emigración

emigración

(

  1. s f

    Conxunto de persoas que emigraron.

    Ex: A emigración galega ten moita importancia en Arxentina.

  2. s f

    Situación de quen está emigrado.

    Ex: Ten os seus pais na emigración dende que era moi pequeno.

  3. s f

    Mudanza que certos animais fan do seu hábitat, e que pode ser estacional ou permanente.

    Confrontacións: migración.
  4. s f

    Desprazamento dun individuo ou dun grupo de persoas dun lugar a outro, ben de forma temporal ou definitiva, dende o punto de vista do lugar de procedencia do desprazado. A causa principal, tanto da emigración como da inmigración, é económica; en xeral, búscase unha mellora na situación socioeconómica. Non obstante , existen outras causas que provocaron ao longo da historia un desprazamento poboacional, entre outras, a conquista militar (invasión árabe da Península Ibérica); as persecucións de carácter ideolóxico, que provocaron o exilio (republicanos españois ao termo da Guerra Civil); o traslado forzoso de man de obra que deu lugar ao escravismo (poboación africana nas Antillas durante a conquista e colonización); e a expulsión de poboación do seu país de orixe por causas diversas (musulmáns da India ao Paquistán).

    Tipos de emigración

    En función do tipo de desprazamento e da súa duración pódense establecer distintas modalidades, entre outras, a emigración andoriña, a punta, a multianual e a definitiva. A emigración estacional ou de tipo andoriña, característica da sociedade rural, afecta aos grupos de campesiños que durante unha tempada ao ano se trasladan a outras rexións para traballar nos labores agrícolas de colleita. Foi o caso dos segadores e vendimadores galegos que se trasladaban durante o verán a Castela, Extremadura e Andalucía, aínda que houbo grupos que converteron este desprazamento en anual ao continuar a súa viaxe a Cuba, onde traballaban na ceifa da cana de azucre, regresaban logo á súa terra e iniciaban despois un novo ciclo. As modalidades máis importantes foron as de longa duración e a definitiva. As dúas teñen as súas orixes na Antigüidade, aínda que non tiveron a mesma importancia en todos os momentos. Tanto unha como outra foron un modificador da demografía tanto nas zonas de expulsión como nas de acollida. Entre as súas modalidades están a emigración campo-cidade, que pode darse dentro dun mesmo territorio, relevante nos países en vías de desenvolvemento e escasa nos países máis ricos que a penas contan con excedentes demográficos rurais; a emigración de rexións atrasadas a rexións desenvolvidas, que pode darse nun mesmo marco nacional; e a emigración internacional, dende países pobres a países ricos, que pode ter un alcance continental ou intercontinental. En todas elas o factor predominante é o económico, aínda que os desprazamentos internacionais teñen tamén un compoñente político.

    Estudio e análise

    O estudio do fenómeno migratorio (emigración e inmigración) atópase coa dificultade das fontes, pois ao non existir rexistros ou haber grandes diferencias entre os datos que proporcionan debido á disparidade de criterios empregados, resulta complicado saber con exactitude o número de persoas afectadas por este fenómeno. Para as emigracións interiores, as fontes fundamentais son os censos e os padróns de habitantes, pero a obrigación de declarar eses cambios, ademais de recente, non se cumpre polos desprazados ata as renovacións censuais. Ademais, a extensión da emigración ilegal ou clandestina impide ter datos concretos; o feito de que moitos emigrantes empregasen vías ilegais para penetrar no país provocou que non figurasen nos censos e obrigou a buscar vías indirectas (restando ao saldo real o crecemento real) para o seu estudio. Non obstante , as conclusións obtidas son parciais e proporcionan moi pouca información sobre aspectos esenciais dos desprazamentos e dos desprazados. Un índice moi empregado para medir a importancia da emigración e moi útil para efectuar comparacións entre períodos ou espacios diferentes, é a taxa bruta de emigración neta, Tm=2 (1-E)/n (Pi+Pn). Obtense como resultado da división do saldo entre inmigrantes e emigrantes (I-E) pola poboación media do período (Pi=Poboación inicial; Pn=Poboación final) e polo número de anos (n) que separan ambas datas. Tamén se pode empregar no denominador a poboación inicial ou final de forma illada. Se en lugar de traballar con saldos se estudian os fluxos concretos, pódense utilizar taxas simples de emigración (En), dividindo o total de saídas (Sn) entre a poboación media (Pn) do período analizado, En=Sn/Pn.

    Consecuencias

    Polo que respecta ás consecuencias da emigración, hai que diferenciar entre as que se producen no lugar de orixe dos emigrantes e as que acontecen no lugar de destino. Na rexión ou país de orixe orixínase un progresivo avellentamento da poboación que pode verse acompañado dun desequilibrio entre os sexos, cando os fluxos son especificamente masculinos ou femininos. A saída de individuos máis novos supón unha perda da capacidade reprodutora e, en consecuencia, unha diminución da natalidade; do mesmo xeito, o avellentamento propicia un incremento da taxa bruta de mortalidade, ao que cómpre engadir o menor crecemento natural da poboación. No aspecto económico prodúcese un retroceso da produtividade, dos investimentos en educación e dos capitais familiares, se son familias completas as que emigran. As emigracións que teñen por obxecto o regreso soen traer consigo tamén remesas de cartos enviados polos emigrantes, diminución das cargas por subsidios e incremento da renda per cápita. A saída maioritaria da poboación nova cara á emigración significa tamén a ausencia de moitas das expectativas de futuro para a área emisora. Pola súa banda, na rexión de destino ou acollida danse os efectos contrapostos, é dicir, rexuvenécese a poboación e aumenta a natalidade e o crecemento natural. Na orde económica, prodúcese un aumento da produtividade do consumo e dos ingresos por cargas fiscais, ademais das cargas sociais. No eido persoal, nos emigrantes soen xurdir problemas de desarraigamento, discriminación, cambios de actividade e de forma de vida, diminución da fecundidade, aumento do seu nivel de renda e maiores posibilidades de promoción económica e social.

    A emigración a través da historia

    Os movementos de poboación máis estudiados son os que teñen afectado á poboación europea dende a Idade Moderna. A emigración non afectou a todos os países europeos por igual nin foi a mesma ao longo dos séculos. Pódense establecer catro grandes ciclos: dende 1500 a 1750, dende 1750 a 1870, dende 1870 a 1930 e a partir de 1930, agrupables en tres períodos.

    A emigración nos tempos modernos (ss XVI-XVIII)

    Os desprazamentos de poboación durante a Idade Media reducíronse ao transvasamento de poboación acaecido na Península Ibérica por mor do avance cristián cara ao S e ao producido polas cruzadas ás terras do Mediterráneo Oriental. Non obstante , co descubrimento do continente americano comezaron novos desprazamentos. As terras americanas foron colonizadas e poboadas por tres potencias: España, instalada sobre todo en Centroamérica, o Caribe e Sudamérica e en menor medida en Norteamérica; Portugal en Sudamérica; e Inglaterra en Norteamérica e o Caribe. En menor grao participaron Francia (Caribe e Norteamérica), Holanda e Dinamarca. Nos primeiros tempos da colonización europea o número de inmigrantes non era moi elevado e foi España o país que contribuíu con máis número de efectivos. Os estudios de P. Boyd-Bowman a partir das licencias de embarque concedidas pola Casa de Contratación e doutras fontes suplementarias, como os rexistros parroquiais e a correspondencia oficial e privada, contabilizaron 55.000 viaxeiros españois entre 1493 e 1600. A esta cifra cómpre engadir a emigración clandestina e ilegal. Pola súa banda, Céspedes cifrou en 240.000 os viaxeiros do s XVI, cifra na que incluíu tanto os que eran emigrantes como os que non o eran, e os conquistadores. O prezo da pasaxe, elevado respecto ao salario medio, tamén condicionou o desprazamento da poboación, polo que nestes primeiros tempos se desprazou xente con maiores recursos, pequenos propietarios rurais, artesáns e fidalgos que non atopaban medios de promoción no seo da súa propia clase social ou que estaban afectados pola erosión das rendas. A orixe territorial destes emigrantes non foi homoxénea. Antes de 1520, o 40% dos emigrantes procedían de Andalucía, porcentaxe que non baixou ao longo do s XVI do 30%; seguíanlle Extremadura (14-18%) e A Mancha (18-10%). A maioría dos emigrantes procedían entre 1493 e 1600 da cidade de Sevilla (10.386), seguidos de Toledo (1.278) e Trujillo (913). No s XVII, a emigración española a América descendeu considerablemente, en especial nos anos centrais da centuria. A crise demográfica que afectaba aos territorios da Coroa de Castela e a perda de atractivo de América contribuíron ao descenso que se fixo máis patente en Andalucía. A caída reflectiuse na diminución continuada da tonelaxe dos navíos nas viaxes de ida que chegaron aos mínimos da historia colonial nas dúas primeiras décadas do s XVIII. Despois de España, foi Portugal o país que máis efectivos enviou a América. Os datos proporcionados polos cronistas Pero de Magalhães Gandavo e o xesuíta José de Anchieta mostran que, ata mediados do s XVI, Brasil non se conformou como lugar de destino. Gandavo contabilizou 3.440 portugueses en 1570, distribuídos en 8 capitanías, que quince anos máis tarde aumentaron a 4.010, dos que o 50% residían en Baía. Ambrosio Fernandes Brandão, colono no NL de Brasil no s XVI, dividiu os emigrantes portugueses en cinco categorías: mariñeiros e tripulantes, mercadores e comerciantes, artesáns, traballadores asalariados e patróns. Tratábase de poboación desexosa de regresar a Portugal e de aforrar diñeiro para establecerse na metrópole. Dende o s XVII diversificáronse os lugares de destino, entre outros, Pernambuco, São Vicente e Minas Gerais, tralo descubrimento das súas minas de ouro. Na Norteamérica anglosaxona, a denominada Gran Migración levou a establecerse en Massachusetts entre 1630 e 1640 a unhas 20.000 persoas. O aumento da poboación foi rápido polas sucesivas achegas de emigrantes, maioritariamente británicos. En 1700 a poboación das Trece Colonias superaba lixeiramente os 250.000 habitantes, dos que case 200.000 eran brancos, cifras motivadas, entre outras causas, pola achega da emigración. Á emigración branca hai que engadir a emigración de africanos levados como escravos a traballar nas plantacións das áreas tropical e subtropical. Na primeira metade do s XVIII os comportamentos emigratorios europeos son bastante desiguais. Por unha banda, cobraron crecente importancia as emigracións estacionais que converteron os seus protagonistas en persoeiros típicos e pintorescos, tanto pola súa fala coma pola súa vestimenta; foi o caso dos segadores galegos en Castela e Andalucía, e os carboeiros da Auvernia en París. Por outra banda, nas emigracións transoceánicas as saídas dende o porto de Cádiz, que substituíu a Sevilla como porto de embarque para América, descenderon pero, sobre todo, experimentaron fondos cambios no referente ás orixes rexionais dos emigrantes, á composición por idade, ao estado civil e á condición social. Os cálculos realizados por Sánchez-Barba, a partir das saídas rexistradas pola Casa de Contratación, cífranse en 350 persoas ao ano, ás que engadiu un 50% máis correspondente á emigración clandestina. A isto cómpre engadir que dende o derradeiro cuarto de século os emigrantes podían saír doutros portos españois. Entre as achegas rexionais, os andaluces continuaron mantendo a primacía, aínda que a súa participación descendeu a menos da metade da que representaba en termos porcentuais no s XVI. Pola contra, aumentou o número de emigrantes do N de España, en especial Euskadi, Castela-León e Galicia, mentres que os procedentes da Mancha e Extremadura ocuparon os derradeiros postos. Ademais, un 20% das licencias concedidas para trasladarse ás Indias tiveron como beneficiarios a estranxeiros, circunstancia que se debeu ao novo contexto internacional de alianzas do s XVIII. Neste século emigraron fundamentalmente españois, italianos e portugueses. En relación á composición por sexo e idade, foi sobre todo masculina e formada por xente nova, na que predominaban os solteiros (82%). Por profesións, o grupo maioritario defínese como criado (37%), termo co que se ocultaba a falta de formación profesional e, principalmente, os labregos. A emigración portuguesa a Brasil acadou os seus máximos durante o ciclo do ouro e dos diamantes (1690-1760), cuns 300.000 portugueses, que probablemente representen 500.000 para todo o século. Nas Trece Colonias de América do Norte a emigración axudou ao aumento de poboación. Calcúlase que en 1776 vivían nestes territorios 1.950.000 brancos, mestura de irlandeses, escoceses, franceses, alemáns, holandeses e suecos, e 520.000 negros, ademais duns 100.000 indíxenas censados. O s XVIII foi, por outra banda, a gran centuria da escravitude. Ademais, producíronse outros desprazamentos da poboación. A partir de 1763 as terras rusas abríronse á emigración occidental de alemáns, húngaros, franceses, austríacos e suízos, e o baleiro poboacional xurdido pola expulsión dos musulmáns trala conquista de Crimea encheuse con poboación rusa, xudía e de Europa Occidental. En Europa houbo tamén unha crecente emigración doméstica do campo á cidade que non afectou a todo o continente, senón a aquelas áreas onde aparecían núcleos industriais acompañados de transformacións no campo que expulsaban man de obra. O proceso acelerouse no s XIX.

    As grandes migracións (dende 1850 ata 1945)

    Durante o s XIX produciuse o maior transvasamento de poboación europea tanto no eido doméstico como no intercontinental. Entre os factores favorecedores da emigración sitúanse a explosión colonialista de mediados de século, o incremento da poboación mundial e as transformacións derivadas da revolución industrial e urbana, tanto no eido demográfico (mellora das condicións de vida), coma económico. O gran desenvolvemento urbano acaecido en Europa propiciou, entre outros factores, a emigración do campo ás cidades, á que cómpre engadir as emigracións estacionais, as tradicionais da sega e da colleita e outras novas como as dos mercadores de tecidos e viños. Os desprazamentos de carácter internacional foron definitivos, de longa duración ou estacionais. No eido europeo, os emigrantes procedentes da Europa oriental e mediterránea dirixíronse aos países occidentais, principalmente Francia, Alemaña e Suíza. Non obstante , o máis importante pulo migratorio europeo foi o transoceánico. Entre 1850 e 1930 saíron cara a outros continentes 51,7 millóns de persoas, dos que algo máis da metade correspondía ás achegas inglesas (22%), italianas (19,1%) e irlandesas (14,1%). Do total de emigrantes europeos, o 85% dirixíronse cara a América e o resto a Australia, Nova Zelanda e aos territorios coloniais. Pola súa banda, dos emigrados a América, o 62% instaláronse nos EE UU, o 9% na Arxentina e o 7% en Brasil. A Canadá emigrou máis xente que a Brasil, pero as cifras resultan enganosas, pois unha parte moi considerable dos emigrantes a aquel país o utilizou como porta de entrada nos EE UU, polo que a proporción dos que se instalaron resultou menor que no país sudamericano. A maior parte dos emigrantes eran campesiños de áreas onde existía unha forte presión demográfica sobre uns recursos limitados (Irlanda, Galicia e o Mezzogiorno italiano), un empeoramento das condicións de traballo ou un incremento das rendas (Austria-Hungría, Balcáns e Rusia), pero tamén houbo emigrantes urbanos afectados pola destrución de emprego derivada dos cambios tecnolóxicos que castigaron especialmente aos sectores tradicionais do artesanado. Nos países emisores houbo unha decidida oposición, en Italia coa chamada Circular de Menabra (1868), que impoñía ás autoridades a prohibición da saída de emigrantes cara a Alxeria e América se estes non demostraban contar con contratos de traballo ou garantías de medios de subsistencia; e en España manifestouse por parte dos sectores máis ilustrados da sociedade e nos sucesivos gobernos dos períodos afonsino e cristino que procuraron desincentivala con obstáculos legais. As prohibicións para emigrar ás repúblicas de América do Sur levantáronse por unha Real Orde do Ministerio de Gobernación en 1853 e a liberdade completa para emigrar, coa única excepción das mulleres casadas que non o podían facer sen o consentimento marital, promulgouse na Lei de Policía de 1888, cláusula que se mantivo ata 1919. Ademais de América Latina, os emigrantes europeos dirixíronse aos EE UU, onde co paso do século aumentou a poboación de orixe europea, en especial dende a década de 1840. A comezos de século calculábanse uns 10.000 emigrantes ao ano, cifra que ascendeu a 250.000 entre 1847 e 1855, e a 400.000 entre 1880 e 1895. Fóra do marco americano, a emigración europea foi ilimitada e dirixiuse, en menor medida, a Australia, Alxeria e o N de África. A readaptación de fronteiras trala Primeira Guerra Mundial xerou novos desprazamentos de poboación motivados por cuestións étnicas. Entre outros, cómpre destacar o dos maxiares que abandonaron Romanía, Iugoslavia e Checoslovaquia; dos gregos do territorio turco; dos turcos que fuxiron dos territorios grego, búlgaro, iugoslavo e romanés; e dos rusos que abandonaron o país trala Revolución de 1917. Pola contra, a emigración transoceánica freouse, así nos vinte anos posteriores á Primeira Guerra Mundial establecéronse nos EE UU 2.826.142 europeos e outros tres millóns en Hispanoamérica. Calcúlase que 9,2 millóns de europeos emigraron dos seus países de orixe para trasladarse a outros próximos. Tales fluxos foron predominantemente de S a N e de L a O. Deste número, un 67% emigrou como consecuencia dos nacionalismos que non apreciaban as minorías étnicas. Francia foi o país que recibiu o maior número de emigrantes procedentes, maioritariamente, de Italia, Polonia, Rusia, España e Bélxica. As crises políticas e as persecucións racistas inmediatamente anteriores á Segunda Guerra Mundial incentivaron novas saídas. Entre outros, calcúlanse máis de 300.000 xudeus e 230.000 checos que saíron de Alemaña, 150.000 xudeus e 250.000 alemáns que abandonaron Checoslovaquia, e entre 500.000 e 600.000 republicanos que marcharon de España trala Guerra Civil. A crise de 1929 provocou que moitos países americanos promulgasen leis para restrinxir a entrada de emigrantes, ás que hai que engadir a negativa dos réximes totalitarios europeos a permitir a saída de traballadores cara ao exterior. Polo que respecta á evolución da emigración española ao longo do s XIX, os primeiros datos referentes á emigración transoceánica son de 1860. Calcúlase que entre 1830 e 1860 houbo 200.000 emigrantes procedentes maioritariamente de Galicia, Canarias e Catalunya. O destino prioritario foi Cuba ata 1899. O punto álxido conseguiuse en 1894 coa chegada de 27.636 españois sen contar militares. Despois de acadar a independencia, Cuba mantivo o fluxo migratorio ata 1925, para caer de xeito irreversible dende ese ano; o máximo situouse en 1920 con 97.569 emigrantes españois. Puerto Rico non foi un destino atraente e, ao converterse en colonia dos EE UU, viuse afectado pola restritiva lexislación estadounidense. A chegada de emigrantes españois á Arxentina aumentou ano a ano dende 1860, situándose no punto máis álxido en 1912 con 165.000 emigrantes; a supresión da escravitude e a necesidade de man de obra nas plantacións brasileiras contribuíron á chegada de españois, dos que entre 1882 e 1930 se contabilizaron uns 577.729. En Uruguay, o desenvolvemento gandeiro e a estabilidade política atraeron dende 1904 a numerosos españois que se estableceron en Montevideo; por diversas causas, México, Chile e Panamá foron lugares con menores índices. Calcúlase que entre 1860 e 1936 emigraron 4.739.218 españois, nos que se inclúen os emigrantes clandestinos a través dos portos de Xibraltar, Bordeos e o N de Portugal. Desta cantidade, algo máis de dous millóns non regresaron a España. Foi unha emigración serodia en relación a outros países europeos, pois a metade das saídas se produciron entre 1903 e 1913, e tampouco acadou as mesmas taxas migratorias, que se situaron en 1.200 emigrantes por cada 100.000 habitantes en 1912. Predominou a emigración masculina aínda que a proporción de mulleres aumentou ao longo do primeiro tercio do s XX e pasou de 4 homes por muller en 1900 a 2,5 en 1920. O 65% dos emigrados eran menores de 30 anos e a maior parte eran individuos solteiros, aínda que a emigración das familias foi cada vez máis importante e pasou de representar o 28,5% en 1920 ao 40,3% en 1934. A maior parte dos emigrantes eran orixinarios das zonas rurais e declarábanse agricultores; no referente ao nivel de instrución, o nivel de alfabetización estaba entre o 70% (1900) e o 80% (1920). Houbo rexións como Madrid, Extremadura, Murcia e Castela-A Mancha que se mantiveron á marxe deste proceso con presencias insignificantes no fluxo de saídas; Aragón, Navarra, La Rioja e València, aínda que con maior participación, tamén se mantiveron en niveis modestos por debaixo da media española; rexións de emigración intermedia foron Andalucía, Catalunya, Balears e Castela-León; e de migración masiva foron as do N, Galicia, Asturias e Cantabria, ademais de Canarias. Galicia foi a rexión que exerceu a hexemonía da saída de emigrantes e representou ela soa taxas de emigración por 1.000 habitantes que quintuplican a española. A crise de 1929 e a Guerra Civil provocaron un descenso nas saídas de emigrantes; ademais, a saída de españois por motivos políticos afectou a sectores socioeconómicos que ata o momento estiveran á marxe do fenómeno emigratorio, entre outros, a burguesía industrial e comercial e as profesións liberais. O número de exiliados políticos entre 1936 e 1945 móvese entre os 300.000 e os 600.000. No eido europeo, os españois dirixíronse cara a Francia. De 29.736 españois en 1851, pasouse a 80.000 en 1900, 250.000 en 1920 e 352.000 en 1931, procedentes na súa maioría das rexións mediterráneas. En 1945 a cifra descendeu a 300.000, feito que se pode explicar tanto pola saída cara a América de exiliados, chegados despois de 1939, como pola saída de antigos emigrantes que fuxiron da invasión nazi. Dende finais do s XIX producíronse movementos emigratorios dentro do territorio español e as áreas rurais comezaron a despoboarse en beneficio das zonas urbanas e industriais.

    As emigracións contemporáneas dende 1945

    Trala Segunda Guerra Mundial e tralos procesos de descolonización, houbo outro ciclo de desprazamento poboacional. Por unha banda, o exilio forzoso de deportados, expulsados e refuxiados e, pola outra, a necesidade de man de obra para a reconstrución de Europa Occidental contribuíu ao seu aumento. En Asia, a partición da India e Paquistán provocou o desprazamento de musulmáns sikhs e hindús; ao traslado de xudeus a Palestina sumouse a saída de poboación árabe trala creación do Estado de Israel; as particións de Corea e Vietnam e a Revolución chinesa provocaron o desprazamento de millóns de persoas; e o trazado de novas fronteiras en África provocou o movemento das diversas etnias. En Europa Occidental, a demanda de traballadores produciu unha importante saída de emigrantes dende Europa Meridional e Central; España, Portugal, Italia, Iugoslavia, Turquía, Grecia e o N de África proporcionaron o maior número de emigrantes. En Alemaña vivían en 1970 2.977.000 estranxeiros, cifra que ascendeu en 1990 a 6.990.500, procedentes nesta data dos países do L, de Turquía, Asia, Latinoamérica e do Mediterráneo Oriental. O segundo destino foi Francia, con 2.621.000 emigrantes en 1970 e 3.596.000 en 1990, procedentes nesta década do Magreb. A disolución dos imperios coloniais levou á emigración de contixentes de poboación das colonias ás metrópoles; foi este o caso dos emigrantes procedentes dos países que formaron a Commonwealth, que se instalaron no Reino Unido, e dos indonesios e surinameses cara a Holanda, aos que cómpre engadir algo máis de 7 millóns de europeos que regresaron ao continente entre 1940 e 1975. Con anterioridade a 1980, o país europeo que tivo máis intensa emigración foi Portugal. Procedentes en gran parte das terras miñotas, moitos portugueses, na maior parte sen papeis de ningún tipo, lanzáronse á aventura emigratoria cara aos países desenvolvidos europeos, singularmente Francia. Entre 1950 e 1974 abandonaron o país luso 1.750.000 persoas, o que representa o 20% da poboación total; a maior parte eran homes novos, de idades comprendidas entre os 22 e os 30 anos, procedentes do medio rural e a miúdo analfabetos. Este éxodo migratorio causou o envellecemento e feminización da poboación portuguesa, perceptible ata os comezos da década dos noventa. Ata 1960 continuou dirixíndose cara aos destinos tradicionais americanos (Brasil, Arxentina e, dende 1945, Venezuela); dende entón, o principal destino foron os países europeos. A integración de Portugal nas comunidades europeas en 1985 facilitou máis saídas a partir dese ano. Os destinos dos portugueses foron Francia, Alemaña, Suíza, Canadá, Australia e os países de Oriente Medio. En Italia houbo unha dobre corrente migratoria, case sempre orixinada nas rexións agrarias do S da península e das illas mediterráneas, a primeira, de carácter interno, tivo como destino o N industrializado e a segunda dirixiuse a Suíza, Alemaña e Francia. Ademais, como membro fundacional da Comunidade Económica Europea contou, dende 1961, coa vantaxe da simplificación dos trámites para conseguir permiso de traballo e de residencia, feito que facilitou a instalación dos emigrantes italianos nos estados membros. Outros países destacados polo seu número de emigrantes foron Iugoslavia e Grecia, onde a emigración exterior estivo favorecida pola desigual distribución da poboación e, no caso iugoslavo, pola forte oposición cultural e étnica ás migracións internas. Na década dos sesenta saíron de Iugoslavia 800.000 individuos, que procedían maioritariamente de Croacia, Bosnia-Herzegovina e Eslovenia. O 75% desta emigración, case exclusivamente masculina, instalouse en Alemaña. Croatas e eslovenos establecéronse tamén en Austria. Os gregos desenvolveron simultaneamente dende 1955 a emigración transatlántica (EE UU e Canadá) e novas tendencias migratorias cara a Europa. Nos primeiros anos da década dos sesenta emigraron 300.000 persoas que pasaron a un ritmo de 100.000 saídas anuais de media no quinquenio seguinte. Aínda que en menor número que os italianos, os gregos viron facilitada a súa incorporación ao mercado laboral do centro e do norte europeo despois de terse adherido á CEE. En España, os movementos migratorios interiores acadaron unha enorme importancia e afectaron ás rexións agrarias e atrasadas (Galicia, Extremadura, A Mancha e Andalucía), en beneficio das que estaban a medrar economicamente (Catalunya, Euskadi, Madrid, Levante e Balears). Entre 1951 e 1960 mobilizáronse en termos netos un millón de persoas. No quinquenio seguinte os traslados interprovinciais experimentaron unha forte intensificación e atinxiron a cifra de 877.373 persoas. Os emigrantes instaláronse en Barcelona, Madrid, València, Bizkaia e Gipuzkoa. As emigracións exteriores demoráronse ata mediados dos anos corenta; ata finais da década seguinte os países hispanoamericanos foron os destinos preferentes. Entre 1946 e 1959 saíron para América aproximadamente 600.000 persoas, das que o 33,3% se instalaron na Arxentina, o 31,4% en Venezuela, o 15,1% en Brasil e o 6,4% en Uruguay. No novo destino de Venezuela, os españois representaban en 1958 o 41,3% do total de emigrantes instalados; deles, un terzo procedía de Canarias e outro de Galicia. Na década seguinte entraron no país 183.567 españois. A emigración transoceánica continuou nos anos seguintes pero xa en número cada vez menor (115.000 entre 1960 e 1965). Esta caída debeuse ás sucesivas crises políticas e económicas que se sucederon neste continente nos anos sesenta e que o converteron en pouco atractivo, pero tamén tivo unha enorme influencia o feito de que, dende 1956, apareceron como novo destino para os españois os países norte e centroeuropeos. Entre 1960 e 1975 saíron cara á Europa desenvolvida 1.136.917 emigrantes, cifra moi inferior aos 5,5 millóns afectados polas emigracións interiores no mesmo período, pero que superaba amplamente a que correspondía aos destinos americanos. Aínda que en cifras moi baixas, esta emigración mantívose. Entre 1976 e 1989 emigraron a América 20.576 persoas con características moi diferentes ás da emigración tradicional. Predominaron os profesionais, os relixiosos e o voluntariado laico que desempeñou misións de solidariedade en áreas marxinais e empobrecidas. Tamén cómpre destacar a importancia da emigración feminina en certas rexións (Galicia e Catalunya), coa profesión declarada de “os seus labores”, feito que evidencia que se trata dun fenómeno de reunificación familiar máis que de saída por motivos económicos ou laborais. A comezos da década dos noventa vivían en América un total de 794.786 españois, segundo o Instituto Español de Emigración, cifra reducida se se considera a amplitude do continente. A emigración exterior permitiu ao réxime franquista diminuír o paro, ao mesmo tempo que as divisas que chegaban polas remesas dos traballadores do exterior axudaron a financiar os plans de estabilización. Entre 1961 e 1966 saíu o maior número de emigrantes (913.952); dende esa data o número de saídas reduciuse, ao tempo que aumentaron os retornos. Este proceso provocou que, se en 1939 a poboación agraria superaba á urbana, en 1980 o 60% da poboación vivía, sen contar o total das cidades, nas 23 áreas consideradas metropolitanas. Madrid e Barcelona (esta coa súa área de influencia incluída) atinxían nese ano os 3.000.000 de habitantes cada unha, mentres que os ingresos achegados polos emigrantes permitían a modernización de certas partes de España, feito que incrementou os desequilibrios entre a España rica e a España pobre, desequilibrios que, en termos demográficos, de infraestrutura e de desenvolvemento económico, se acentuaron nos anos seguintes. Cómpre destacar tamén a modalidade de emigración temporal, especialmente a Francia para traballar no agro, que afectou a millón e medio de persoas entre 1962 e 1976 só no referente a este país. As rexións das que máis emigrantes cara a Europa saíron foron Galicia, Andalucía, Murcia, València e Castela-León. Esta emigración tivo unha moi alta taxa de retorno, pois os emigrantes buscaban traballar uns anos para solucionar problemas de promoción persoal e familiar, entre outros, pagar débedas, mercar vivendas, montar pequenos negocios, pagar os estudios dos fillos, axudar a familia e modernizar as explotacións agrícolas, e logo regresaban. En poucos casos os emigrantes instaláronse nos países de recepción con carácter definitivo ou a moi longo prazo. Dende mediados dos anos setenta, e de xeito máis acentuado dende a década seguinte, o continente europeo pasou de terra de emigración a terra de inmigración. Este feito non afectou en exclusiva a aqueles países como Francia, Alemaña, Bélxica, Suíza, Holanda e Austria que tiñan xa unha gran tradición de acollida, senón tamén aos países meridionais nun fenómeno inédito na súa historia. A crise do petróleo en 1973 favoreceu a implantación de medidas restritivas para acoller traballadores estranxeiros. Alemaña tomou as primeiras medidas ese mesmo ano, seguíronlle Bélxica en 1974 e Francia en 1981 e 1982. Non obstante , estas medidas amosáronse ineficaces e a emigración procedente dos países norteafricanos e de Turquía non deixou de medrar. En Alemaña había 1.966.000 turcos en 1955 que representaban o 28% do total de estranxeiros; nese mesmo ano, en Francia residían 1.630.000 magrebís (45% dos estranxeiros), dos que 614.000 eran alxerianos, que en 1982 acadaron a cifra de 805.000 para descender a 620.000 en 1990. Pola contra, marroquís e tunecinos non deixaron de medrar pasando os primeiros de 260.000 en 1975 a 585.000 en 1990, e os segundos de 82.000 a 207.000 nos mesmos anos. Países como Italia, España e Portugal sufriron o cambio de ser exportadores netos de man de obra a importadores netos. Italia, que tiña na década dos sesenta un saldo migratorio negativo de máis de 1,5 millóns de individuos, contaba con 450.000 emigrantes estranxeiros en 1985 e 700.000 en 1995. España, que na década dos setenta pasou de saldos negativos a positivos nas migracións polo retorno de medio millón de españois que regresaban dende Europa e mesmo dende Hispanoamérica, pasou nos oitenta a ser o destino dun moderado número de emigrantes estranxeiros. Se en 1985 eran 158.000, a cifra en 1995 subiu a 475.000, o que representaba o 1,2% da poboación total do país. Portugal foi o destino, segundo as estimacións oficiais, de 150.000 emigrantes procedentes maioritariamente das antigas colonias a comezos dos anos noventa, cifra que se duplicou a finais da década. Ademais, dende os anos oitenta Europa recibe emigrantes procedentes de lugares con pouca tradición emigratoria, como africanos subsaharianos, hispanoamericanos e xentes procedentes do S e do SL asiático. A caída dos réximes do socialismo real provocou saídas masivas dende a Europa Oriental á Occidental; polacos, búlgaros, romaneses, cidadáns das novas repúblicas caucásicas, centro-asiáticas e balcánicas emigraron aos países da Unión Europea. Esta situación agravouse dende mediados dos anos noventa cando a presión sobre as fronteiras dos países máis ricos se fixo moi forte, con porcentaxes moi altas de inmigración ilegal, organización de grupos mafiosos especializados no transporte de traballadores e multiplicación de conflitos sociais motivados pola xenofobia e o racismo nos territorios de acollida. A emigración considerada ilegal, é dicir, dos chamados sen papeis, cobrou niveis extraordinariamente altos e afectou especialmente aos países europeos do Mediterráneo Occidental. No mes de febreiro detivéronse na fronteira española ou dentro do país case 100.000 persoas, procedentes na sua maioría de Marrocos, Bolivia, Colombia e Ecuador. Mesmo países que nunca tiveran problemas neste sentido, como Finlandia, Dinamarca, Suecia, Portugal e Grecia, comezaron a aprobar leis restritivas ante o temor dun aumento incontrolable. A poboación estranxeira en España, sumando os emigrantes procedentes da Unión Europea e de terceiros países, era de 499.773 persoas en 1995, e chegou a 1.109.060 en 2001, dos que 659.179 eran cidadáns extracomunitarios; neste grupo, o maior volume correspondía aos procedentes de Marrocos (219.731), seguidos de Ecuador (82.765), Colombia (39.538) e China (35.046). Ademais de Europa, outro destino importante para os emigrantes a partir de 1945 foron os EE UU. Se ben durante a década de 1930 e durante o transcurso da Segunda Guerra Mundial foi un país que acolleu moitos xudeus que fuxían das persecucións do nazismo, o goberno aplicou leis restritivas e con evidentes connotacións racistas na década dos cincuenta para controlar os fluxos migratorios. Malia estas leis, entre outras a MacCarran-Walter Inmigration Act (1952), os EE UU convertéronse nun lugar de destino para un gran número de emigrantes procedentes, maioritariamente, do mundo hispano: mexicanos, portorriqueños e cubanos conforman os grupos maioritarios, seguidos de colombianos, salvadoreños, dominicanos e doutros países. Aos emigrantes hispanos cómpre engadir os asiáticos, procedentes na súa maioría de Filipinas e do SL do continente.

    A emigración galega a través da historia

    O fenómeno emigratorio en Galicia é un proceso de longa tradición histórica. Non obstante , presenta diversas caras segundo as épocas e as súas modalidades. En liñas xerais, as motivacións repítense; son entre outras, os desequilibros demográficos, as crises agrarias e a busca de oportunidades para mellorar de condición. Durante a Idade Media, os galegos participaron activamente na repoboación das terras gañadas aos musulmáns. Topónimos como Galleguillos, Aldea Gallega e Navagallega amosan a presenza de colonos foramontaos nas terras do Douro e o Texo, tanto en Portugal coma en León, e cando se repoboan os territorios dos vales do Guadiana e do Guadalquivir, na Mancha, Extremadura e a Andalucía Occidental. Dende a segunda metade do s XIII, esta corrente poboacionista procedente de Galicia freouse debido tanto ás crises políticas, sociais e económicas que azoutaban a Galicia e ao Reino de Castela como pola propia suspensión do avance cara ao S durante máis de 200 anos. Durante os primeiros tempos do descubrimento, conquista e colonización das Indias Occidentais a participación galega foi moi modesta. Paradoxicamente, tivo máis importancia proporcional a presenza de vicerreis, gobernadores, oidores de Audiencia, bispos e frades de orixe galega. Aínda que as cifras que habitualmente se manexan para o estudo da emigración peninsular cara a América nos ss XVI e XVII non reflicten a realidade deste fenómeno, e son bastante menores das que os historiadores admiten como máis achegadas á realidade, a proporción galega é baixa sexan unhas ou outras. Parece que en ningún caso superou o 1,2% do total dos emigrantes. Esta escasa proporción destaca máis se se considera que nesa centuria a poboación galega duplicou o seu volume. Na segunda metade do s XVIII a situación cambiou e Galicia comezou a adiantar a rexións de maior tradición emigratoria transoceánica, ata colocarse nos primeiros lugares. Os factores que desencadearon este cambio foron de índole demográfica e económica. No eido demográfico, Galicia asistiu a un aumento de poboación. A finais do s XVIII a densidade de 46 h/km2converteu a Galicia na rexión máis densamente poboada. Non obstante , este crecemento tivo como fondo unhas estruturas produtivas atrasadas, unha maior demanda de terra e un incremento dos prezos dos produtos básicos. Todos estes compoñentes se procesaron simultaneamente e puxeron en marcha mecanismos de expulsión de man de obra, non só a América. Segundo o padre Sarmiento, en 1748 había 45.000 galegos en Lisboa e importantes núcleos en Madrid, Sevilla e Cádiz, ao que cómpre engadir a emigración andoriña cara a Castela, A Mancha, Extremadura e Andalucía para traballar como segadores, práctica que se estendeu durante dous séculos. América foi o principal foco de atracción, xa que ao longo da centuria se estableceron condicións especiais de relación entre os portos americanos e os galegos. Ademais, en 1778 xurdiu a Expedición das Familias coa que, dun xeito oficial, se pretendía poboar a costa patagónica. A finais do s XVIII os galegos representaban xa a metade dos españois que habitaban Bos Aires e o 15% da poboación total da cidade. Estímase que en todo o s XVIII entre 300.000 e 350.000 galegos emigraron a América. A emigración foi, por unha banda, unha saída ao crecemento demográfico e contribuíu a proporcionar recursos económicos ás familias campesiñas, pero por outra banda tamén freou o desenvolvemento do país. No eido económico, Galicia entrou no s XIX nunha situación de impasse na agricultura. A mellora dos rendementos agrícolas dependía en exclusiva do incremento da superficie cultivada á conta dos montes veciñais e das terras de gándara; as melloras técnicas freábanse tanto pola mentalidade conservadora como polo minifundismo. Este estancamento tecnolóxico tivo que ser compensado cun maior consumo de traballo persoal. A agricultura debía responder á crecente demanda por mor da medra demográfica. En 1826 Galicia tiña 1.585.419 h, o que representaba o 11,2% do total da poboación española; desta cantidade, o 87% correspondía á poboación rural, porcentaxe que non tiña parangón en ningunha outra rexión de España. A emigración presentábase, neste panorama, como a única solución posible ao desequilibrio entre poboación e recursos agrarios. A desamortización dos bens eclesiásticos e de bens propios acelerou a crise agrícola. O paso dunha propiedade vinculada ou amortizada a unha propiedade individual beneficiou moi pouco o campesiñado que non tiña capacidade para mercar a terra. A conversión dos labregos de foreiros en donos de seu, foi un longo proceso que comezou coa Lei Madoz de 1855 e rematou na Lei de 1963 que declaraba a supresión definitiva do foro no prazo de dez anos. Ademais, hai que sinalar a reforma tributaria de 1845, que implantou as contribucións sobre inmobles, gando e cultivos. Finalmente, a crise estendida entre 1852 e 1855, espallou a fame polo país e acabou por abrir definitivamente a porta da emigración masiva cara a América. Ata 1850, a emigración galega ralentizouse en relación ao derradeiro terzo do s XVIII. A. Eiras Roel calcula en 93.040 as saídas entre 1836 e 1860, o que representa o 40% do total de españois emigrados no mesmo período. Os destinos preferentes foron Río de la Plata e Cuba. As crónicas xornalísticas e os informes dos funcionarios españois mostran as duras condicións nas que vivían os emigrantes. Dende 1860, a emigración iniciou unha subida imparable que, con poucas oscilacións, se mantivo ata 1929. Entre 1860 e 1870 saíron para América 160.000 emigrantes, un 80% máis que nos trinta anos anteriores. A fins de século, os galegos eran o grupo maioritario nos principais países receptores. Representaban o 54% dos españois en Bos Aires, o 65% en Montevideo, o 40% en Cuba e o 70% en Brasil. Esta saída masiva abriu un forte debate no seo da sociedade galega; se para a maior parte dos políticos da Restauración se trataba dunha solución óptima, para a intelectualidade foi unha traxedia e a mellor mostra do fracaso do país. Non obstante , a comezos do s XX as críticas moderáronse. A afluencia de capitais grazas ás remesas dos emigrantes estaban a provocar un cambio no agro galego. Os campesiños podían redimirse dos foros, mercar terras e mellorar as vivendas, o gando e as técnicas de cultivo. Os xornais galegos conseguían unha importante fonte dos seus recursos nos anuncios dos axentes navieiros e polo tanto foron remisos a abrir as súas páxinas a opinións contrarias. Tampouco os partidos e sindicatos oposicionistas foron capaces nestes anos de articular unha alternativa ao fenómeno migratorio. No propio seo do nacionalismo acabou por asumirse como un mal necesario para capitalizar o país. Nas primeiras décadas do s XX, a emigración intensificouse e practicamente non quedou bisbarra galega allea a este proceso. Entre 1911 e 1930 saíron do país 733.176 persoas, o 42% da emigración española nestes anos. O perfil de emigrante galego era o varón comprendido entre os 14 e os 30 anos. As mulleres non estiveron ausentes pero participaron en menor proporción, se ben esta se incrementou na década dos vinte e coincidiu cunha caída no número de saídas, non baixando nesas décadas do 30% cando na década anterior non se superaba o 16%. A emigración feminina tivo carácter definitivo case na súa totalidade, mentres que a masculina tivo un moi alto índice de retorno. Profesionalmente, os emigrantes galegos declarábanse na súa maioría agricultores e procedían do medio rural; o índice de alfabetización dos que saían era superior ao da poboación que ficaba (2/3 fronte a 1/2). Por destinos, as provincias galegas amosan comportamentos diferenciados; mentres que Lugo definía preferencias por Cuba e Ourense por Brasil, Pontevedra inclinouse por Arxentina e A Coruña por Uruguay. Esta situación pódese interpretar a partir do feito de que existía en Galicia unha cultura migratoria moi antiga xa especializada e/ou que, polo menos para o caso de Brasil, funcionaban as redes de captación de emigrantes (os denominados ganchos) e os lazos familiares entre ambas beiras do océano. A crise de 1929 marcou o final das grandes migracións transoceánicas e, por primeira vez en moitos anos, as estatísticas da década dos trinta mostran máis retornos ca saídas. Trala Guerra Civil, a situación económica galega foi moi grave. Galicia saíu da Guerra Civil española nunha situación de completo afundimento da súa economía. Os procesos de modernización iniciados en 1890 paralizáronse e os datos económicos, entre outros, os da distribución de poboación activa segundo sectores produtivos, o consumo de enerxía, os rendementos agrícolas por ha, a participación da industria no PIB e a poboación urbana, indicaban unha situación de completo subdesenvolvemento. A proporción de poboación rural en relación á total atinxía unhas cifras que non tiñan parangón en ningunha outra parte de Europa e a extensión de terra cultivada por habitante era a menor de toda España. Estes factores contribuíron a reanimar a emigración. Segundo datos do Instituto Español de Emigración, nos anos corenta saíron de Galicia 115.359 persoas, o 45% do total da emigración española. Nas dúas décadas seguintes engadíronse a esta cifra 500.000 persoas máis. Os destinos ata 1960 continuaron a ser os tradicionais, aos que se engadiu Venezuela. Dende ese ano, os países desenvolvidos da Europa Central e Occidental pasaron a acoller a maior parte dos que emigraban. Do medio millón antedito, 385.962 galegos foron traballar a Europa. Esta cifra converteu a Galicia na segunda rexión española exportadora de man de obra, só superada en 3.000 emigrantes por Andalucía, e na primeira se se considera a proporción entre emigrantes e poboación total (13,3%). A esta cifra cómpre engadir outros 70.000 galegos que emigraron nos sesenta a outras rexións españolas. A emigración galega a Europa tivo características diferentes da que se dirixiu a América. A máis destacada é a preponderancia dos casados sobre os solteiros; ademais, non era excepcional a emigración do matrimonio que deixaba os fillos en Galicia ao coidado de parentes, feito que incrementou a participación feminina que sempre estivo, sen embargo, moi por debaixo da masculina (en Alemaña a proporción de homes galegos emigrados en relación ás mulleres era de 3/1). Tratábase de xente nova entre os 15 e os 40 anos, de orixe rural, con niveis de alfabetización que rondaban o 95% e que se integraban en actividades laborais do sector secundario. A emigración a Europa tivo unha moi alta taxa de retorno, pero provocou problemas de adaptación superiores aos xurdidos en América, por ser os países de destino de lingua e cultura diferentes. A partir dos anos setenta a emigración galega, sen cancelar definitivamente un ciclo histórico de longa duración, perdeu forza ao pecharse os destinos europeos por mor das crises económicas de 1973 e 1982. O xurdimento doutros países de acollida, entre outros, Australia, Canadá e os países produtores de petróleo, non resultou moi significativo polo afastamento, as diferencias lingüísticas e culturais e polas esixencias de contratos laborais previos. A emigración intrapeninsular cara ás áreas máis urbanizadas e industrializadas de España, que precisaban de man de obra barata e non cualificada, foi tamén intensa, pero cunha menor forza ca a emigración exterior. Estímase que durante os primeiros setenta e cinco anos do s XX se desprazaron un cuarto de millón de galegos cara a Barcelona, Madrid e Euskadi, aínda que o período máis intenso deses movementos se deu entre 1962 e 1975, cando saíron cara a estes destinos uns 76.000 galegos, a maior parte deles cara a Barcelona (45%), sendo moi importante nesta corrente a emigración familiar. As saídas cara a outros puntos de España mantivéronse especialmente nas zonas turísticas (Canarias, Illes Balears, Levante e Costa del Sol), unhas veces como emigración andoriña e outras de máis longa duración. O saldo migratorio é positivo, debido ao retorno de emigrantes que acadou valores notables ao longo dos anos oitenta. A situación económica e política de Arxentina dende finais dos anos noventa provocou un retorno masivo de emigrantes e descendentes de galegos que aumentou considerablemente nos primeiros meses de 2002. Dende comezos dos anos oitenta obsérvase un incremento dos movementos interiores galegos, con desprazamentos dunha gran cantidade de poboación dende os espacios rurais cara aos espacios urbanizados do corredor litoral atlántico e cara ás cidades e vilas do interior. Nos anos noventa, a media anual de saída de galegos para traballar fóra da súa terra foi de 20.000 persoas. O factor emigración, unido ao da baixa natalidade, incidiu en dous aspectos que definen a poboación galega; por unha banda, a perda global de habitantes e, pola outra, o desequilibrio interior, con 2/3 da poboación galega vivindo na orla costeira e co interior, especialmente as provincias de Lugo e Ourense, en progresiva desertización. En 1950, as provincias de Lugo e Ourense, que xa eran entón as de menor poboación, xuntas superaban en habitantes nun 30% á de Pontevedra; no ano 2000 tiñan un 20% menos ca esa provincia e a poboación da área metropolitana de Vigo era maior ca a de toda a provincia de Ourense, do mesmo xeito que a da Coruña superaba á de Lugo. As catro provincias galegas figuraban no ano 2002 cunha renda per cápita inferior á media española e cun nivel de riqueza que as situaba por debaixo do posto 25 do total de provincias españolas (Lugo e Ourense están entre as 5 últimas). Ademais destas consecuencias producidas na estrutura demográfica e económica galega, a emigración supuxo unha serie de cambios na sociedade galega. Os emigrantes caracterizáronse por enviar con frecuencia cantidades de diñeiro ao seu lugar de orixe, cantidades que se destinaron a mellorar a agricultura, coa redención de foros e outros métodos para conseguir a propiedade da terra, e a mecanización e modernización do campo; o investimento industrial que a comezos do s XIX se dirixiu ás industrias conserveira, metalúrxica e á construción naval; a apertura de mercados e o maior desenvolvemento dun equipamento cultural e educativo exemplificado na fundación de escolas e sociedades de instrución, entre as que cómpre destacar, polo seu elevado número, as do Baixo Miño, o Deza e o Trasdeza, e as do N de Galicia; e creación de xornais e asociacións de diverso signo, entre outras, as agraristas. Dende o s XVIII, os galegos formaron asociacións e centros culturais nos países nos que se instalaron. En 1741 formouse en Madrid a Congregación de Naturales del Reino de Galicia, á que seguiron as de México (1768) e Bos Aires (1790). Estas primeiras asociacións xa tiñan nos seus obxectivos proporcionar axuda ás comunidades galegas. En 1785 creouse a Confraría de Veracruz e en 1805 a Santa Hermandad de Santiago el Mayor en La Habana. Ao longo do s XIX, os españois instalados en América crearon sociedades de carácter asistencial e recreativo, ás que pertenceron os galegos e que serviron como exemplo para crear sociedades especificamente galegas. O 31 de decembro de 1871 fundouse en La Habana a Sociedade de Beneficiencia de Naturais de Galicia, á que seguiu a creación en 1879 dos centros galegos de Bos Aires, La Habana e Montevideo, e tamén os de Corrientes (1879), Córdoba (1889), e a Casa de Galicia en Madrid (1893), xerme dos numerosos centros galegos fundados en América, Europa e España no s XX. Á beira dos centros naceron xornais, coros, orfeóns e grupos dramáticos. A comezos do s XX apareceron as sociedades de instrución de carácter educativo, que participaron activamente na política galega. A primeira delas foi a Alianza Aresana de La Habana, fundada en 1904, á que seguiu Concordia de Fornelos en Bos Aires, ata chegar a un total de 484 sociedades en América. Estas sociedades permitiron a creación dun gran número de escolas primarias en Galicia e a mellora das existentes. Nos anos previos á Guerra Civil, o aumento do número de asociacións e entidades fundadas por galegos levou á súa integración, entre outras, na Federación de Sociedades Galegas (1921), dividida en dúas federacións en 1929 e unificada en 1936. Trala Guerra Civil xurdiron entidades de carácter político fundadas por exiliados nos anos corenta e cincuenta. Ademais, xurdiron en países cunha menor presencia de galegos como EE UU, Canadá e Australia. A maioría das sociedades e entidades creadas en Europa e España xurdiron no período comprendido entre 1960 e 1980. No comezo do novo milenio, o 59,4% das sociedades galegas no exterior sitúanse en América. No que se refire á radio e á prensa realizadas por galegos no exterior, cómpre salientar a actividade xerada en dous países: Arxentina e Cuba. Se o primeiro deles destacou por ser o marco da primeira transmisión radiofónica, que tivo lugar o 18 de decembro de 1932, o segundo sobresaíu pola gran cantidade de publicacións periódicas que sostivo, especialmente a finais do s XIX e principios do XX. Esa primeira conexión radiofónica estableceuse entre Santiago de Compostela e Bos Aires a través de Radio Splendid, e durante o seu desenvolvemento -case que corenta e cinco minutos-, falouse da celebración na capital de Galicia dunha asemblea de concellos onde se ía debater sobre o Estatuto de Autonomía; ademais, aquela transmisión incluíu un saúdo do alcalde de Santiago de Compostela, Raimundo López Pol, a execución do himno galego por parte da banda municipal, dezaseis badaladas da catedral e a intervención de diversos oradores, entre os que figuraba Ramón Otero Pedrayo. Por outra banda, o primeiro locutor galego da historia da emigración foi Manuel Núñez Búa, quen precisamente debutou na capital arxentina. Destacan ademais, Fernando Iglesias Tacholas e Maruxa Boga, ademais de Luís Seoane, autor de centos de guións radiofónicos. Outro feito significativo da radio da emigración tivo lugar o 5 de xullo de 1936 grazas ao labor de Unión Radio Galicia. Daquela, o protagonismo volvía recaer na aprobación definitiva do Estatuto de Autonomía para Galicia. Nesa transmisión participou, entre outros, Alexandre Bóveda. A partir dese momento, a radio converteuse nun medio vital para o contacto entre o país de orixe, Galicia, e os países receptores americanos e europeos. Dos máis de cincuenta programas ou emisións que houbo ao longo da historia da radio galega, a maior parte deles corresponderon a Catalunya e Arxentina, dous lugares onde a presenza de galegos é notoria. Entre a totalidade de espacios radiofónicos, en América cómpre salientar Sempre en Galicia, en Radio Carve (Uruguay); Recordando a Galicia, de Radio Ribadavia (Arxentina); La Voz de Galicia, de Radio Antártida (Arxentina); Galicia Emigrante, de Radio Libertad (Arxentina); Sempre en Galiza, de Radio Suave (Venezuela); Sin distancias, de Radio Excelsior (Arxentina); Galicia en el mundo, de Radio Patagonia (Arxentina); Galicia hoxe, de Radio Colonia (Uruguay); e Polos camiños de Galicia, de Rádio Universitária FM (Brasil). En Europa, destacan Alborada, de Radio Azidule (Suíza); Galiza sempre, de Radio Tonic FM (Suíza); Lonxe da terra, de Radio Tele-taxi (Barcelona); e A Nosa Galiza, emitido por Radio Miramar (Barcelona). Mención á parte merece a ERGaC (Espacios Radiofónicos Galegos en Cataluña), unha asociación de programación radiofónica que ten como obxectivo prioritario a trasmisión da cultura galega, dun xeito coordinado, a todos os emigrantes instalados en Catalunya. Pola súa banda, a Radio Galega colabora, a través do seu servizo exterior, con todas aquelas emisoras que teñen espacios de difusión da cultura de Galicia.

    En referencia ás publicacións periódicas que naceron fóra de Galicia, hai que subliñar dous aspectos: a edición de case que catrocentas revistas e xornais, e o feito de que a metade destas naceran en Cuba e Arxentina. De feito, a primeira publicación escrita en galego fóra das fronteiras de Galicia apareceu en La Habana o 5 de xullo de 1885 e titulouse A gaita gallega. No eido das publicacións destacan Waldo Álvarez Insua, Isidoro Araújo de Lira, Manuel Curros Enríquez, Xosé Mª Cao Luaces, Roberto Blanco Torres, Ramón Armada, Domingo Devesa Naveiro, Antonio do Campo, Fuco G. Gómez, Lugrís Freire, Eduardo Núñez, Xesús Peynó, Xosé Porrúa, Manuel Murguía, Alfredo Brañas, Fortunato Cruces Angueira, Noriega Varela, Otero Pedrayo, Castelao, os irmáns Villar Ponte, Xulio Camba, Manuel Meilán e Alexandre Finisterre. Algunhas publicacións americanas e europeas salientables foron Diario de la Marina (1844), de Cuba; La Gaita Gallega (1872), de Cuba; El Avisador Galaico (1878), de Cuba; El Eco de Galicia (1878), de Cuba; El Gallego (1879), de Arxentina; La Voz de Galicia (1880), de Uruguay; La Voz Galaica (1886), de Portugal; El Eco de Galicia (1891), de Arxentina; Correo de Galicia (1898), de Arxentina; Galicia (1902), de Cuba; El Correo de Galicia (1908), de Arxentina; Suevia (1910), de Cuba; Galicia (1913), de Arxentina; Tierra Gallega (1917), de Uruguay; Eco de Galicia (1917), de Cuba; Céltiga (1924), de Arxentina; Galicia en Chile (1930), de Chile; Raza Celta (1933), de Uruguay; Cultura Gallega (1936), de Cuba; Patria Galega (1941), de Cuba; Loita (1943), de México; Galeuzca (1945), de Arxentina; Casa Galicia Nova York (1946?), de EE UU; Galicia Emigrante (1954), de Arxentina; Galicia en Francia (1959), de Francia; Vieiros (1959), de México; Compostela (1967), de México; Boletín do Grupo de Traballo Galego (1971), de Londres; Breogán (1972), de Canadá; Trebellos (1973), de Italia; Irmandade (1974), de Suíza; Ecos da Terra (1976), de Uruguay; O Pote (1979), de Holanda; Mundo Gallego (1982), de Arxentina; A nosa voz (1986), de Bélxica; O galego (1988), de Portugal; Anduriña (1992), de EE UU; e Casa de España (1994), de Brasil. Pola súa parte, os diferentes centros galegos espallados por España contaron tamén cun bo número de publicacións, entre elas: La ilustración de Galicia y Asturias (1878), en Madrid; Acción Gallega (1910), en Madrid; Galicia en Cataluña (1929), en Barcelona; Alborada (1948), en Barcelona; Mundo Gallego (1952), de Madrid; Abrente (1958), en Valladolid; Anduriña (1959), en Sevilla; Chan (1969), en Madrid, revista na que destacou o labor de Raimundo García Domínguez Borobó; Airiños da nosa Galicia (1984), de Santa Coloma de Gramanet; Casa de Galicia (1986), de Córdoba; O curruncho (1988), de Bilbao; e A vieira (1989), en Alacant. No que respecta ao papel da televisión, a Televisión Española en Galicia (TVE-G) comezou a emisión, a través do seu circuíto internacional, do programa Desde Galicia para el Mundo, dirixido por Xerardo Rodríguez, mentres que a Televisión de Galicia (TVG) lanzou Galeguidade. En concreto, as emisións da TVG da canle internacional difúndense a través de Vía Digital en España; dos satélites Hispasat e Eutelsat Hot Bird-3, en América e Europa; e das redes de cable, en Portugal. Por outra banda, o proceso da emigración trouxo como consecuencia unha literatura da diáspora e un discurso literario decisivo apoiado en iniciativas culturais de gran relevancia. En Cuba a presenza de galegos antes e despois de 1898 foi enorme e, como consecuencia, apareceron libros e revistas publicadas na súa totalidade ou en parte en galego. A revista Follas Novas editou por entregas as novelas A campaña de Caprecórneca, de Luís Otero Pimentel, e A besta!, de Xan de Masma. Figura crucial para o desenvolvemento da cultura galega en La Habana foi Manuel Curros Enríquez, emigrado a Cuba en 1894 e creador en abril dese mesmo ano do xornal La Tierra Gallega. Foi, ademais, un dos artífices da creación da Academia Gallega (1906), xunto con Xosé Fontenla Leal que á súa vez foi promotor da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega (1905) e do himno galego, que se cantou por primeira vez en La Habana o 20 de decembro de 1907. Cómpre nomear, entre outros, a Ramón Cabanillas, Manuel Lugrís Freire, Alfredo Nan de Allariz, Ramón Armada Teixeiro, Antón Villar Ponte, Roberto Blanco Torres, Roxelio Rodríguez Díaz e Xulio Sigüenza Raimúndez. A presenza da emigración na sociedade galega manifestouse no primeiro goberno autonómico de 1982 coa creación da consellería de Traballo, Seguridade Social e Emigración; posteriormente, a relación coas comunidades galegas foi competencia da secretaría xeral de Relacións coas Comunidades Galegas e, finalmente, da consellería de Emigración e Cooperación Exterior. Ademais, creouse a Fundación Galicia Emigración co obxecto, por unha banda, de promover, incentivar e executar as accións necesarias para a potenciación e difusión da galeguidade en calquera parte do mundo, en especial onde existan comunidadades galegas; e pola outra, realizar accións tendentes a apoiar os galegos e os seus descendentes que residan fóra da Comunidade Autónoma.

Refráns

  • Cada cal no seu curral.

Palabras veciñas

Emex | emic* | emídido -da | emigración | emigrado -da | Emigrado, El | emigrante