Escola Superior de Arte Dramática
Centro superior de formación dos profesionais do teatro. Nestes centros danse as ensinanzas reguladas polo ministerio de Educación e Ciencia en 1990 na Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo e en 1992 por un Real Decreto que establece que esta titulación equivale, a todos os efectos, á de licenciado universitario, coa posibilidade de realizar estudios universitarios de terceiro ciclo que outorguen a titulación de doutor. As especialidades son tres: Interpretación, Dirección de escena e dramaturxia e Escenografía. Na primeira existen as opcións de interpretación textual e corporal, tanto no xénero musical coma no teatro de obxectos; mentres que na segunda son dúas: dirección de escena ou dramaturxia e estudios teatrais. Existen Escolas Superiores de Arte Dramática en Madrid, Barcelona, València, Murcia, Málaga, Córdoba, Sevilla e Las Palmas, aínda que en comunidades autónomas como Asturias, Cantabria, Aragón, Navarra, Castela e León e Extremadura existen proxectos moi avanzados para poñer en marcha centros superiores de carácter oficial. A máis antiga é a Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid (RESAD), creada ao abeiro do Conservatorio de Música y Declamación, que data de 1831, e a Escola Superior d’Art Dramàtic do Institut del Teatre de Barcelona, fundada en 1913. En Galicia presentáronse diversos proxectos para a creación dunha institución similar, como o promovido en 1998 pola sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega.