inglés -sa

inglés -sa

(< fr antigo angleis)

    1. adx

      Relativo ou pertencente a Inglaterra, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. s

      Natural ou habitante de Inglaterra.

    1. adx

      Relativo ou pertencente ao pobo inglés.

    2. s

      Individuo do pobo inglés.

    3. s m pl [HIST]

      Pobo formado e desenvolvido nunha gran parte da illa de Gran Bretaña, que comprende, en sentido estricto, a todos os naturais do antigo Reino de Inglaterra, aínda que no caso de Cornualla (Cornwall) considérase impropia esta denominación. Fóra das Illas Británicas, debido ao carácter predominante de Inglaterra na formación de Reino Unido, adóitase denominar, de forma abusiva, ingleses a todos os naturais de Reino Unido. O nome provén do pobo xermano dos anglos. A denominación xeneralizouse a través da súa aplicación ao nome do país ocupado polas outras estirpes xermánicas. A lingua e a cultura celtas dos anteriores poboadores foron case aniquiladas polo carácter violento da conquista anglosaxona, e a súa influencia posterior reduciuse a vestixios. A colonización escandinava (ss X-XI), pola contra, foi básica na constitución do pobo inglés e, especialmente, a conquista normanda (1066) e a lenta evolución que a seguiu. No século seguinte xa se pode falar do pobo inglés coa identidade actual. O abandono do anglonormando como lingua dos tribunais (1362) pode ser considerado como o recoñecemento oficial deste proceso. A expansión imperial dos ingleses nos ss XVII, XVIII e XIX comportou o desenvolvemento das colectividades nacionais inglesa angloamericana, neozelandesa e sudafricana, aínda que esta última comparte o inglés co afrikaans.

  1. s m [LING]

    Lingua literaria ou estándar oficial en Reino Unido e nos seus dominios, e en EE UU. O inglés é a lingua indoeuropea que ten máis falantes (preto de 300 millóns), e a segunda do mundo despois do chinés. Historicamente, é unha lingua xermánica sudoccidental, formada en Gran Bretaña despois da súa invasión polas tribos xermánicas dos anglos (segunda metade do s V). Tradicionalmente divídese a súa historia en tres períodos: o inglés antigo, desde o 450 (ou, quizá, desde o 700, data dos primeiros documentos conservados) ata o 1150?; o inglés medio, ata o 1500; e o inglés moderno, daquela en diante. Dous feitos políticos, as sucesivas invasións danesas e a conquista normanda, provocou (1066-1400?), que o francés fose a lingua da nobreza inglesa e contribuíu a conformar a riqueza e a heteroxeneidade do vocabulario do inglés. Ademais, o número de sufixos de derivacións é moi pequeno, feito que provoca que certas familias de palabras non presenten unidade morfolóxica (king ‘rei’/royal ‘real’), e noutras, sen sufixación, a identidade morfolóxica é total (push ‘empurrar’ e ‘empurrón’). A morfoloxía de flexión do inglés é máis rica ca a derivación, pero tamén é unha das máis pobres entre as linguas xermánicas. O adxectivo é invariable, pero o substantivo distingue os dous números, singular e plural, e dous casos, o xeral e o xenitivo; o xenitivo pode aplicarse non só a un substantivo, senón tamén a un grupo de palabras con valor nominal (our best friend’s daughter ‘a filla do noso mellor amigo’). O pronome distingue dous casos, o suxeito e o obxecto. Un verbo inglés regular, por exemplo look ‘mirar’, só presenta catro formas: look, looks, looked, looking. A primeira corresponde en galego ao infinitivo (en parte), ao imperativo e a todas as formas do presente de indicativo agás a terceira persoa do singular, que corresponde á segunda forma (looks). A terceira forma corresponde ao participio e a todo o pretérito de indicativo. A cuarta forma corresponde ao xerundio, ao infinitivo e ao participio presente. Poderíase dicir que unha oración inglesa normal se centra nunha combinación dunha base verbal ordinaria cun sistema de auxiliares/modais dunha banda, e doutra, con algunha preposición que modifica esencialmente o sentido do verbo e que non se pode separar. En xeral, as construcións sintácticas do inglés son moi ríxidas, e tamén posúe moitas locucións idiomáticas. Fonoloxicamente, a complexidade do inglés é moi evidente. O sistema consonántico é realmente claro e definitivo, pero o vocálico non o é en absoluto, e as diverxencias entre as diferentes variedades dialectais (xeográficas ou sociais) do inglés son moi grandes. Cómpre dicir que o inglés chegou a diverxer moito dos tipos de vocais que se atopan en gran parte das linguas europeas, principalmente polo efecto do great vowel shift (‘gran desprazamento vocálico’), que tivo lugar esencialmente ao redor do 1500, e que consistiu no peche progresivo de todas as vocais longas e na conversión das máis pechadas en ditongos.

  2. arte inglesa [ARTE]

    Arte desenvolvida en Inglaterra a partir da invasión normanda. A cultura celta no N das Illas Británicas e Irlanda influíu na arte anglosaxona, precedente inmediata da arte inglesa. Coa conquista de Guillerme I o Conquistador (1066), introduciuse o estilo normando, con igrexas de naves altas, monumentais e sobrias en decoración (catedrais de Durham e de Peterborough). A Baixa Idade Media e todo o s XVI distinguíronse pola adopción do gótico, que se converteu nun estilo nacional moi individualizado. Foi introducido polos monxes cistercienses no claustro da abadía de Fountains. Do estilo gótico puro só queda unha parte do coro da catedral de Canterbury (1175) e a maior parte da abadía de Westminster, de ábsida semicircular con deambulatorio e capelas radiais. A esta etapa pura sucedeuna o primeiro estilo tipicamente inglés, o early english, ao que pertencen as catedrais de Salisbury, Lincoln e York, que se distinguen polas ábsidas rectangulares, o alongamento das naves e, a miúdo, polo dobre cruceiro sobre o que se atopa a agulla. Desde principios do s XIII, o gótico evolucionou cara ao decorated style, caracterizado por unha abundante ornamentación e pola profusión de nervios intermedios nas bóvedas (catedrais de Exeter e York). Inglaterra reaccionou contra o decorativismo e xurdiu o perpendicular style, exemplificado na capela do King’s College de Cambridge. Entre as artes plásticas góticas destacan as esculturas que decoran as catedrais, en especial as do decorated style, os conxuntos de Wells, Exeter e Salisbury. En contraste coa riqueza da arte medieval, o período renacentista foi pobre, en parte polo espírito puritano da Reforma e tamén por motivos sociais. O estilo Tudor representou a perduración do espírito medieval e, sobre todo, do perpendicular style co emprego do arco apuntado rebaixado ou arco Tudor. A gran parte das obras foron executadas por artistas estranxeiros (Torrigiano) ou por pintores retratistas da corte (Hans Holbein, Antonio Moro). Mentres, os pintores propiamente ingleses, entre outros Nicholas Hilliard, cultivaban o retrato en miniatura. Durante o s XVII produciuse un cambio, que se atribúe ao arquitecto Iñigo Jones (1573-1652), introdutor das innovacións de A. Palladio no palacio de Whitehall. Coa Restauración a arquitectura recibiu moito pulo, sobre todo con Christopher Wren (1632-1723), que trazou un plano de reconstrución de Londres, favoreceu as correntes artísticas do Renacemento e executou o conxunto da catedral de Saint Paul de Londres. O período gregoriano (1714-1760) supuxo o rexurdimento do estilo de Palladio, adoptado pola aristocracia e difundido en América. Os artistas que promoveron estes cambios foron William Kent (1685-1748), creador do tipo de xardín inglés, e John Wood, pai e fillo, que desenvolveron proxectos no Royal Crescent. Robert Adam (1728-1892) comezou unha nova etapa, o estilo neohelénico, moi elegante e imitado en Francia polo estilo do Directorio. Ata o inicio do s XVIII non se constatan pintores de orixe autóctona. Neste século comezou un longo período no que foron cultivados, practicamente de xeito exclusivo, o retrato e a paisaxe. A pintura inglesa deriva da flamenga e da holandesa e acadou un gran pulo coa chegada e o establecemento en Inglaterra de Anton van Dyck; posteriormente, influíu o espírito galante da pintura francesa. O primeiro gran pintor inglés foi J. M. William Hogarth (1697-1764), autor de retratos e cadros humorísticos moralizantes. No período xeorxiano predominou o retrato, co pintor e teórico Joshua Reynolds (1723-1792) e con Thomas Gainsborough (1727-1788). A estes grandes artistas hai que engadir a Allan Ramsay (1713-1784), Henry Raeburn (1756-1823) e George Romney (1734-1802), que introduciu a frialdade neoclásica no retrato, forma que tamén adoptou Thomas Lawrence (1769-1830). Paralelamente, o romanticismo pictórico fixo unha aparición avanzada nas obras de dous visionarios, o suízo J. H. Füssli (1741-1825) e o pintor e poeta William Blake (1757-1827). A finais do s XVIII creouse unha escola paisaxística que tivo a súa orixe na escola de Norwich, fundada por John Crome (1768-1821) e John Sell Cotman (1782-1842), os dous interesados polos problemas da luz e a sombra. John Constable (1776-1837) chegou a acadar unha portentosa fluídez na execución da atmosfera. O paisaxista máis importante foi William Turner (1775-1851), que creou unha especie de paisaxe cósmica con efectos de luz que anticipaban o impresionismo. Con Richard Parkes Bonington (1802-1828) e Samuel Palmer (1805-1881) rematou esta escola pitórica. A arquitectura do s XIX experimentou un forte renacemento do espírito medievalizante co neogótico de Augustus W. N.  Pugin (1812-1852), que reconstruíu o palacio de Westminster, aínda que a partir deste momento comezaron a utilizarse estruturas metálicas en arquitectura, como o pavillón de Brighton de Jonh Nash (1752-1835) e o Cristal Palace (1851) de Joseph Paxton (1801-1865). William Morris (1834-1896) e Philip Webb (1831-1915) crearon unha arquitectura baseada no estilo rural inglés. Na pintura, a mediados do s XIX desenvolveuse a escola dos prerrafaelistas, liderada por Dante Gabriel Rosseti (1828-1882) xunto con William Holman Hunt (1827-1910) e John Everett Millais (1829-1896), agrupados ao redor dun programa espiritualista defendido por John Ruskin (1819-1900). Nas artes gráficas destacou Aubrey V. Beardsley (1872-1898). A finais do século, o movemento modernista espertou un novo interese polas artes aplicadas e os seus materiais. A arquitectura doméstica desde 1900 reflectiuse na obra de C. F. A. Voysey e o tradicionalismo resistiu a pesar da aparición, cara a 1930, do racionalismo do equipo Tecton. Despois de 1945, as New Towns representaron un compromiso empírico, combatido polo brutalismo do grupo Archigram, de Peter e Alison Smithson e James Stirling e James Gowan, preocupado polos temas sociais. A nova problemática manifestouse no Parla Hill de Sheffield. En escultura, despois do expresionismo de Jacob Epstein (1880-1959), Henry Moore (1898-1986) creou unha plástica neorromántica desgastada, que Barbara Hepworth (1903-1975) levou ata a abstracción; Lynn Chadwick (1914) adoptou a escultura metálica agresiva, e a ironía de Eduardo Paolozzi (1924) creou, desde 1954, a alternativa pop. Hai que destacar, dentro deste período, as achegas de Caro, Turnbull e King. A pintura do s XX comezou cos seguidores de James Whistler (1834-1903) e o grupo postimpresionista de 1910. A vangarda arrancou, entre outros, co poscubismo de Ben Nicholson (1894-1982) e o expresionismo tráxico de Francis Bacon (1909-1992). O movemento pop art apareceu cara a 1955. Destacaron David Hockney (1937), Richard Hamilton (1922) e Tilson; tanto na pintura como na escultura convivía cunha nova abstracción asimilada dos abstractos americanos. Neste contexto apareceron as primeiras investigacións da vangarda da década de 1970: a arte pobre (B. Flanagan), a land art (R. Long, H. Fulton) e a arte conceptual (grupo Art-Language), que, ao inicio da seguinte década, achegaron un grande esplendor á escultura británica (A. Charlton, M. Craig-Martin, Anish Kapoor, Hamilton Finlay, Richard Deacon). A arquitectura da década de 1960 e 1970 está unida ao urbanismo e ten como punto de referencia o brutalismo da década anterior (grupo Archiman, S. Stirling) e a arquitectura industrial (N. Foster, R. Rogers).

  3. cine inglés [IMAX]

    cine británico.

  4. dereito inglés [DER]

    common law.

  5. filosofía inglesa

    Doutrinas filosóficas que se desenvolveron dentro do ámbito cultural inglés e que tiñan como características comúns a preferencia polo método indutivo, a concepción empírica do coñecemento, a preocupación pola linguaxe como medio de expresión e unha predisposición a considerar a relixión en termos de ciencia natural e moral. O interese pola filosofía como instrumento da relixión e a teoloxía permitiu a aparición en Inglaterra de filósofos escoláticos como J. Escoto Erigena (815?-877), que elaborou un sistema filosófico baseado nunha concepción neoplatónica do mundo e no que afirmou que toda realidade era o produto degradado dun único ente, Deus; santo Anselmo (1033-1109), Jean de Salisbury (1115?-1180), Alexandre de Hales (1185?-1245) e R. Grosseteste (1175-1253), todos eles vinculados á University of Oxford. Non obstante , o máximo expoñente desta tendencia, que deu lugar ao nominalismo de Guillerme de Ockham (1290?-1349), foi o franciscano escocés J. Duns Escoto (1266?-1308). Como pensadores da reforma relixiosa destacaron o teólogo J. Wycliffe (1330?-1384); F. Bacon (1561-1626), que na súa obra Novum Organum fixo a exposición dunha indución diferente á aristotélica e que tiña os seus antecedentes directos na obra do físico W. Gilbert (1554-1603); e T. Hobbes (1588-1679), quen intentou estruturar todo o seu pensamento en forma de sistema. No s XVII, na liña de Hobbes traballaron científicos como R. Boyle (1627-1691) e I. Newton (1642-1727) e filósofos como J. Locke (1632-1704); e, como reacción ao materialismo de Hobbes, os membros da escola platónica de Cambridge, R. Cudworth (1617-1688) e H. More (1586-1661). Outra corrente propia da Ilustración inglesa foi o deísmo, oposto co seu mecanicismo ao movemento espiritualista de Cambridge, e que tivo como antecedente a Herbert de Cherbury (1583-1648). Entre os seguidores do deísmo destacaron pensadores como J. Toland (1670-1722) e M. Tindal (1653?-1733). As interpretacións da divindade en termos mecánicos provocou a reacción dos denominados antideístas entre os que se encontraban S. Clarke (1675-1729) e J. Butler (1692-1752). Non obstante , a gran figura da filosofía inglesa destes séculos foi G. Berkeley (1685-1753), que negaba a existencia do mundo material afirmando un absoluto subxectivismo. No s XVIII o interese motivado polo home deu lugar ás obras de moralistas como o conde de Shaftesbury (1671-1713), F. Hutcheson (1694-1746), o economista A. Smith (1723-1790), D. Hartley (1707-1957), J. Priestley (1733-1804) e o empirista e escéptico D. Hume (1711-1776), quen condicionou, coas súas obras, todo o pensamento británico do s XIX. Seguindo as súas directrices desenvolveuse a moral utilitarista de J. Bentham (1648-1832), J. Mill (1773-1836) e do seu fillo J. S. Mill (1806-1873), quen propugnou un método de coñecemento, a indución, que, aplicado ás ciencias biolóxicas, daba forma á teoría evolucionista de Ch. Darwin. Contrario a esta primacía do método indutivo foi o matemático G. Boole (1815-1864). Na segunda metade do s XIX o idealismo alemán influíu nas obras de S. T. Coleridge (1772-1834), T. Carlyle (1795-1881), T. H. Green (1836-1882) e F. H. Bradley (1846-1924). No s XX, o idealismo e a metafísica estiveron representados por S. Alexander (1859-1938), R. G. Collingwood (1889-1943) e A. N. Whitehead (1861-1947); pero a filosofía inglesa impregnouse do neorrealismo de B. Russell (1872-1970) e G. E. Moore (1873-1958). Nos últimos anos destacaron os neopositivistas A. J. Ayer e de B. Russell, o economista K. R. Popper (1902-1994), o físico J. D. Bernal (1901-1971), G. Ryle (1900-1976), J. L. Austin (1911-1960), I. Lakatos (1922-1974), P. F. Strawson (1919) e P. Feyerabend (1924-1994).

  6. letra inglesa [GRÁF]

    Tipo de escritura e de carácter gráfico que se caracteriza pola dirección inclinada dos trazos da letra de dereita a esquerda.

  7. literatura inglesa [LIT]

    Literatura en lingua inglesa producida na área cultural das Illas Británicas.
    As orixes

    O inglés do que saíu a lingua moderna comezou a formarse trala conquista normanda (1066) e non produciu ningunha obra literaria ata despois do segundo período de influencia cultural latina e francesa, chegado coa dinastía Plantagenet (Enrique II, 1154-1189). Antes da conquista normanda existía unha literatura anglosaxona inintelixible para o lector moderno, e a partir dos ss XI e XII, a influencia francesa máis culta concretouse no que se coñece como “materia de Bretaña”, modelo importante para a literatura posterior. Unha parte da crítica moderna non admite esta corrente anglosaxona e latina como parte da literatura inglesa e fixa as súas orixes nos primeiros anos da segunda metade do s XII, en obras como o tratado relixioso Ancren Riwle e The Owl and the Nightingale. Neste período hai que recordar o nome de Layamon, que traduciu o Roman de Brut do anglonormando ao inglés e está considerado o enlace entre as dúas culturas.
    Os séculos XIV e XV
    Despois da peste de 1348-1349 produciuse unha readaptación espiritual que tivo resonancia no cultivo da literatura. Durante os cincuenta anos seguintes a musa popular das baladas representou o triunfo dun paganismo vital e ao mesmo tempo, paradoxicamente, cristián, que atopou no realismo e na alegoría unha forma de expresión do desexo de vivir e impoñerse a un feito cruel e destrutor. A gran figura deste período foi Geoffrey Chaucer e a súa extensa obra Canterbury Tales (1387-1394), que constitúe unha das mellores mostras da narrativa medieval europea. As outras grandes figuras da época foron W. Langland e o poeta anónimo que a finais do século recolleu os temas artúricos na obra Sir Gawain and the Green Knight (1390?). Outros autores foron R. Rolle, J. Wycliffe e o moralista J. Gower. The Testament of Love, un dos poemarios apócrifos atribuídos a Chaucer, podería ser obra de T. Usk. Chaucer tivo moitos seguidores; entre eles cómpre destacar o Rei Xaime I e, sobre todo, a R. Henryson, que continuou a obra do mestre en Testament of Criseyde e nas Fables. Aínda na tradición medieval, e como resumo dos temas artúricos, hai que mencionar a obra de T. Malory Le Morte d’Arthur (1470?). A literatura dramática medieval está representada polas Moralities, das que a máis famosa é Everyman. Da lírica anónima e popular hai que recordar os carols e as baladas, letras para acompañar o ritmo da danza, de transmisión fundamentalmente oral. Os primeiros quedaron practicamente reducidos a unha especie de canción de nadal, mentres que as segundas perduraron ata os tempos modernos en América do Norte, onde deron lugar ás baladas dos cowboys do lendario Oeste.
    Os séculos XVI e XVII
    A crítica tradicional atribúe o esplendor renacentista dos ss XVI e XVII aos factores do progreso material, aos descubrimentos científicos e xeográficos e á introdución da imprenta. Pola contra, outros criterios sitúan as orixes espirituais nas condicións sociais producidas por un estado de inflación económica, é dicir, unha actitude ortodoxa e puritana que centraba a solución no traballo e no sacrificio sostidos por uns ideais patrióticos e relixiosos. Estas circunstancias económicas abriron camiños de comunicación entre as diversas clases sociais e enriqueceron a experiencia e a lingua do individuo, que se expresaba recollendo a fala campesiña, urbana e cortesá indistintamente. O resultado foi un verdadeiro século de ouro da literatura inglesa, no que destacaron os autores deste tempo, chamados isabelinos. Pódese considerar vangardista e precursor a T. Moore, figura principal do humanismo. Tamén W. Tindale e o filósofo F. Bacon, que sintetizou as normas do pensamento e o método científico, á vez que eliminaba os últimos elementos medievais. A poesía coñeceu un período fecundo, introducíronse as formas italianas, como o soneto, que fixeron posible o traballo dos grandes poetas como E. Spenser, con The Faerie Queene (1590-1595), P. Sidneye, e J. Lyly, creador do eufuísmo, movemento comparable ao marinismo italiano e ao gongorismo castelán. A volta ás formas máis puras da poesía inglesa iniciárona B. Jonson, T. Campion e J. Donne, que forman o grupo de poetas coñecidos co nome de “metafísicos” polo carácter difícil e intelectual da súa poesía. J. Milton resumiu estes movementos e abriu as portas a novos horizontes no seu Paradise Lost (1667), obra fundamental da poesía inglesa. Pero o xénero triunfador desta época brillante foi o teatro. Os nomes dos tres grandes mestres, W. Shakespeare, o dramaturgo máis importante da historia das literaturas occidentais, Ch. Marlowe e B. Jonson, fixeron esquecer os esforzos dos autores que serviron de marco e que fixeron posible o ambiente en que se produciron os seus triunfos. En xeral, o desenvolvemento do teatro inglés foi paralelo ao dos outros países europeos e, particularmente, ao do teatro español do mesmo período. A prosa non acadou as mesmas cimas de perfección, aínda que cómpre destacar ao pensador T. Hobbes e a J. Bunyan, que no seu Pilgrim’s Progress (1678) resumiu ideoloxica e estilisticamente os ideais deste período.
    A época augusta
    Desde a metade do s XVII ata finais do s XVIII estendeuse a época “augusta”. Durante este período o país parecía estar facendo exame de conciencia para chegar á conclusión de que acadara a cima da perfección cultural e política, coa base do sentido común, tanto na lingua como na actitude artística e intelectual. A literatura do tempo caracterizábase pola coherencia, pero notou a ausencia da obra do xenio poderoso e individual. É significativo que os autores de máis valor universal fosen un filósofo, D. Hume, un historiador, E. Gibbon, un biógrafo, J. Boswell, e un político, E. Burke. A poesía e o drama resentíronse polas novas actitudes; non obstante, destacou a figura de A. Pope, que tamén foi ensaísta. Esta afección explica que a súa poesía se convertese nun exemplo magnífico de virtuosismo e dominio da lingua. Dous escoceses, J. Macpherson e R. Burns, romperon a monotonía do período, ao tempo que avanzaron o mundo e a estética do romanticismo. O primeiro, co seu falso Ossian, desconcertou a crítica de todos os países, e o segundo foi un poeta persoal e inspirado que recolleu a música e as tradicións da súa terra, e as súas composicións están vivas aínda hoxe en día entre as clases cultas e populares de Escocia. Cómpre destacar tamén a W. Blake, autor dunha obra persoal e complexa, e considerado tamén un precursor do romanticismo e do simbolismo.
    A prosa do século XVIII
    O s XVIII foi o século da prosa: o ensaio, o xornalismo, a prosa científica, os diarios, a filosofía e a historia. Destacaron J. Locke, G. Berkeley, J. Butler, R. Boyle, A. Smith, T. R. Malthus e J. Evelyn. A literatura xornalística viviu un momento de plenitude cos diarios The Spectator e The Tatler, e sobre todo cos seus fundadores R. Steele e J. Addison. O xornalismo fomentou unha actitude de observación e de crítica que foi a base da novela e do ensaio da época seguinte. Vangardistas desta época foron D. Defoe e J. Swift. Tamén a literatura epistolar e a reportaxe foron consecuencia inmediata deste feito: son famosas as cartas de P. Stanhope e H. Walpole, e os diario-reportaxes de J. Wesley, F. Burney e J. Cook. Esta literatura influíu tamén na estrutura formal da novela; o exemplo máis coñecido é a obra de S. Richarson. En calquera caso os novelistas cultivaron un tipo de obra atenta á observación do detalle e ao desenvolvemento da acción máis que á introspección psicolóxica, como O. Goldsmith, H. Fielding, T. Smollet, S. Johnson e L. Sterne.
    O romanticismo
    As causas e características do movemento romántico, que inaugurou o s XIX, son difíciles de precisar: a Revolución Francesa, os factores económicos que cristalizaron na Revolución Industrial e a aparición dun público lector foron factores que contribuíron ao clima espiritual e intelectual destes anos. O romanticismo representou o triunfo do individualismo, da imaxinación e da liberdade, pero foi tamén un movemento cheo de dúbidas e angustias que portaba en si mesmo a semente destrutora dos propios principios; foi un movemento de revolta contra as realidades obxectiva e racional que trataba de impoñer o dereito á interpretación subxectiva. O romanticismo do primeiro terzo do século deu á lingua inglesa algúns dos seus grandes poetas, S. T. Coleridge, W. Wordsworth, G. Gordon, Lord Byron, J. Keats e P. B. Shelley. Manifestacións afortunadas do romanticismo foron o ensaio e, sobre todo, a novela, que tivo dous nomes famosos: W. Scott, mestre da novela histórica, e J. Austen, unha novelista dotada dunha fina sensibilidade.
    A época vitoriana
    O tránsito do romanticismo á época vitoriana produciuse sen ningunha revolta aparente, pero o cambio de directrices e de ambiente era evidente. En poesía impúxose unha nova actitude crítica e un desexo de perfección formal, sen perder as grandes conquistas do espírito romántico. A. Tennyson, R. Browning, a súa muller E. B. Browning e M. Arnold representaban estas tendencias. D. G. Rossetti formou, con Ch. Rossetti e W. Morris, o coñecido círculo dos “prerrafaelitas”. O pensamento científico, filosófico, relixioso e político estaba representado por J. H. Newman, H. Spencer, T. H. Huxley, J. Ruskin, T. Cartyle e o naturalista Ch. Darwin, exemplos dun momento de plenitude lingüística e cultural. Non obstante , é no mundo da novela no que a calidade e a cantidade de autores é extraordinaria. Nel destacaron, sobre todo, os nomes de W. M. Thackeray, Ch. Dickens, Ch. Brontë e G. Eliot, ademais dunha pléiade de seguidores entre os que sobresaíron R. L. Stevenson e L. Carroll.
    A literatura contemporánea
    O teatro volveu animarse coas innovacións de H. A. Jones, coas operetas de W. S. Gilbert e, sobre todo, coa achega irlandesa de Oscar Wilde, de G. B. Shaw e os experimentos do Abbey Theatre de Irlanda. No s XX, o renacemento do teatro era un feito consumado; J. M. Barrie, J. Galsworthy e N. Coward representaban unha liña tradicional; T. S. Eliot, W. H. Auden, Ch. Isherwood e D. Thomas buscaron un tipo de teatro de ton poético e cheo de suxestións; J. Osborne foi o vangardista do movemento dos Angry Young Men e, durante a década de 1960, triunfaron o discutido S. Beckett co seu Teatro do Absurdo, H. Pinter e o experimentalismo, e A. Wesker cunha temática de compromiso social. A comedia satírica cultivárona T. Stoppard e A. Ayckbourn. Tamén houbo continuadores das female wits do s XVIII, como as autoras teatrais A. Jellicoe, P. Gems e M. Wandor, as dúas últimas cun claro compromiso feminista. En poesía destacaron R. Kipling, R. Bridges, T. Hardy, A. E. Housman, W. J. de la Mare, W. E. Henley, J. Masefield e G. M. Hopkins. A obra deste último non foi publicada ata 1918, pero influíu poderosamente nos poetas actuais. Foi importante o movemento poético afectado pola Primeira Guerra Mundial e representado, entre outros, por R. Brooke, W. Owen e R. Graves. Despois triunfou unha poesía de carácter crítico e experimental, que atopou acentos persoais e vigorosos en Eliot, Auden, Isherwood, S. Spender, C. Day Lewis e D. Thomas. A poesía destes últimos anos parece estar formada polos preceptos (sentido común, ton mesurado, artesanía e intelixencia) que conduciron ao chamado The Movement, con Thomas Hardy como mestre. Tamén é importante a poesía de P. Larkin e a de D. Dunn e S. Heaney. En canto á novela, a americana H. James e o indio R. Kipling foron o nexo lóxico coas xeracións anteriores e, ata certo punto, tamén o foi o polaco J. Conrad. Máis arriscados nos seus experimentos, e máis influentes nas xeracións posteriores, foron os grandes novelistas J. Joyce, Virginia Woolf, D. H. Lawrence, E. M. Forster, A. Huxley e G. Greene. Outros nomes importantes foron W. Somerset Maugham, E. Waugh, G. Orwell, G. K. Chesterton, R. West, Ch. P. Snow e W. Golding, entre outros. As tendencias máis recentes están representadas por L. Durrel, A. Wilson, A. Burgess, M. Spark, I. Murdoch, D. Lessing, K. Amis, J. Braine, A. Sillitoe, N. Gordimer (Premio Nobel 1991), J. Wain, V. S. Naipaul, D. Lodge, M. Drabble e A. Carter. Tamén cómpre destacar a tres grandes narradores de xénero, como P. D. James, T. Sharpe e John le Carré.
    As literaturas de orixe colonial
    Durante os ss XIX e XX nacen as novas literaturas de fala inglesa: a estadounidense, a canadense, a australiana, a neozelandesa, e, finalmente, a india e a de todos aqueles países africanos, asiáticos e do Pacífico onde predomina a lingua inglesa. Son literaturas pouco estudiadas, pero que produciron autores dunha gran calidade e tiveron unha importancia capital nas directrices xerais da literatura inglesa.

  8. música inglesa [MÚS]

    Arte musical de Inglaterra, incluída a produción dos músicos non ingleses incorporados ao mundo cultural inglés. O canto chan foi introducido en Inglaterra polo monxe Agostiño de Canterbury (?-605), enviado polo Papa Gregorio I. O canto chan inglés está en gran parte codificado no Usus Sarum, de comezos do s XIII, que contén o rito de Salisbury, que serve de base na liturxia anglicana. A arte dos trobadores foi coñecida en Inglaterra grazas a Leonor de Aquitania, filla do primeiro trobador coñecido, Guillerme IX (1071-1127); o seu fillo Ricardo Corazón de León escribiu cancións en langue d’ oïl e en langue d’oc. En canto á polifonía, xa no s IX o irlandés Xoán Escoto Eriúxena falaba de música a dúas voces, que chamaba organum. As formas polifónicas insulares estiveron durante moito tempo vinculadas á liturxia. A composición máis célebre e sorprendente de finais do s XIII ou comezos do XIV foi o canon Summer is icumen in, primeiro exemplo de polifonía a seis voces. A comezos do s XV apareceu o primeiro gran nome da música inglesa, J. Dunstable. A música dos primeiros tempos dos Tudor consérvase no magnífico Eton Choir Book (1500). A Inglaterra medieval tivo teóricos moi importantes que testemuñaron a orixinalidade da música insular respecto á do continente. No campo da música relixiosa, a época máis brillante da polifonía inglesa foi a primeira metade do s XVI, coas obras de John Taverner, Christopher Tye e Thomas Tallis. Na segunda metade do s XVI, ou época isabelina, o novo madrigal italiano atopou un dos seus fogares en Inglaterra. A orixinalidade desta composición pode ser constatada nas obras de W. Byrd, T. Morley e O. Gibbons. A primeira colección de madrigais ingleses foi publicada en 1568 por Byrd. Paralelamente ao seu espallamento, constituíuse unha literatura que presentaba un dobre interese histórico e artístico, posto que inaugurou a música escrita especialmente para os instrumentos da familia do clavecín. Apareceron tamén nesta época os primeiros “concertos de violas”, música de conxunto especificamente inglesa, de carácter doméstico, representada por Gibbons. As formas empregadas normalmente para esta combinación instrumental foron a fantasía ou fancy, a danza abstracta e os In Nomine. Xurdiron tamén novas formas: o catch (caccia) e o glee. O período dos Estuardo, como o de Cromwell, non puido ser menos favorable para o desenvolvemento da música: a gran polifonía desapareceu. Non obstante , Inglaterra non permaneceu allea ás transformacións musicais nin á evolución do estilo do inicio do s XVII. O mask, introducido en Inglaterra en 1513, orixe da ópera inglesa, ía asimilando o estilo de Monteverdi e adaptándose á lingua inglesa. Pero foi necesaria a aparición de H. Purcell para dotar a Inglaterra dunha ópera nacional. A súa primeira obra, Dido and Aeneas, foi tamén a primeira ópera inglesa. O panorama da música inglesa no s XVIII, e mesmo ata 1850, estaba dominado polas influencias italianas. A escola inglesa tivo escasos representantes dignos de mención, só W. Boyce e T. Arne. A chegada de Händel a Inglaterra (1710) e a de J. S. Bach (1762) foron os únicos movementos de auténtico interese musical. No campo da ópera, á morte de Purcell (1695) non houbo ningún compositor capaz de continuar a súa obra. Non obstante , a ópera italiana, considerada nese momento ridícula e atacada polos partidarios do teatro popular, deu orixe ao estilo satírico, con cancións sobre temas populares: The Beggar’s Opera, de J. Gay, primeiro exemplo da ballad-opera. No s XIX Inglaterra coñecíase como “o país sen música”. A tradición inglesa só subsistiu no dominio da música relixiosa e a oratoria completamente acorde co puritanismo inherente a este período. Dos compositores de música instrumental pódese citar a J. Field, cun estilo melódico e pianístico que herdaría Fr. Chopin. Cara a 1850, a arte musical inglesa tendeu a espallarse. August Manns e Charles Hallé impuxéronlle ao público de Londres e Manchester obras inglesas que fixeron destacar figuras como Arthur Sullivan ou Alexander Mackenzie. O seu esforzo foi continuado por H. Wood, director dos célebres Promenade Concerts, precedente da London Symphony Orchestra. A música inglesa volveu encontrar o seu lugar no mundo musical a comezos do s XX con F. Delius e, sobre todo, con E. Elgar, autor de oratorios, dos que o máis célebre é The Dream of Gerontius. A reorganización de concertos e as retransmisións dos de Cheltenham, Edimburgo, King’s Lynn e Aldeburgh, entre outros, devolvéronlles aos compositores ingleses a confianza en si mesmos; R. Vaugha Williams foi o vangardista. Este novo pulo acadou o seu máximo esplendor con G. Holst, F. Bridge, mestre de B. Britten, W. Walton, L. Berkeley e M. Tippett. O século XX supuxo unha revolución no panorama musical inglés coa aparición de diversos grupos que adoptaron os novos ritmos do rock e os fusionaron con tendencias propias ata crear un xénero coñecido como pop music. Nesta tendencia destacaron Alma Cogan ou Ray Davis. O grupo The Beatles puxo de moda, nas décadas dos 60 e 70, o fenómeno beat, no que uniron elementos do rythm and blues. Dentro do rock, que mantiña unha forza especial, destacan os grupos The Rolling Stones e Led Zeppelin, que marcaron un estilo propio ao longo de máis de tres décadas. Tamén cómpre salientar a presenza de músicos como Elton John, que desde a década dos oitenta se converteu nun referente da música britanica. Nos anos 90 inaugurouse o que se deu en chamar Brit Pop, tendencia representada por grupos como Blur ou Oasis. Outro feito destacado foi a creación, en 1977, dos Brit Awards, premios anuais da industria discográfica británica  que galardoan os grupos e músicos ingleses máis relevantes do momento.