Escola Dramática Galega
Compañía teatral creada pola Irmandade da Fala da Coruña para dar continuidade á experiencia desenvolvida polo Conservatorio Nazonal do Arte Galego. Dirixida por Leandro Carré Alvarellos, naceu coa vontade de continuar coa creación e exhibición de espectáculos, fundamentalmente no pequeno teatro que tiña a Irmandade nos seus locais, e coa formación de actores e actrices. En 1922 publicou un pequeno prontuario de declamación nas páxinas de A Nosa Terra. Entre 1922 e 1923 desenvolveu unha actividade considerable, que foi esmorecendo ata 1926. Os espectáculos representados neste período foron creados, na súa maioría, partindo de textos de autores galegos pertencentes ao Movemento Dramático Rexional, pois a compañía continuou á estética teatral rexionalista que viña dominando a escena galega desde a súa creación en 1882. Entre eles destacan Manuel Lugrís Freire (A ponte e Minia), Ricardo Frade (Vaites..., vaites...!), Galo Salinas Rodríguez (Sacrificio e Filla!), Uxío Charlón e Manuel Sánchez Hermida (Axúdate e O menciñeiro), Xavier Prado Lameiro (Almas sinxelas), Xesús Rodríguez López (O chufón) e o propio Leandro Carré (O pecado alleo, O corazón dun pedáneo, Tolerías e A venganza).