Epidauro
Epidauro
Antiga cidade grega da Argólida, situada na costa NL do Peloponeso, no golfo de Exina. Fundada como colonia polos xonios, foi ocupada polos dorios e aliouse con Esparta. Dende o s VI a C acadou moita sona polo santuario de Asclepio, no que se curaban as enfermidades mediante a interpretación dos soños. Formou parte da Liga do Peloponeso e da Liga Aquea. Trala conquista romana entrou en decadencia. En 1822 celebrouse o Congreso de Epidauro no que se proclamou a independencia de Grecia. Do seu patrimonio cultural destacan os templos de Asclepio e de Artemisa, un tholós que se atribuíu a Policleto o Novo (s V a C) e o teatro. A UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade en 1988.