Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña

Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña
[EDUC]

Escola de arquitectura pertencente á Universidade da Coruña. Situada no campus da Zapateira, trátase da única escola de arquitectura de Galicia. Creada ao abeiro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia por decreto do 17 de agosto de 1973, inaugurouse en 1975. Ao edificio creado coa fundación da escola, uniuse unha segunda construción que acolle os departamentos e os estudios de terceiro ciclo. A dirección do centro correspóndelle á Xunta da Escola e ao Equipo de Dirección. Os estudios baséanse no plano de 1995 que estableceu tres especialidades, Tecnoloxía, Teoría e Deseño e Urbanismo, para acadar o título de arquitecto. Dispón de biblioteca, con hemeroteca e mediateca; laboratorio de deseño asistido; biblioteca de materiais; laboratorio de materiais; laboratorio de medios audiovisuais; laboratorio de fotografía; e taller de maquetas. Mantén convenios coa Deputación da Coruña e coa Xunta de Galicia para a elaboración do inventario do patrimonio arquitectónico da provincia da Coruña. Dende que a principios dos anos oitenta se licenciaron as primeiras promocións, formáronse na escola máis de mil cen arquitectos. Entre outros arquitectos-profesores da escola destacan R. Baltar Tojo, X. X. Casabella, A. Fernández-Albalat, M. Fernández Prado, J. M. Franco Raboada, A. Freixedo, J. M. Gallego Jorreto, J. González-Cebrián Tello, P. de Llano, A. Noguerol, C. Portela e I. Seara.