Escuela Regional Gallega de Declamación

Escuela Regional Gallega de Declamación
[ESPECT]

Compañía de teatro creada na Coruña en 1903 por militantes do movemento rexionalista, como Galo Salinas Rodríguez ou Manuel Lugrís Freire, e por actores afeccionados, como Eduardo Sánchez Miño e Bernardo Bermúdez Jambrina. O seu primeiro espectáculo presentouse o 18 de xaneiro de 1903 no Teatro Principal da Coruña. Foi a obra Filla!, sobre un texto homónimo de Galo Salinas e con dirección de Eduardo Sánchez Miño. Esa proposta ía acompañada de novas iniciativas que tentaban transformar esta escola nunha verdadeira compañía de repertorio, similar ás de Madrid e Barcelona. Entre os obxectivos que se propoñía o directorio da compañía estaba a formación de elencos, feito que constituíu unha das primeiras iniciativas orientadas á creación de institucións educativas de formación teatral, pois naquela época as escolas ou seccións de declamación pertencentes aos conservatorios eran as únicas encargadas da capacitación profesional de actores. En 1903, presentou A ponte, espectáculo dirixido por Sánchez Miño a partir dun texto de Manuel Lugrís Freire no que aparecía recollida a problemática caciquil, aínda que o conflito ten máis que ver con problemas de honra. En 1904, presentou Minia e Mareiras, con dirección de Bernardo Bermúdez Jambrina, ao tempo que preparaba actuacións por Galicia que non chegou a realizar. Aínda que produciu algúns espectáculos en castelán, pódese considerar como a primeira compañía de teatro galego e como referencia para moitas compañías posteriores. Amais de Bernardo Jambrina e Sánchez Miño, que exercían de primeiros actores e directores artísticos, entre os seus integrantes cómpre lembrar a Celia Anguita, Consuelo Anguita, María Anguita, Xulia Anguita, Zoilo Díaz, Gonzalo González, Luís Lens, Federico Lago, Lola Losada, Sebastián Naya, Consuelo Puga, Luís Torres e Mariano Tudela.