diéxese
(< gr διήγησις ‘relato’)
Sucesión dos acontecementos e accións que forman unha historia narrada ou representada. O termo foi introducido por Platón, no libro III da República (375 a C), para referirse ao relato que se transmite en palabras do propio autor, fronte á mímese ou imitación, que representa a acción a través dos diálogos dos personaxes. Na súa acepción actual, considérase sinónimo de historia, ou contido do relato, e diferénciase, por unha banda, do relato ou discurso, que designa o conxunto de palabras que compoñen o enunciado do narrador, e, pola outra, da narración, que é o acto produtor do relato. Distínguense tres niveis: o diexético, que é a historia principal; o nivel metadiexético, que se refire a unha narración subordinada ao nivel diexético, isto é, que se desenvolve dentro del, cando un personaxe conta á súa vez unha historia; e extradiexético, que se realiza fóra do ámbito da historia principal. En canto á posición do narrador fronte aos acontecementos narrados, fálase de narrador homodiexético, se é un personaxe que participa na historia que conta; heterodiexético, se non pertence á historia; e autodiexético, se é o protagonista.