Doce

Doce
[ONOM]

Antropónimo feminino que procede do latín dulcis ‘doce’. Presenta a variante cultista Dulce. É o nome da advocación mariana, o Doce Nome de María (Cuenca), aprobada polo Papa Xulio II en 1513; Inocencio XI estendeuna a toda a Igrexa en 1638 en lembranza da liberación de Viena. Documéntase no s XI: “Dulce” (doc ano 1020 en M. Lucas Álvarez, El tumbo de San Julián de Samos (siglos VIII-XII), 1986, p 98). A súa festividade celébrase o 12 de setembro. Actualmente, aparece tamén como apelido. Aínda que pode ter a súa orixe nun antigo alcume que se lle aplicaba a individuos de carácter agradable, na maioría dos casos era o patronímico (creado a partir do xenitivo latino) correspondente aos nomes Dulcis (masculino e feminino) ou Dulcius. Como apelido documéntase no s XIII: “Migeel Doze” (doc ano 1260 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 417).