feira
(< lat ferĭa ‘día de festa’)
-
-
s
f
Mercado público, polo xeral ao aire libre, cun lugar e data determinados no que se compran e venden mercadorías. Na tradición oral recóllense ditos como: “Cada un fala da feira segundo lle vai nela. Mercar na feira e vender na casa sempre foi segura ganancia. Non hai feira mala, o que un perde outro gana. Para ruín feira, corda baleira. Que queira que non queira, o burro ha de ir á feira. Unha besta non fai feira”.
Ex: O tres e o dezaoito de cada mes celébrase a feira local.
-
s
f
[HIST]
Reunión periódica de comerciantes e mercadores protexidos polo poder público para comprar, vender e intercambiar produtos agrícolas e manufacturados. As súas orixes estiveron na necesidade das xentes de vender os seus excedentes para obter capital e adquirir con el aqueles produtos que non producían e que, en ocasións, procedían doutras rexións ou países. Caracterizábase pola variedade de transaccións que nela se producían, o volume de concorrencia e a duración que tiña, porque xeralmente cadraba co día da festa principal do lugar no que se celebraba. En Grecia e Roma coincidían coas festas relixiosas de santuarios, como Delfos e Delos, e nelas comerciábase con produtos procedentes de toda a conca mediterránea. Durante o Baixo Imperio Romano, a contracción do comercio e a ruralización da vida provocou o esmorecemento deste tipo de reunións e a súa práctica desaparición. No s XI, a recuperación da actividade económica permitiu o desenvolvemento da feira como o órgano da vida económica europea. Instaurábanas os monarcas, como fixo Carlos V en Besançon, e supoñían unha fonte de prosperidade para aquelas vilas onde se celebraban. Entre os ss XI e XIV as máis importantes foron, entre outras, as de Frankfurt, Augsburgo, Leipzig, Colonia, Milán, Venecia e as de Champagne, que foron substituídas posteriormente polas de París, Flandres, Brabante e Xenebra. Na Coroa de Castela, as primeiras feiras datan do s XII e concentrábanse nas rexións meridionais. Desde o s XIV, como consecuencia do aumento da actividade comercial e a xeneralización no intercambio de moeda, xurdiron no N peninsular feiras como a de Medina del Campo (1321), Burgos (1339) e Santiago de Compostela (1351). A máis importante foi a de Medina del Campo, centrada fundamentalmente no comercio da la. O desenvolvemento do comercio internacional entre os ss XVII e XVIII contribuíu á transformación das feiras en simples centros de contratación, pero a industrialización dos ss XIX e XX orixinou o desenvolvemento de exposicións internacionais e as feiras de mostras. En Galicia, as feiras documentadas máis antigas son a de Lugo (1104), a de Monforte de Lemos (1106) e a de Milmanda (1199). No s XIV floreceron, entre outras, a de Ourense (1386), concedida á vila polo Rei Xoán I; a de Vilanova dos Infantes (1458), a de Pontevedra (1467), concedida polo Rei Enrique IV; e a de Maside (1574). O número de feiras aumentou trala liberalización que se produciu en 1812; algunhas delas existiron ata mediados do s XX.
-
s
f
Conxunto numeroso de persoas
Ex: Había unha feira de xornalistas esperando ó actor.
-
s
f
Ruído ou confusión que forma un grupo de xente.
Ex: As veciñas do sexto fixeron unha feira que non nos deixarou durmir.
Confrontacións: alboroto, algarabía, algarada, algareo, algazara, barullo, bulicio, rebumbio, balbordo. -
campo da feira ETN
[ETN]
Espacio no que periodicamente os labregos venden os produtos que lles sobran ou practican certas formas de intercambio. Ás veces coa ganancia mercan alí mesmo o que necesitan. Estes lugares adoitan asentarse no centro ou proximidades dalgunha localidade importante e datan da Idade Media, momento en que prolifieran as feiras. Pódense diferenciar dúas modalidades de recintos: os permanentes ou fixos e os móbiles. As construcións non permanentes son as máis empregadas e posúen unha estrutura de paos de madeira cravados no chan, sobre os que colocan unhas lonas tensadas a través de cordas. Tamén poden ter unha parte fixa de madeira e outra desmontable de lona. As permanentes teñen planta rectangular con muros de pedra no fondo e nos laterais, quedando a parte dianteira aberta onde vai colocado un banco feito con lousas de granito para a exposición das distintas mercadorías. O tellado pode ser de lousa de xisto ou tella, a unha auga ou dúas. Algunhas están destinadas á venda de diferentes produtos como útiles do campo ou ferramentas, outras gardan os animais ou serven de comedor para os feirantes. Están unidas unhas ás outras, pero cun pequeno espazo entre elas para que a xente poida contemplar o exposto. Na súa orixe a feira tradicional celebrábase en campos abertos, á sombra das carballeiras e a mercadoría máis abundante era o gando vacún, seguido do ovino, cabrún, porcino e equino. Noutro lugar estaban os tratantes, artesáns, labregos, quincalleiros, xastres, castañeiras, vendedores de auga fresca, botadores de cartas, adiviños e non faltaban os cegos acompañados das zanfonas. A súa celebración podía ser mensual ou anual e remataba case sempre cun xantar típico como a caldeirada de polbo ou carne. Desde os anos setenta esta celebración tradicional foi desaparecendo para se transformar no que hoxe coñecemos por mercado, realizado varias veces ao mes, en grandes naves, onde se acubillan as persoas e animais e ao mesmo tempo se venden diversos xéneros.
-
s
f
-
-
s
f
Exhibición periódica de empresas, fabricantes ou ofertantes dun determinado produto ou servicio, que se realiza en espacios amplos, ao aire libre ou en pavillóns construídos para o efecto.
Ex: Organizaron unha feira para amosar os adiantos en maquinaria agrícola. A Feira do Libro estará en Vigo unha semana.
-
feira de mostras
[ECON]
Exposición periódica de mostras de produtos, principalmente manufacturados, nun espazo constituído expresamente. Organízaas o aparato produtivo para conseguir unha distribución e unha comercialización mellor dos seus produtos, e actúan como unha lonxa de contratación de mercadorías e como forma de publicidade. Poden ter un carácter local ou internacional. En Galicia celébranse nos recintos feirais de Cotogrande (Vigo), Expourense (Ourense), Silleda e Fexdega (Vilagarcía), entre outros.
-
s
f
-
s
f
Conxunto de festexos que se celebran durante varios días nunha localidade e nunha data determinada.
Ex: Marcharon a Sevilla a coñecer a Feira de Abril.
-
s
f
Día da semana, agás o sábado e o domingo, daquela a segunda feira correspóndese co luns; a terceira feira , co martes; a corta ou cuarta feira , co mércores; a quinta feira , co xoves, e a sexta feira , co venres. OBS: Na fala dáse a coexistencia de dous sistemas galegos, un sistema clásico procedente da tradición clásica latina, de uso maioritario; e un sistema cristián con denominación por feiras que só se conserva no occidente peninsular. Do sistema cristián as formas máis asentadas son corta feira e quinta feira, coas súas variantes, mentres que segunda feira e terceira feira están case desaparecidas. Estas formas rexístranse no territorio galego do seguinte xeito: segunda feira recóllese no sur da provincia de Pontevedra, ao redor de Tui, e no extremo sudoccidental da provincia de Ourense; con idéntica distribución temos terceira feira, tercia feira e terza feira. Corta feira, cuarta feira, carta feira, corta e cuarta rexístranse nas partes norte e occidental da provincia da Coruña, a maior parte da provincia de Pontevedra e a parte occidental de Ourense. No mesmo territorio, agás no norte da provincia da Coruña, recóllese quinta feira e quinta. E finalmente sexta feira e sexta rexístranse ao redor do occidente de Santiago de Compostela, sur da provincia de Pontevedra, sueste da cidade de Ourense e zona sudoccidental da provincia de Ourense.
Frases feitas
-
Facer boa/mala feira. Tirar ou non bo proveito nun negocio.
-
Ir cos da feira e vir cos do mercado. Aplícase á persoa que muda facilmente de ideas ou de opinión.
-
Revolver a feira. Facer que haxa discordia.
Refráns
- A ganancia e a lace ira corren de feira en feira.
- Boi que non vai á feira, non pode ter venda.
- Na feira de Vilaverde o que máis pon máis perde.