Escola galego-castelá

Escola galego-castelá
[LIT]

Escola poética enmarcada entre os anos 1350 e 1450, considerada epigonal da escola trobadoresca galego-portuguesa e precursora da lírica cancioneiril castelá e portuguesa. O límite cronolóxico inferior vén establecido pola data do testamento de don Pedro, conde de Barcelos, fillo de don Denís, no que se fai referencia a un Livro das Cantigas; o límite superior márcao a morte, en 1454, de Xoán II de Castela, importante mecenas da época e promotor da recompilación do Cancionero de Baena. A produción poética desta escola abrangue, polo tanto, os reinados de Pedro I, Enrique II, Xoán I, Enrique III e Xoán II. As súas case 80 composicións recóllense no Cancionero de Baena, aínda que tamén poden aparecer noutros cancioneiros casteláns do s XV, como o Cancionero de San Román, o Cancionero de Palacio, o Cancionero General de Hernando del Castillo, o Cancionero de Herberay de Essarts ou o Cancionero de Estúñiga. No nacemento desta nova escola influíron tanto aspectos literarios como extraliterarios. Entre os primeiros destacan a nova concepción da poesía, destinada a ser recitada e non cantada, a profesionalización dos poetas, a aparición de novas modas poéticas, como o alegorismo dantesco ou o petrarquismo, a lenta desaparición da escola trobadoresca, o maior impulso da prosa, etc; entre os segundos, a falta de mecenas, os diferentes gustos estéticos da nova burguesía, o traslado á corte castelá como novo centro de produción poética, etc. Esta escola caracterízase polo emprego dunha lingua híbrida, unha koiné galego-castelá, caracterizada pola mestura de formas galegas e castelás, mesmo en posición de rima, os numerosos arcaísmos galego-portugueses, os hipergaleguismos ou o emprego de termos casteláns como licenza poética. Este hibridismo débese tanto á orixe non galega dos seus autores como á tendencia a castelanizar que tiñan os copistas dos cancioneiros. A castelanización é moito máis evidente na etapa final da escola, orixinada pola maior presenza de xéneros didácticos que esixen novas formas lingüísticas, mentres que na etapa inicial priman a maior corrección galega e a abundancia de reminiscencias galego-portuguesas. O carácter continuísta desta escola pode observarse na temática das composicións: repítense os tópicos do amor cortés da cansó provenzal e da cantiga de amor galego-portuguesa, a relación vasalática entre o poeta e a súa dama, a dama concibida como o cumio da perfección e a fidelidade e constancia do amante, etc. Ademais da lírica amorosa, os poetas galego-casteláns cultivan unha poesía de circunstancias, que xira ao redor da vida da corte e que serve para loar personaxes nobres, os mecenas dos poetas, para exaltar valores cortesáns e morais, ou ben, cos denominados poemas de petición ou de demanda, para solicitar algún tipo de axuda que resolvese a precaria condición económica destes autores que pretenden vivir da súa habilidade artística. Tamén escriben composicións con intención didáctica e moralizante, para denunciar a corrupción da sociedade ou a perda de valores morais, e mesmo outras satíricas e relixiosas, que se reducen á crítica política e a temas morais e filosóficos, respectivamente. Froito do incipiente humanismo italianizante compoñen, ademais, poemas de carácter alegórico-dantesco e con trazos petrarquistas. A cantiga e o dicir son as formas estróficas predominantes nesta escola. A cantiga, de temática amorosa, estaba composta por un tema ou cabeza e por unha serie de estrofas que desenvolven a idea que alí se expresaba; nos últimos versos de cada estrofa repítense palabras ou rimas do tema. O dicir, reservado para poemas didácticos ou de tema filosófico ou moral, é unha composición máis longa e sen tema inicial. Ao igual ca a cantiga, podía incluír unha finda ou cabo, de 3-5 versos, que funciona amodo de resumo ou conclusión. Non obstante , compoñen tamén desfeitas, composicións breves baseadas noutras máis amplas que resumen ou parafrasean; descordos, poemas nos que se combinan versos e estrofas de distintas medidas; preguntas, textos nos que se propoñía unha cuestión amorosa ou moral e que tiña que ser contestada por outro autor, respectando a forma métrico-estrófica e rimática; ou, como formas máis populares, zéjeles, vilancicos e cancións paralelísticas. O verso octosílabo e o de arte maior son os máis frecuentes nesta nova poesía destinada ao recitado e non xa ao canto, e, entre as estrofas, dominan a redondilla e a quintilla, xunto co pareado e o terceto. Estilisticamente, continúanse a empregar vellos recursos trobadorescos como o dobre, o mordobre, o leixaprén, as cobras capcaudadas e capdenals, a rima macho e femia, etc; pero, desenvólvese un maior virtuosismo técnico baseado no emprego da annominatio, do paralelismo e do xogo de antíteses. É frecuente que glosasen versos ou composicións doutros autores, incluíndo, amodo de cita ou autoritas, versos ou estrofas alleos. Normalmente, distínguense catro grupos de autores galego-casteláns: a) poetas galegos que empregan o galego (a minoría), como Macías o Namorado, exemplo simbólico do amante cortés; b) poetas casteláns que empregan o galego (a maioría), como Garci Ferrandes de Gerena, Alfonso Álvarez de Villasandino ou Pero González de Mendoza; c) autores portugueses e galegos que empregan o castelán, como Juan Rodríguez del Padrón ou Joan Pimentel; d) autores non galegos que fan poesía ao modo trobadoresco galego-portugués pero en castelán, como frai Diego de Valencia, Juan Alfonso de Baena, Ferrant Sánchez Calavera. Tamén son autores coñecidos desta escola o Arcediago de Toro, Pedro de Valcárcel, o anónimo Bachiller e mestre en artes, Pero Vélez de Guevara, o infante don Pedro de Portugal -o introdutor dos novos gustos italianizantes en Portugal-, Íñigo López de Mendoza, o marqués de Santillana, Pedro de Santa Fe, Antón de Montoro ou Suero de Ribera.