Escuela Superior del Magisterio
Institución creada en Madrid cando era ministro de Instrución Pública Faustino Rodríguez Sampedro. Co Real Decreto (10.9.1911), pasou a denominarse Escuela de Estudios Superiores del Magisterio, ata a súa desaparición en 1932. O centro substituíu a anterior Escuela Normal Central, creada en 1839. Recollendo as principais innovacións introducidas en materia de formación do profesorado, concibiuse como un centro de cultura pedagóxica para a formación dos profesores de escola normal e tamén dos inspectores. Coa chegada da Segunda República, creouse a sección de pedagoxía na facultade de Filosofía e Letras da Universidad Central e, un ano máis tarde, unha nova sección en Barcelona. Polas novas finalidades que se lle asignaron á sección de pedagoxía, a Escuela de Estudios Superiores del Magisterio perdeu a súa función específica e suprimiuse como tal. Ingresábase no centro, en réxime de coeducación, coa acreditación da reválida do grao de mestre de primeiro ensino superior ou equivalente, ou coa licenciatura na facultade de Letras ou na de Ciencias. Era necesario ter entre 18 e 35 anos e superar unha serie de exercicios de carácter pedagóxico e cultural. Os plans de estudios estaban estruturados en tres cursos ata 1920. Logo, en catro, ata 1926. Algúns dos procedementos metodolóxicos máis frecuentemente utilizados foron a substitución da lección maxistral polos debates ou discusións; a realización de traballos individuais sobre temas puntuais; a preparación bibliográfica e a exposicións por parte dos estudiantes de diversos puntos do programa ou de temas de investigación; resumos ou diarios de clase; substitución paulatina dos exames pola avaliación continua; a relación teoría-práctica; a realización de experiencias prácticas na aula; a visita a centros científicos, culturais e educativos; e as prácticas de diferentes materias pedagóxicas en colexios públicos madrileños. Como actividades extraescolares potenciouse, sobre todo, as excursións fin de carreira, os ciclos de conferencias, as colonias escolares, o curso permanente de debuxo, a participación do alumnado en asociacións estudiantís e outras actividades de extensión cultural. O centro gozou de autonomía pedagóxica a partir de 1917. Ademais do réxime de medio internado para o alumnado oficial, podíase optar a bolsas para ampliar estudios dentro ou fóra de España, a través da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE). Outra vía de relación abriuse a partir de 1915, coa creación da Residencia de Señoritas, dirixida por Maria Maetzu, que albergou as alumnas da Escuela Superior del Magisterio. O centro caracterizouse pola pluralidade e estaba fortemente influenciado nas súas bases doutrinais e técnicas pola Institución Libre de Enseñanza (ILE). A educación do s XX en España ten como marco de referencia esta institución. Entre os profesores, cómpre destacar a galega Concepción Sáiz Otero, directora de estudios da sección feminina. De entre os estudiantes galegos, cómpre mencionar a mestres (Xosé Otero Espasandín) e a profesores da escola normal (Rexina Lago García, Sara Leirós Fernández, Mª. Luísa Lorenzo Salgado, Xulia Martínez Álamo, Vicente Martínez Risco, Ernestina Otero Sestelo, María Padrón e Xosefa Rosón Rubio) e inspectores de ensino primario (Manuel Maceda López, Manuel Díaz Rozas, María Cruz Pérez González, Cristina Pol García, etc).