Enrique/Enriqueta

Enrique/Enriqueta
[ONOM]

Antropónimo masculino de orixe xermánica, composto de haim ‘casa’, ‘terra’ ou ein ‘un, único’ e rik ‘poderoso’, ‘señor’. Presenta as variantes gráficas Henrique/ Henriqueta e os hipocorísticos Quique, Quico, Quicolo, Queco, Rico, Cholo (para o masculino) e Queta, Queca (para o feminino). A duplicidade gráfica das formas galegas (con h e sen ela), correspondente a ambas as hipóteses, xa se atesta en documentos medievais (Anrique/Hanrrique). Levaron este nome moitos reis das monarquías europeas (reinos de Castela, Navarra e Portugal, Imperio Xermánico, Inglaterra e Francia). Destaca, especialmente, o emperador romano-xermánico Enrique II o Santo (973-1024); na iconografía viste túnica e manto de armiño, e leva como atributos, o cetro e a esfera (insignias imperiais), e unha maqueta da catedral na man. Tamén sobresaen Enrique de Portugal o Navegante (1394-1460), Enrique VIII de Inglaterra (1491-1547), ou o beato de Suabia Enrique Susso (1296-1365). Entre as mulleres, cómpre destacar a santa Enriqueta de Compiègne (1745-1794), mártir da Revolución Francesa, e a beata francesa Enriqueta Aymer de la Chevalerie (s XIX). A festividade de santo Enrique celébrase o 13 de xullo, aínda que antes da reforma do calendario litúrxico (1969) se celebraba o 15 de xullo.