didascalia

didascalia

(< grδιδασκαλία ‘ensinanza’)

s f [ESPECT]

Inscrición realizada, na Grecia clásica, con motivo dos concursos teatrais na que se referían as datas de celebración e os espectáculos e autores premiados, e tamén as instrucións que os autores dos textos, que tamén eran os directores dos espectáculos, lles daban aos actores que participaban na escenificación. Posteriormente, o termo comezou a utilizarse para facer referencia ás indicacións coas que os autores dramáticos presentaban os personaxes, ou dramatis personae, e aos restantes indicadores de tempo, lugar e acción que se intercalaban entre os diálogos. Amais deses indicadores, considerados externos, tamén se poden considerar os indicadores internos, contidos no propio diálogo e que en moitas ocasións ofrecen información sobre tempos, espacios, accións, movementos ou sobre o carácter e a conduta dos personaxes. Adóitase distinguir o texto primario, conformado polos diálogos, e o texto secundario, conformado polas didascalias, nas que podemos distinguir entre os citados indicadores de tempo, espazo ou acción, e os indicadores da posta en escena, que é toda aquela información complementaria coa que o dramaturgo aconsella unha escenificación posible ou ideal do texto.