feito -ta

feito -ta

(< lat factu)

  1. Liñaxe que leva por armas, faixado de ouro e azul e resaltado dun pau de prata.

  2. p irreg

    de facer ou facerse.

  3. adx
    1. Que chegou á madureza ou ao punto debido.

      Ex: Gústanlle as mazás feitas. Come o peixe pouco feito.

    2. Que acadou un desenvolvemento completo.

      Ex: Co novo que é xa ten o corpo feito. Está un mozo feito.

    3. Que está rematado. Na tradición oral recóllese o seguinte dito: “Comida feita, compaña desfeita. Logo é feito o que é ben feito”.

      Ex: Se deixas os deberes feitos poderás ir xogar.

  4. adx
    1. Que é bonito, guapo ou agradable.

      Ex: Éche un neno moi feito.

    2. Que está ben ou mal proporcionado, especialmente unha persoa, un animal ou algunha parte do seu corpo. OBS: Emprégase cos adxectivos ben ou mal.

      Ex: A vaca máis ben feita gañou o premio. Ten un corpo mal feito e ningunha roupa lle senta ben.

  5. adx

    Que resulta ou é xeitoso ou adecuado.

    Ex: Mercou un vestido moi feito. Tenche un terreo moi ben feito para construír a casa.

  6. adx

    Que algo ou alguén é semellante ou se converteu no que se expresa a seguir.

    Ex: Estaban feitos uns lacazáns.

  7. adx

    Que unha cantidade é como se expresa. OBS: Emprégase cos adxectivos ben ou mal para indicar que esta cantidade é maior ou menor, respectivamente, do que se expresa.

    Ex: Vendéronlle cinco quilos de sardiñas ben feitos. Fixo unha tega de trigo mal feita.

  8. s m
    1. Acción ou acto que se fai ou se fixo. Na tradición oral recóllense ditos como: “A cruz nos peitos e o diaño nos feitos. A mal feito, rogo e peito. Feito malo, ao corazón e ao corpo fai dano. Moita lingua e poucos feitos. O ben feito ben parece. O feito non ten remedio, e o por facer pide consello. Ao feito, brazo e peito. Ao feito non lle agrada o por facer. Ao feito, remedio; e ao por facer, consello. Os feitos son os mellores pregoeiros. Palabras sen feito, gaita sen punteiro. Para o feito non hai pleito”.

      Ex: Máis valen feitos ca palabras. Non te arrepintas do feito, que obraches ben.

      Sinónimos: feita, feita.
    2. Fazaña heroica.

      Ex: Gustábanlle os relatos épicos polos feitos gloriosos que relataba.

  9. s m
    1. Cousa que se produce ou que se produciu.

      Ex: Os feitos que se comentan nese libro aconteceron na realidade.

    2. [FILOS]

      Estado das cousas no que a súa propia existencia fai verdadeira a proposición. Xeralmente, distínguense o feito da ilusión ou aparencia e o do fenómeno, aínda que ás veces feito e fenómeno poden ser entendidos como sinónimos. Na medida en que as ciencias poden ser positivas, os feitos son precisamente o seu obxecto propio. Dentro da filosofía establécense os feitos como principio do que é verdade. G. W. Leibniz opuxo a verdade de feito á verdade de razón, de igual modo que I. Kant opuxo os xuízos a priori aos xuízos a posteriori.

  10. s m

    Situación ou circunstancia que acompaña ou rodea a algo ou alguén.

    Ex: A súa conferencia versou sobre o feito diferencial galego. O feito de cantar élle alleo.

  11. s m

    Xogo das escondidas.

  12. s m [DER]
    1. Caso sobre o que se litiga ou que é motivo dunha causa.

    2. de feito

      Expresión que indica que nunha causa se atende aos acontecementos consumados e non ao dereito aplicado

    3. feito imputable

      Presuposto xurídico determinado pola lei para configurar o importe de cada tributo.

    4. feito xurídico

      Acontecemento natural ou humano capaz de producir efectos xuridícos

    5. feito probado

      Feito que como tal se declara nunha sentenza dos tribunais de instancia e que serve de base para as apreciacións xurídicas en casación.

    6. feito punible

      Acción ou omisión dolosa ou culposa penada pola lei.

Frases feitas

  • 2 Aplícase á persoa cabal ou á cousa que se fixo como se debía.

  • A feito/de a feito Que se fai todo seguido, sen deixar nada atrás ou sen escoller. Ex: Segaron a herba a feito. Colle os tomates de a feito, aínda que estean verdes.

  • Feito e dereito 1 Completamente desenvolvido.

  • De a feito Segundo o costume.

  • De feito. En realidade. Ex: É máis vello do que parece, de feito pasa dos sesenta anos.

  • Meu dito meu feito Que se fai tan pronto como se di.

  • Perdoar o feito e o por facer Ser indulxente en exceso, mesmo cando non se debe.

Palabras veciñas

feitío | feitizo | Feito | feito -ta | feito -ta | Feito López, Luis | Feitos dos Apóstolos