Escola siciliana
Escola poética que desenvolveu a súa actividade na corte de Federico II de Sicilia (1194-1250); este emperador, ademais de fundar a Universidade de Nápoles (1224), fixo da súa corte un dos centros culturais máis importantes da Idade Media, berce dunha escola poética que tivo o seu momento máis destacado entre os anos 1240 e 1250. A lingua na que se expresaban os poetas desta escola era o siciliano ilustre, koiné empregada con independencia da procedencia dos autores); sen embargo, a maior parte dos textos ofrece, a causa da intervención dos copistas, unha forma lingüística fortemente toscanizada (a canción “Pir meu cori alligrari” de Stefano Protonotaro é a única que se conserva integramente en siciliano). Case todas as composicións sicilianas se transmitiron en manuscritos toscanos, copiados a finais do s XIII: Canzoniere Laurenziano Rediano 9 (L), con 144 folios repartidos en 18 cadernos e confeccionado en Pisa (nun segundo momento un copista florentino engadiu textos nos espacios en branco); Canzoniere Palatino 418 (P), con 78 folios divididos en 10 fascículos e orixinario probablemente de Pistoia; Canzoniere Vaticano Latino 3793 (V), con 188 folios organizados en 24 cadernos e elaborado presumiblemente en Florencia. Esta última antoloxía -da que foi propietario Angelo Colocci, que ordenou a execución dunha “copia”, o Vat. Lat. 4823- é de grande interese xa que, ao estar organizada con criterios cronolóxicos e historiográficos, axuda a trazar os límites da escola siciliana. Non hai, sen embargo, un consenso entre os estudiosos no número de autores -e, por conseguinte, de composicións- que integran esta escola poética, debido fundamentalmente á ausencia de datos biográficos e ao carácter anónimo dalgúns textos, así como ás propias diverxencias que presentan os cancioneiros. Entre os poetas máis destacados desta escola cómpre salientar o propio emperador que se insire nunha longa tradición familiar entregada ao cultivo artístico -o seu pai, Enrique VI, figura entre os Minnesänger alemáns e o seu sogro, Giovanni di Brienne compuxo tres poemas en francés e un descordo en italiano-; coñecedor do latín, do grego e do árabe, é así autor de catro cancións, ademais dun tratado de falcoería en latín, De arte venandi cum avibus. Outros autores da escola para os que se conta con certos datos seguros son: Giacomo (ou Iacopo) da Lentini, notario do emperador que exerceu a súa actividade poética entre 1233-1240; Pier della Vigna, xuíz da Magna Curia e gran chanceler da corte (1247), que escribiu poemas en vulgar siciliano e dúas composicións satíricas en latín, amais dunha intensa actividade epistolar en romance e latín; Ruggieri d’Amici, cortesano de Federico II e xusticieiro (1239-1241), e Iacopo Mostacci, falcoeiro do emperador (1240). Para outros poetas os datos biográficos son incertos e resulta difícil trazar un perfil debido á homonimia existente na documentación, tal e como acontece con Rinaldo d’Aquino, Giacomino Pugliese, Stefano Protonotar ou Guido delle Colonne. A poesía siciliana é herdeira da lírica provenzal, coñecida xa no N de Italia, onde trobadores como Raimbaut de Vaqueiras, Peire Vidal, Peire Raimon de Tolosa e outros acudiran ao mecenado dos señores do Piemonte e Liguria. O transvasamento dos módulos poéticos provenzais ao siciliano realizouno Giacomo da Lentini, o máis prolífico dos poetas da escola (cuns 30 poemas), como sinala o propio Dante na Divina Commedia (Purgatorio, XXIV, 56) e revela a colocación do poeta no máis autorizado dos cancioneiros que transmiten a poesía desta escola, o Vaticano Latino 3793. De feito, a canción “Madonna, dir vo voglio” de Giacomo da Lentini é unha tradución da cansó de Folquet de Marselha “A vos, midonz, voill retrair’en cantan”. O influxo exercido pola poesía provenzal foi de especial relevancia para comprender o desenvolvemento conceptual dos textos da escola siciliana, aínda que tamén presenta certas diverxencias. A diferenza do que sucedía no ámbito provenzal, os poetas da escola siciliana non escribían con fins lucrativos e non trataron nas súas composicións temas políticos ou morais. Por outro lado, mentres que a poesía occitana estaba destinada ao canto, na Italia meridional produciuse a separación entre o texto e a música. Ao concibiren a poesía como medio de evasión da realidade da corte -a maioría eran funcionarios e burócratas de Federico II-, a temática é maioritariamente amorosa; concédese ao amor cortés e á metáfora feudal un lugar destacado, aínda que no proceso de adopción dese sistema literario os poetas da Magna Curia eliminaron algúns elementos e concederon un maior desenvolvemento a outros menos tratados polos provenzais; así, por exemplo, as comparacións co mundo animal, tomadas dos bestiarios (tratada en ámbito provenzal por Rigaut de Berbezilh) ou o motivo da impresión da figura da amada no corazón do namorado, que, plasmado por Giacomo da Lentini na canción “Meravigliosamente”, será de gran rendemento no dolce stil nuovo. Ademais dos textos emparentados coa temática da cansó provenzal, na escola siciliana representan unha produción marxinal as pezas que se adscriben ao rexistro da canción de muller, entre as que poden mencionarse os lamentos femininos pola partida do amante escritos polo propio monarca (“Dolze meo drudo, eh vatène?”) ou por Rinaldo D’Aquino (“Già mai non mi conforto”), así como a canción de malmaridada “Per lo marito c’ò rio” do descoñecido Campagneto da Prato. No plano formal levaron a cabo un proceso de selección das estruturas empregadas polos provenzais. Mostran unha clara preferencia polas cobras singulares e polos versos heptasílabos e hendecasílabos, e eliminan a tornada, de xeito que a función de envío ou despedida propia desta é desempeñada pola estrofa final ou congedo da canción. Ademais, crearon unha nova forma estrófica, o “soneto”, invención de Giacomo da Lentini, que se especializará para as disputas literarias.