Escola Dramática Galega
Compañía teatral creada na Coruña en 1978 en réxime de cooperativa por integrantes do Teatro Circo. Entre os seus obxectivos fundacionais figuraban a creación de espectáculos, a promoción de estudios, investigacións e publicacións no terreo dos estudios teatrais, e a organización de actividades de formación e divulgación ao redor do feito teatral, razón pola que no seu organigrama contemplaba tres departamentos: Dramáticas, Didácticas e Estudios Teatrais. Entre os seus fundadores estaban Francisco Pillado Mayor, Manuel Lourenzo, Rosario Barrio, Xoán Manuel López Eirís, Montserrat Modia, Agustín Vega, Anxos López Olivier, Amalia Gómez, Antón Lamapereira ou Xoán Guisán Seixas. Organizou seminarios, conferencias, recitais e moitas outras actividades. Destacou, especialmente, o traballo de investigación ao redor das festas parateatrais galegas, coordinado inicialmente por Xoán Guisán e que reuniu un importante material relativo a festas tradicionais como o Entroido, os Maios, o Nadal ou a Semana Santa; tamén editaron os Cadernos da Escola Dramática Galega, colección dirixida por Francisco Pillado Mayor. No campo da formación teatral, organizou diversos obradoiros e cursos con profesores como Manuel Lourenzo, Santiago Fernández, Jesús Aladrén, Alfredo Mantovani, Antonio Malonda, Helena Ferrari, Enrique Silva, César Lombera ou o colectivo internacional Johannes Vardar. No apartado da realización teatral traballaron directores como Manuel Lourenzo (A benfadada historia do coitado Bamboliñas, Muller de mulleres, Edén, Mozart e Salieri, Nosferatu, Como as camisas de liño, Adeus Madelón, Čekhov, Čekhov..., Ei, Feldmuhle! ou Electra), Agustín Vega (A voda de Esganarello e Para qué queredes un poeta vivo), Enrique Silva (Historias para seren contadas) ou Miguel Pérez Romero (Ernest, O montapratos, Unha especie de Alaska, A derradeira cinta, Acto sen palabras). Desde 1982 tentou desenvolver un programa de implantación en Vigo, coa colaboración, primeiro de Xulio González Lourenzo e despois de Xoán Guisán, amais de iniciar a edición do Boletín de Información Teatral da EDG, xermolo da Revista Galega de Teatro. En 1985 botou a andar un proxecto en colaboración cun grupo de traballo creado en Cangas por integrantes do Grupo Mua, colectivo que logo se converteu en Teatro de Ningures. Entre 1985 e 1987 este equipo organizou diversos cursos de formación e presentou o espectáculo E vostede, como se chama?, dirixido por Manuel F. Vieites e estreado en 1986. En 1987 os socios cooperativos fundadores retomaron o control da entidade, na que participaban de forma desinteresada unha chea de colaboradores. A nova xunta directiva desautorizou a experiencia viguesa, ao tempo que os colaboradores, tanto na Coruña como en Vigo, abandonaron a entidade. A principios dos anos noventa, logo de limitar considerablemente as súas actividades, foi disolta polos seus socios fundadores.