Escola galego-portuguesa

Escola galego-portuguesa
[LIT]

Escola poética formada por trobadores e xograres que compuxeron baixo unhas directrices comúns e que tiñan como lingua de composición, ou polo menos, como lingua de transmisión e conservación dos textos, o galego-portugués. Caracterízase por seguir o fenómeno trobadoresco iniciado no S de Francia a finais do s XI, e que se difundiu na Península a través das constantes estadías de trobadores occitanos nas cortes rexias castelá, leonesa e aragonesa. Cultivaba unha poesía de carácter culto, profano e en lingua románica; as Cantigas de Santa Maria responden a unhas expectativas poéticas e temáticas diferentes. O núcleo temático xira arredor do amor, pero tratado desde a concepción da fin’amors: a posición dun vasalo-namorado que “serve” a súa dona con abnegada entrega, disposto a padecer a indiferenza dela, pero sendo consciente dos seus dereitos coma servidor. Construíase, deste xeito, un discurso orixinal sobre o amor, que non era só palabra, senón que palabra cantada. No caso galego-portugués só se conservou a música de 13 cantigas profanas, 6 de Martin Codax (Pergamiño Vindel), e 7 de don Denís (Pergamiño Sharrer). Tradicionalmente, concíbese como límite cronolóxico superior (terminus a quo) o espazo temporal situado entre 1196 e 1213, que xira arredor da datación de dúas cantigas “Ay eu coitada! Como vivo en gram coidado” e “Ora faz ost’ o senhor de Navarra”; a opción máis aceptada é que Johan Soarez de Pavia, autor desta última cantiga, sería o creador da primeira cantiga conservada, composta arredor de 1196. O límite inferior (terminus ad quem), que marca o esmorecemento da lírica galego-portuguesa, lígase á morte de don Pedro, o conde de Barcelos (1354) ou á data do seu testamento (1350), en que lle lega ao seu sobriño, Alfonso XI de Castela e León, un Livro das Cantigas, probable modelo e antecedente do que derivan os apógrafos italianos, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B) e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V). Non obstante , non se deben rexeitar do patrón estético trobadoresco as manifestacións máis serodias esparexidas nos cancioneiros galego-casteláns dos ss XV e XVI. As investigacións máis recentes relativizan as vellas teorías sobre a importancia de Santiago de Compostela como centro primixenio do trobadorismo galego-portugués. De feito, pode afirmarse que a lírica trobadoresca (1170-1220) comezou a cultivarse no N da Península; concretamente, en Bizkaia, na zona norte de Castela, na fronteira con Navarra e Aragón, e fundamentalmente na corte dos Cameros e por Johan Soarez de Pavia. Co tempo, o fenómeno occidentalizaríase; pero antes de ser plenamente adoptado nas terras galegas e portuguesas, a corte rexia de León converteríase, durante a segunda década do s XIII, en centro receptor das experiencias poéticas de Garcia Mendez d’Eixo. Durante o período de implantación da lírica galego-portuguesa (1220-1240), o “espectáculo trobadoresco” (García de Resende) é acollido polas cortes señoriais do sur de Galicia (Toroño-Soverosas; Sousas) e pola máis importante liñaxe do s XIII, os Traba. A explosión definitiva da lírica galego-portuguesa (1240-1300), que coincide cun incremento da actividade bélica da Reconquista, supón tamén o protagonismo das cortes rexias portuguesas (Afonso III e don Denís) e castelá-leonesa (Fernando III, Alonso X, Sancho IV). Trátase dunha corte itinerante, que busca a liña da verticalidade, na conquista dos territorios ao S da Península Ibérica. É, precisamente, nese espazo bélico de fronteiras onde se esparexe a cantiga de escarnio e maldicir (ciclo de Maria Balteira, ciclo do mestre Nicolao, ciclo das amas e tecedeiras, etc). De xeito paralelo, a partir de 1240, é probable que en terras galegas, a pequena nobreza, á par que seguía optando polo canon da cantiga de amor, foi renovando e enriquecendo os esquemas estéticos da lírica galego-portuguesa e desenvolvendo o que se coñece coma cantiga de amigo. Esta pequena nobreza tendería a converxer cara a Santiago de Compostela, na zona costeira entre o Ulla e o Miño, e na conca do Miño entre Ourense e Lugo. No cuarto e derradeiro período (1300-1350), a lírica trobadoresca perdeu a súa importancia -a xulgar polos testemuños conservados- e busca o seu refuxio na corte de don Pedro de Barcelos. Os diversos indicios textuais dos cancioneiros (rúbricas atributivas, as rúbricas explicativas, as propias cantigas -sobre todo as de escarnio e maldicir e as tensos-) permiten establecer unha tipoloxía autorial triple: trobador/jograr/segrel. Non obstante , o concepto de segrel preséntase dun xeito confuso. Todo apunta a que era un sinónimo de xograr; de feito, nos manuais de tipo divulgativo adóitase dicir que os trobadores son os autores do texto e da música que producen; mentres, os xograres serían uns meros intérpretes (cobrando un xornal) das composicións dos trobadores. Certo é que nas propias cantigas se di que fazer cantar está en mans do trobador e que dizer cantar repousa nas do xograr. Non obstante , as críticas a xograres constitúen, no fondo, a defensa social dunha actividade que se considera propia do estamento nobiliar. O xograr do escenario cortés era, polo tanto, xograr-trobador, isto é, elaboraba a música e as palabras das súas cantigas. Os cancioneiros conservaron a produción poético-musical de 155 trobadores e xograres; a este número hai que engadir os seis trobadores de produción perdida que figuran na Tavola Colocciana. A lírica galego-portuguesa transmitiuse fundamentalmente en tres cancioneiros colectivos -Cancioneiro da Ajuda (A), Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B) e Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V)-, nos que se copiaron unhas 1.679 cantigas. A contén unicamente 310 cantigas, case todas do xénero de amor, sen nome de autor, e é coetáneo do movemento trobadoresco (fin do s XIII); B e V son os depositarios do groso das cantigas, e neles figuran os nomes dos trobadores e xograres -refrendados polo testemuño da Tavola Colocciana (C), que sería un índice dos nomes dos autores presentes en B. Os dous cancioneiros foron copiados baixo a supervisión do humanista italiano Angelo Colocci no s XVI, quizais dunha mesma fonte, posiblemente o Livro das Cantigas do conde de Barcelos. Non existe unanimidade á hora de valorar esta circunstancia. Para Giuseppe Tavani, B e V son copias indirectas a través de codices interpositi, dese Livro das Cantigas. Para outros especialistas coma D’Heur, Anna Ferrari ou Elsa Gonçalves non é necesaria a existencia destes codices, xa que B/V serían copias directas dun mesmo exemplar. Resende de Oliveira estableceu unha visión enriquecedora da tradición manuscrita ao discernir na estrutura interna dos apógrafos italianos (B/V) vestixios de compilacións de menor envergadura que se irían engadindo ata constituíren a “compilação geral”. Amais destes tres cancioneiros colectivos, existen unha copia de V, o Cancioneiro de Berkeley (K), o Pergamiño Vindel (N), o Pergamiño Sharrer (L) e dúas copias da tensó que manteñen Afonso Sanchez e Vasco Martinz de Resende, M (Biblioteca Nacional de Madrid) e P (Biblioteca Pública Municipal de Porto). No que se refire á tipoloxía xenérica, adóitase estruturar a produción poética trobadoresca en tres grandes xenéros: as cantigas de amor, as cantigas de amigo e as cantigas de escarnio e maldicir. Ademais, existe unha ampla e diversa serie de textos catalogados coma xéneros menores (lais, descordos, cantigas de seguir, tensós e partiméns, prantos e cantigas encomiásticas). Sempre houbo tentativas de establecer cortes cronolóxicos para fixar a produción da escola galego-portuguesa e así poder establecer unha periodización. A primeira foi a de Teófilo Braga (1870), que influíu en case todas as periodizacións posteriores (Michaëlis, en 1904; Paden, en 1997; Resende de Oliveira, en 1998). Diferenciaba catro ciclos: pre-afonsino (1185-1248); afonsino (1248-1279); dionisíaco (1279-1325) e posdionisíaco (1325-1357). O criterio subxacente é o de asignar a cada franxa cronolóxica un espazo xeográfico determinado, focalizado arredor dos diferentes reis implicados en tanto que grandes centros dinamizadores da actividade trobadoresca. Este feito oculta o importante papel que desenvolveron as cortes señoriais na implantación da lírica galego-portuguesa; é moi probable que fose esta nobreza a que se ocupou de crear e confeccionar os primeiros cancioneiros trobadorescos.