Estevan Travanca

Estevan Travanca

Trobador portugués pertencente á escola lírica galego-portuguesa, membro probablemente da liñaxe de cabaleiros dos Travanca, documentada nos libros de liñaxes e, sobre todo, nas Inquirições (1258). Nestas, menciónase un Estevan Travanca, propietario dun casal en Sedielos (partido xudicial de Penaguião, ao N do Douro), que podería identificarse co trobador. A colocación da produción deste autor nos cancioneiros -na parte inicial da sección das cantigas de amigo, xunto a trobadores como Men Rodriguez Tenoiro, Rodrigu’Eanes de Vasconcelos e Afonso Mendez de Besteiros-, permite situalo cronoloxicamente no terceiro cuarto do s XIII. Aínda que motivos codicolóxicos levaron a algúns investigadores, como António Resende de Oliveira, a atribuír tamén a este trobador a cantiga de amor “Pois m’ en tal coita ten Amor” (asignada por Giuseppe Tavani a Johan Perez d’Aboim), o máis prudente parece inclinarse polo seu anonimato e circunscribir o seu cancioneiro ás catro cantigas de amigo (“Amigas, quando se quitou”, “Dizen-mi, amiga, se non fezer bem”, “Por Deus, amiga, que preguntedes”, “Se eu a meu amigo dissesse”), transmitidas polos dous apógrafos italianos (B e V). Estas debuxan a unha amiga que, dirixíndose ás súas confidentes, se lamenta pola ausencia do amigo ou se revela consciente do sufrimento que lle causa ao seu namorado. Todas estas composicións están constituídas por un número de estrofas que vai de dúas a cinco e cada unha das cobras está formada por seis versos dos que os dous últimos (sempre decasílabos agudos, salvo “Amigas, quando se quitou” con octosílabos agudos) forman o refrán. En canto á rima as cantigas organízanse en cobras singulares, agás “Dizen-mi, amiga, se non fezer bem” que introduce rimas unisonantes e singulares en idénticas proporcións, peculiaridades métricas ás que se asocia a introdución dunha palavra-rima e dun dobre en rima.