as impresións que lle produciu o contacto con novos seres e experiencias, á vez que implica unha toma de conciencia case metafísica do ser captado a través de percepcións ou de sentimentos frecuentemente tumultuosos. O tema central xorde da transformación dun conflito persoal: a loita constante entre o medo infantil a traspasar as fronteiras familiares da súa existencia e o impulso cara ao amor, á madurez e á independencia. O dilema ocupa as cinco primeiras partes do libro mentres que a última, “Recuerdos de América del Este, escritos en España”, se limita ás súas observacións, a miúdo irónicas, sobre a cultura e a sociedade americana. Os poemas da primeira parte (“Hacia el mar”) céntranse na negación do amor e no apego á infancia, simbolizada pola vila natal de Moguer. Na segunda parte, a experiencia da travesía en barco adquire un valor simbólico: o mar proporciona unha imaxe expresiva do seu conflito íntimo e aparece como algo sen vida, monótono, que produce un aburrimento agoniante. Na terceira, o tema dominante do amor adulto que loita por realizarse dilúese nunha serie de comentarios irónicos sobre a vida deshumanizada de Nova York. A cuarta insiste no illamento do eu do mundo exterior, no seu temor á liberdade e á independencia da vida adulta. O poema “Partida” supón un momento decisivo na súa traxectoria espiritual, a plena consciencia do seu problema; a partir de aquí, apunta á resolución do conflito e á liberación da alma. Predominan os poemas breves, densos, con versos curtos, sen rima ou con leves asonancias, que alternan con poemas en prosa, a miúdo de corte irónico, compostos por unha gran variedade de materiais artísticos (frases en inglés, anuncios, etc) que influirán na poesía de vangarda posterior.