Feira Internacional de Mostras do Noroeste
Exposición internacional de carácter temporal de maquinaria agrícola, forestal, de obras públicas e de construción, xunto á industria do moble, da alimentación, do turismo e da decoración, que se celebra no recinto feiral de Ferrol para promover o seu coñecemento e venda. O ministerio de Economía e Comercio outorgoulle a categoría de Internacional en 1985. A súa orixe remóntase á Feria de Industria y Artesanía que tivo lugar en Ferrol entre agosto e setembro de 1953, segundo un proxecto do Círculo Mercantil e Industrial para favorecer a economía ferrolá. En febreiro de 1959 constituíuse o Consorcio Pro-Ferias y Exposiciones, que se ocupou da organización da I Feria de Muestras (1963) e solicitou da Asociación de Ferias de España (AFE) o seu ingreso nesta entidade; dende 1964 pasou a denominarse Feria Nacional de la Industria Naval y de Muestras del Noroeste. En xullo do 2002 celebrouse a súa 40 edición.