Escuela Naval Militar de Marín
Centro de formación dos oficiais dos distintos corpos da Armada Española situado en Marín. A súa orixe está na Real Compañía de Guardias Marinas creada por J. Patiño en 1717 e instalada no castelo da Villa de Cádiz, e nas dúas compañías creadas en 1776 con sede en Ferrol e Cartagena. En 1824 as tres compañías departamentais xuntáronse no Colegio Real y Militar de Guardias Marinas con sede no Arsenal de La Carraca (Cádiz) que funcionou ata 1828. En 1842 creouse o Colegio Naval en San Carlos e en 1870 a Escuela Naval Flotante na fragata Asturias, con sede en Ferrol e que permaneceu aberta ata 1909. A Escuela Naval Militar creouse en 1913 en San Fernando (Cádiz) e en 1943 trasladouse a Marín, onde se creara en 1931 a Escuela de Artillería y Tiro Naval. Entre as distintas actividades formativas cómpre destacar o cruceiro de instrución a bordo do buque-escola J. S. Elcano, realizado no terceiro curso e cunha duración non inferior a seis meses. A festividade do Carme, o 16 de xullo, celébrase coa xura de bandeira dos alumnos aspirantes de primeiro e coa entrega de despachos de oficiais.