drama

drama

(

  1. [LIT/ESPECT]
    1. s m

      Obra literaria destinada á representación escénica ante un público.

    2. Obra de teatro ou cine que representa situacións tristes ou dolorosas, ás veces cunha acción pincelada de matices realistas e cómicos.

    3. drama escolar

      Actividades teatrais desenvolvidas nos centros escolares e nas universidades durante os ss XV, XVI e XVII, que gozaron de moita popularidade. Normalmente, estaban asociadas ás clases de linguas clásicas ou romances, e consistían na lectura e representación de textos gregos e latinos, en latín ou en linguas vernáculas, e na escrita e representación de textos escritos polos propios alumnos ou polos seus profesores. O xénero acadou grande popularidade en Alemaña, impulsado por Martin Lutero ou por Philipp Melanchthon, por todo o movemento protestante europeo e por autores como Burckhard Waldis e Christoff Stummel. Tamén era habitual, mesmo con anterioridade, en universidades españolas ou francesas e nos colexios de diversas ordes relixiosas, como a Compañía de Xesús, responsable do desenvolvemento dunha ampla corrente teatral de carácter didáctico para impulsar a Contrarreforma.

    4. drama litúrxico

      Breve dramatización inserida nos oficios litúrxicos, cantada e representada para conmemorar o nacemento ou a morte de Xesús Cristo. As que parecen ter maior antigüidade son as documentadas nos mosteiros de Limoges (Francia), Sankt Gallen (Suíza) e Winchester (Inglaterra), de mediados e finais do s X, coñecidas como tropos. Presentan dúas modalidades básicas relacionadas co Ciclo de Nadal, como o Canto da Sibila, o Officium pastorum (visita dos pastores ao Neno Xesús), e o Ordo Stellae (visita dos Reis Magos); e co Ciclo de Pascua, como a Depositio (enterro de Cristo) e a Visitatio Sepulchri (visita ao sepulcro), da que se conservan dúas versións na catedral de Santiago de Compostela. Ademais destas primeiras manifestacións dramáticas e teatrais, a Igrexa e as confrarías tamén desenvolveron outras dramatizacións máis complexas centradas nas vidas de santos, en parábolas e exemplos, milagres, misterios ou en episodios diversos da historia sagrada, como a vida de Adán e Eva ou o sacrificio de Isaac; isto deu lugar na Idade Media a unha multiplicidade de formas de teatro relixioso das que aínda perviven en Galicia algunhas manifestacións mesturadas coa cultura popular presente en vilas como Laza, Oímbra, A Saínza ou Quintela de Leirado. Nesa tradición hai que situar igualmente os dramas da paixón que aínda se celebran en toda Europa e nalgunhas vilas de España como a Passió de Esparraguera ou o Misteri d’Elx.

  2. s m

    Xénero literario formado polas obras que se escriben para ser representadas. Segundo a Poética de Aristóteles, consiste na presentación da acción por medio do diálogo, dando lugar a tres formas dramáticas fundamentais: a traxedia, a comedia e o drama satírico. A partir do s XVIII o termo fai referencia a un xénero dramático que se sitúa a medio camiño entre a traxedia e a comedia e que destaca por reflectir os conflitos, as aspiracións e a vida cotiá da nova clase social dominante: a burguesía. A diferenza do que ocorría en Grecia ou en Roma, o ser humano, que xa goza de plena liberdade en canto individuo diferenciado e autónomo, xa non está sometido a un destino conformado polos deuses ou por forzas sobrenaturais, senón que ten que facer fronte a outros seres humanos, ás forzas sociais, ao seu pasado, ao seu futuro, a si mesmo ou á súa condición mortal. A partir dun modelo, o xénero coñece diferentes desenvolvementos, co que dá lugar ao drama romántico, ao drama naturalista, ao drama simbólico, ao drama histórico, ao melodrama ou ao drama lírico. Igualmente, co mesmo nome adóitase denominar calquera tipo de composición dramática, aínda que a acepción está máis relacionada coas pezas que tratan asuntos serios, fronte a aquelas que se ocupan de asuntos cómicos, satíricos ou burlescos, que tradicionalmente se agrupan como comedias, farsas, sainetes e outras denominacións.

  3. s m

    Acontecemento ou situación da vida real que interesa e conmove vivamente.

    Ex: As guerras son un gran drama para a poboación civil.

    Confrontacións: catástrofe, traxedia.

Palabras veciñas

Drakensberg | drakkar* | dram | drama | Dráma | Dramaten | dramática