escribenta

escribenta
  1. s f [ANIMAL/ORNIT]

    Ave granívora, da familia dos emberícidos, distribuída practicamente por todo o mundo, agás a India, Madagascar e Australia, e as máis das veces propia de hábitats pouco arborados. Caracterízase por ter un peteiro proporcionalmente curto e comprimido polos lados, co bordo da boca sinuoso na base. A plumaxe é, normalmente, de cores apagadas. Existen unhas 300 especies.

  2. escribenta amarela [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 16 cm de lonxitude, co dorso listado e mitra de cor acastañada, as partes inferiores de cor amarela, cos flancos listados e a cabeza de cor amarela, que no caso das femias e dos animais novos presentan listas negras. Está distribuída por latitudes medias do Paleártico central e occidental; na Península Ibérica ocupa terreos deforestados con abundantes sebes arbustivas na rexión eurosiberiana, máis escasa cara ao O e rara no N de Portugal.

  3. escribenta das canaveiras [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 15,5 cm de lonxitude, co dorso e ás de cor acastañada vermella, con listas máis escuras e as partes inferiores de cor entre branca e ocre. Os machos adultos, no período reprodutor, presentan a cabeza e parte superior do peito de cor negra e a caluga branca. Ten unha distribución paleártica e está presente en esteiros, albufeiras, lagoas endorreicas con grandes carriceiras, e en marismas costeiras de toda a Península Ibérica. Ás poboacións ibéricas sedentarias sumánselles aves invernantes de Centroeuropa.

  4. escribenta hortelá [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 15,5 cm de lonxitude, coas partes superiores e as ás de cor acastañada vermella, con listas de cor negra e coa cara inferior da á e o anel ocular de cor amarela. Os machos coa cabeza e o peito de cor verde oliva; as femias e os animais novos son de cores máis apagadas e coa cabeza e o peito tamén listados. Distribuído polo Paleártico central e occidental está presente, aínda que é rara, na rexión eurosiberiana e nos pisos máis térmicos da mediterránea. Na Península Ibérica ocupa terreos de aspecto seco e aberto, como as matogueiras mediterráneas de montaña que hai nas abas meridionais da Cordilleira Cantábrica, da Meseta Norte, do Prepireneo, do val do Ebro e da metade norte de Portugal por riba dos 800 m de altitude. Trátase dunha especie migrante transahariana que permanece na Península Ibérica entre abril e outubro.

  5. escribenta nival [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 16 cm de lonxitude que se caracteriza por presentar nos machos, no período reprodutor, a plumaxe de cor branca, co lombo e as plumas primarias das ás de cor negra; fóra desta época a plumaxe tórnase máis ocre e semellante á das femias e á dos animais novos. Ten unha distribución circumpolar e na Península Ibérica aparece como invernante ocasional en bandos monoespecíficos, compostos principalmente por femias e animais novos, entre os meses de outubro e maio. Ocupa zonas costeiras, especialmente da metade norte e praias con dunas.

  6. escribenta paponegra [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 16 cm de lonxitude que se caracteriza por presentar nos machos a cabeza de cor verde oliva, con listas amarelas por riba, gorxa de cor negra, colar amarelo, franxa pectoral de cor verde oliva e partes superiores acastañadas vermellas, e partes inferiores de cor amarela cos flancos lixeiramente riscados de castaño. As femias e os animais novos son de cores máis apagadas e o dorso acastañado. Distribuíuse polo extremo sudoccidental do Paleártico e na Península Ibérica, especialmente en zonas arboradas con claros, como bordos de bosques, campiñas e bosques de ribeira limítrofes con terreos deforestados.

  7. escribenta riscada [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 15,5 cm de lonxitude que se caracteriza por presentar o macho a cabeza o e peito de cor cinsenta, con dúas listas negras que enmarcan a cara e unha terceira media que cruza o ollo, as partes superiores de cor acastañada con lista negras no dorso e o peito e flancos de cor arrubiada. As femias e os animais novos son de tons máis apagados. Está presente nas latitudes baixas do Paleártico en terreos non cultivados con solos secos e pedregosos e con vexetación arbustiva ou arbórea dispersa. En Galicia está ben distribuída en ladeiras deforestadas e cubertas por toxeiras, e ausente dos fondos dos vales máis húmidos e frondosos.