Escola Galega de Administración Pública

Escola Galega de Administración Pública
Nome científico: [EGAP]
[ADM]

Organismo autónomo da Administración galega, con sede en Santiago de Compostela. Creouse por Decreto da Xunta 163/1982, do 1 de decembro, como órgano administrativo sen personalidade xurídica propia. Posteriormente, por Lei 4/1987, do 27 de maio (modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), constituíuse en organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á consellería de Presidencia e Administración Pública, con personalidade xurídica propia e con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins, que, segundo o disposto na súa lei de creación, son: colaborar na realización das probas selectivas para o acceso á función pública e a promoción interna na Administración autonómica ou naqueloutras que llo encomenden por convenio, coa excepción das do persoal docente e sanitario; organizar e impartir cursos, seminarios ou calquera outra actividade de formación, selectivos ou de perfeccionamento, do persoal mencionado; realizar as probas e impartir os cursos selectivos descentralizados para o acceso á condición de funcionarios locais con habilitación de carácter nacional e as dos entes locais de Galicia sen esa habilitación que subscriban convenios nese sentido; promover a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no ámbito da Administración Pública; a difusión e normalización do galego na Administración pública, a capacitación lingüística do persoal e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega. Para o cumprimento destes fins, entre outras iniciativas, instituíu o Premio Manuel Colmeiro para estudios sobre a Administración Pública galega, convocou bolsas de diferentes tipos e editou distintas publicacións, entre elas a Revista Galega de Administración Pública, así como monografías a través de diferentes coleccións (Conferencias e documentos, Xornadas, Seminarios, Leis e manuais, Monografías, Historia da Administración, Estudios administrativos galaico-portugueses, Pensadores e xuristas galegos, Ética pública, Ciencias políticas e da Administración, Estudios locais e Estatuto).