Escola Normal
Escola destinada á formación de mestres. En 1834, grazas á iniciativa do ministro galego Xosé Moscoso de Altamira, proxectouse por primeira vez a fundación dunha escola normal, seminario de mestres, en España. O termo “normal” figuraba xa nun decreto de Napoleón de 1808, con antecedentes no contexto da Revolución Francesa. En Alemaña, habería que remontarse ao s XVII para atopar referencias aos seminarios destinados á formación do profesorado. En 1839 inaugurouse a Escuela Normal Central que tiña entre os seus obxectivos formar mestres instruídos e capaces de dirixir as escolas normais de provincias. En 1843, o regulamento publicado contribuíu a acelerar a súa fundación. Arredor de 1845, existían en case todas as provincias, pero, en 1849, reduciuse o seu número. En Galicia, as dúas primeiras foron as de Ourense (1841) e Lugo (inaugurada o 30 de outubro de 1842, dirixida por Cayetano Hermógenes Palacios). O 2 de xullo de 1845 inaugurouse a da Coruña con Antonio de la Iglesia (director). A inauguración oficial da normal de Pontevedra foi o 1 de setembro de 1845. O seu primeiro director foi Castor Araújo Alcalde. Despois da reapertura do centro en 1858, foron directores seus Severiano González Regueral (1858-1889), Salvador de Juan Ponsoda (1890-1892), Victoriano Encinas (1892-1896), Xosé Durán (1896-1899), Joaquín Romero (1899-1910) e, posteriormente, Prudencio Landín. Coa reorganización de 1849, desapareceron as escolas normais da Coruña e Pontevedra, manténdose como elementais as de Lugo e Ourense, e establecéronse as escolas normais superiores nas capitais de distritos universitarios. Naceu, así, a Escola Normal Superior da Universidade de Santiago de Compostela, situada no Colexio de San Xerome. O seu primeiro director foi Antonio de la Iglesia, a quen substituíu pouco despois Francisco Sobrino, continuando Gorgonio Hueso Sánchez (1875-1897), Luís López Elizagaray (1897-1901), Vicente Fraiz Andón (1901-1903), Casto Blanco Cabeza (1903-1905) e, ata 1917, V. Fraiz Andón. A Escuela Normal Central de Maestras creouse en 1858, baixo os auspicios de Ramona Aparicio, aínda que dende finais da década dos 40 se viñan instalando escolas normais femininas en distintas capitais de provincia. En Galicia, apareceron as primeiras en Pontevedra (1860), A Coruña (1865), Ourense (1879?) e xa máis tarde a de Lugo e, en 1930, a de Santiago de Compostela, con Matilde Díaz Saiz na dirección. Despois de 1945 desempeñaron o cargo de directoras na normal compostelá as irmás Pilar (1945-1961) e Xulia Martínez Álamo (1961-1964). O espírito do regulamento orgánico de 1843 continuou ata ben entrado o s XX. Ata 1849, os estudios tiñan unha duración de dous anos e accedíase a eles mediante un exame de ingreso de primeira ensinanza. Logo ampliouse a tres para o título de mestre superior. En 1868, o ministro Severo Catalina suspendeu o seu funcionamento, nun breve período a finais do reinado de Isabel II. En 1898, unha reforma do ministro liberal Germán Gamazo, inspirada nas correntes pedagóxicas da Institución Libre de Enseñanza (ILE), deulle un novo xiro ao ensino, aínda que con lagoas en canto á duración dos estudios. En 1901, con Romanones, incorporáronse aos institutos xerais e técnicos. En 1903 volvían ser independentes. En 1914, con Francisco Bergamín, unificouse o título e pasouse a unha titulación única de catro anos de duración. Coa chegada da Segunda República, o Decreto Orgánico do 29 de setembro de 1931, de Niceto Alcalá Zamora e de Marcelino Domingo, creaba o plan profesional. Organizadas as normais en réxime de coeducación, existiría un destes centros en cada capital de provincia, dous en Madrid e Barcelona e un en Santiago de Compostela. A preparación do maxisterio primario comprendería tres períodos: cultura xeral, formación profesional e práctica docente. Mentres que a formación cultural se confiaba aos institutos, coa esixencia do título de bacharel para ingresar nas escolas normais, estas centraban a atención na capacitación profesional, cun plan de estudios de tres anos e accedíase mediante concurso oposición. Tamén se incluía un período específico de prácticas en escolas nacionais da provincia. Despois da Guerra Civil, estableceuse o Plan de Bachareis-Mestres (1940), de carácter nacionalcatólico. En 1942 apareceu o Plan Provisional, de transición, co que se volvía esixir só a cultura primaria para o ingreso na escola normal e os espacios masculinos e femininos volvían estar separados, aínda que a miúdo compartían o mesmo edificio. En 1945, coa nova Lei de Educación Primaria, pasaron a denominarse Escolas de Maxisterio. Accedíase despois dos catorce anos, cos catro primeiros cursos de bacharelato aprobados, e os estudios duraban tres cursos. A Igrexa tamén as podía organizar. En 1950 publicouse un novo plan de estudios: todas as escolas se puñan baixo a advocación do “divino mestre”. Neste contexto sitúase o nacemento das escolas de maxisterio da Igrexa María Sedes Sapientiae (Vigo), Nuestra Señora de los Remedios (Santiago de Compostela), Sagrado Corazón (Ferrol) e Jesús Maestro (Ourense). En 1967, volveron adquirir rango universitario. Coa Lei Xeral de Educación (LXE, 1970), integráronse na universidade como Escolas Universitarias de Formación do Profesorado de EXB, con tres anos de duración. Os cambios derivados da Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE, 1990) recuperaron para estes centros, nun proceso de integración nas facultades de Ciencias da Educación, o sentido anterior respecto á expedición de títulos de mestre nas diferentes especialidades.