inquisición

inquisición

(< lat inquisitiōne)

  1. s f

    Acción e efecto de inquirir.

  2. s f [RELIX/HIST]

    Institución xudicial creada polo papado na Baixa Idade Media, para perseguir a herexía. Aínda que existen precedentes antigos na loita contra as desviacións da doutrina cristiá oficial, frecuentemente mesturados con motivos políticos, a Inquisición como tal naceu en 1231 co Papa Gregorio IX, quen determinou que o bispo do lugar constituíra un tribunal integrado por teólogos das ordes mendicantes, que inquirira se existía delito de herexía. O seu ámbito de actuación estaba centrado no Sacro Imperio Romano-Xermánico e no Reino de Aragón; posteriormente espallouse de xeito irregular por Europa e América. O seu obxectivo inicial foi perseguir a herexía cátara, aínda que tamén se ampliou a focos declarados heréticos pola Igrexa (fraticelli, begardos ou valdenses), científicos e teólogos sospeitosos de desviacións dogmáticas, así como noutras actividades e grupos sociais considerados heterodoxos (menciñeiros, bruxas, adiviños). En realidade, foi unha forza de choque espiritual, perfectamente preparada en saberes teolóxicos, que a Igrexa utilizou para actuar co santo oficio de exercer unha inquisición (investigación e interrogatorio conxuntamente) capaz de descubrir, verificar, xulgar e condenar calquera brote de herexía que se producise e que puxera en perigo a pureza da fe e a submisión dos fieis. Os tribunais estaban formados por dous inquisidores coa mesma autoridade, nomeados directamente polo papa e auxiliados por funcionarios con competencias diversas: notarios, policías, auxiliares, e outros. Podían contar tamén cun consello asesor que lles axudaba a emitir un veredito. Iniciado o procedemento inquisitorial, este presentaba dúas formas: a presentación voluntaria e a forzosa. No primeiro caso, as persoas autoinculpábanse confesando os seus delitos. No segundo, as persoas sospeitosas de herexía eran perseguidas pola policía inquisitorial e, unha vez capturadas, sometidas a un proceso moi rigoroso que, a partir de 1252, contemplaba a tortura como medio para lograr unha confesión. O proceso remataba cun auto de fe, cerimonia pública na que os declarados culpables escoitaban o veredito. As penas podían oscilar desde unha multa ou unha obrigada peregrinación, ata o suplicio público ou o desterro. Nos casos máis graves, o reo era entregado ás autoridades civís para ser encadeado de por vida ou incluso executado. En 1542, e ante o avance do protestantismo, o Papa Paulo III creou a congregación do Santo Oficio, institución que se centrou máis na persecución das desviacións da ortodoxia por parte dos intelectuais e da xerarquía eclesiástica. En 1559 publicouse o primeiro Índice de libros prohibidos; foi o inicio dunha longa etapa na que a institución foi instrumentalizada polo Vaticano para controlar a Igrexa e condenar a quen se afastaba da doutrina oficial.
    A Inquisición española
    A Inquisición episcopal introduciuse en España en 1242, a partir do Concilio de Tarragona. En 1478, baixo o pontificado de Sisto IV e por iniciativa do cardeal Cisneros, home de confianza dos Reis Católicos, transformouse nunha complexa organización, dedicada principalmente ao control das minorías conversas (antigos xudeos e musulmáns). O Tribunal español do Santo Oficio, ao contrario do que sucedía en toda Europa, dependía do monarca, encargado de nomear o seu titular, o inquisidor xeral. Esta iniciativa dos Reis Católicos pretendía conseguir a unidade relixiosa, paso fundamental e necesario no seu proxecto político. Por isto, e a pesar das similitudes entre a institución medieval e a española, esta diferenciábase daquela en que non dependía do papado senón da Coroa, actuaba exclusivamente dentro das súas fronteiras territoriais, o seu persoal pertencía a calquera estamento eclesiástico ou incluso segrar, e creou unha infraestrutura permanente (tribunais de distrito, cárceres, salas de interrogatorio e audiencia, arquivos, e outros). O apoio prestado polos sucesivos monarcas españois provocou que esta institución tivera un gran poder e influencia na vida cultural e política dos ss XVI a XVIII, tanto na Península como nos vicerreinados americanos. Proba disto é que era o único organismo común e con competencias en todos os territorios da monarquía. O Santo Oficio contaba con altos cargos, técnicos, funcionarios e persoal colaborador, aos que mantiña con ingresos procedentes das confiscacións e multas impostas aos reos, das achegas de catedrais e colexiatas, dos intereses das rendas fixas (censos e xuros), das subvencións da Coroa, da venda de cargos e dos alugueres e rendas cobradas pola cesión temporal de propiedades procedentes de expropiacións, tanto urbanas como agrarias ou industriais. A organización inquisitorial española, que chegou a contar con preto de 12.000 membros, foi un modelo perfecto de estrutura piramidal administrativa e a súa burocracia a máis estruturada e extensa do Antigo Réxime. No cumio estaba o Consello da Suprema e Santa Inquisición (A Suprema), coa mesma categoría ca os outros catro consellos creados polos Reis Católicos (Estado, Finanzas, de Castela e de Aragón), composto por un número variable de membros que oscilaba entre 6 e 9, baixo o mando dun inquisidor xeral que tiña como funcións inspeccionar, regular e ordenar o funcionamento de todos os tribunais, solucionar dúbidas e decidir sobre os procedementos cando fose necesario. Estaba asesorado polo Consello Supremo con quen consultaba as cuestións problemáticas e a decisión final adoptada. Baixo a autoridade deste Tribunal existían outros, os tribunais sectoriais ou de distrito, distribuídos polos territorios da monarquía, que exercían libremente o seu cometido, aínda que as súas sentencias debían ser referendadas pola Suprema. Os fondos recadados por todos eles a través de multas e de confiscacións debían ser remitidos á Suprema, utilizándose unha parte para sufragar os gastos da institución e outra para as arcas da Real Facenda. Estes tribunais de distrito (16 desde finais do s XVI) adoitaban contar con dous ou máis inquisidores, que actuaban como xuíces, e cunha serie de persoas que lles axudaban no seu labor desenvolvendo diversos cometidos, como fiscais, notarios, secretarios, alguacís, avogados, médicos, carcereiros e asesores, entre outros. Así mesmo, existía unha mesta rede de persoas encargadas principalmente de subministrar información ao Tribunal: os familiares do Santo Oficio, “ollos e oídos” do Tribunal, que recibían a cambio prebendas e honores. Na América Hispana o esquema inquisitorial era semellante, aínda que aquí só existiron cinco tribunais de distrito. Nos primeiros tempos os inquisidores procedían da Península, pero progresivamente foron ocupando o cargo crioulos cregos, procedentes de familias de clase media e graduados en dereito canónico. Os comisarios e familiares eran, na súa maior parte, crioulos. A diferenza da metrópole, actuaban soamente nas cidades ou vilas de españois, porque no campo e na selva vivían habitualmente indíxenas non conversos, exentos da xurisdición do Santo Oficio. A Inquisición, que tiña unha enorme xurisdición (en ocasións por riba das leis civís e eclesiásticas vixentes), interviña en todo o que non fosen delitos comúns e podía actuar contra calquera natural ou residente en España que estivese bautizado, independentemente do seu cargo ou posición social. Todo acto cotián podía caer dentro dunha sospeita inquisitorial que, mediante unha denuncia ou acusación, podía trasformarse nun proceso de anos, do que se podía saír certamente libre, aínda que marcado para sempre. Nos cárceres inquisitoriais, a fin de conseguir a confesión da persoa acusada, foron frecuentes as torturas, sendo os tormentos máis utilizados o da corda, que consistía en suxeitar o reo sobre un banco e darlle voltas de corda sobre os brazos e as pernas, o poldro e a touca, tortura combinada na que se suxeitaba o reo a unha mesa de madeira ancha e acanalada, atándolle as extremidades ás catro patas da mesa e apertándollas cunhas argolas chamadas garrotes; despois cubríaselle o rostro cun pano fino e denso e vertíase auga sobre el, de xeito que non podía tragar nin respirar, e o garrucho, na que ao acusado se lle ataban as mans por riba da cabeza a unha corda que colgaba dunha polea suspendida do teito, ao tempo que se lle penduraban contrapesos nos pés; izábase e, xa no alto, deixábase caer violentamente, pero sen que chegara a tocar o chan, feito que producía unha sacudida moi dolorosa. No caso de ser atopado culpable, o proceso remataba cunha gran posta en escena: o auto de fe. Este era un acontecemento público no que a Igrexa demostraba todo o seu poder sobre os membros da comunidade. Frecuentemente programábase con motivo de festas sinaladas ou presentábase como colofón a un acontecemento mundano, como unha voda real, o nacemento dun infante ou unha festa patronal. Se o reo fora condenado, o castigo público, para que servise de exemplo aos asistentes, podía consistir en azoutes, desterro, cárcere, galeras, penitencia relixiosa ou relaxación (condena de morte na fogueira, reservada aos herexes reincidentes). Neste último caso, a execución levábase a cabo en vivo, se o condenado non abxuraba; se o facía, aforrábase a lenta agonía aplicándolle primeiro o garrote e botando despois o seu corpo ao lume. Tanto nun caso coma noutro, as súas cinzas eran aventadas e non recibían sepultura. No canto de que a persoa condenada fuxira ou morrera previamente á cerimonia, relaxábase en “efixie”, queimando unha estatua que a simbolizaba. Chegado o día, os penitenciados, en longa procesión, ataviados co sambenito indicativo do seu delito e da pena correspondente, eran conducidos á praza onde tiña lugar o acto e alí, tras un dramático sermón, escoitaban o castigo imposto polos seus pecados. No caso de seren condenados a morte, eran levados ás aforas da cidade onde eran queimados. Os sambenitos serían colgados nos muros da catedral ou do convento dominicano da cidade co nome do condenado, para memoria e escarnio dos seus familiares, que se verían afectados por esta circunstancia, que lles impedía o acceso a determinados postos ou oficios nos que se esixía certificado de limpeza de sangue. Os tribunais inquisitoriais españois funcionaron ininterrompidamente desde 1480 ata a súa abolición polas Cortes de Cádiz en 1812. Fernando VII reimplatounos dúas veces (1814 e 1823) e en 1826 ditaron a derradeira sentenza de pena de morte da súa historia. En 1829 o Papa Pío VIII disolveu o Santo Oficio e durante a rexencia de María Cristina das Dúas Sicilias foi abolido polo poder político, aínda que a súa influencia prolongouse indirectamente ata 1869, cando a nova constitución declarou a tolerancia relixiosa. Aínda que a Inquisición española foi moi criticada e temida, o certo é que os seus métodos foron similares aos empregados noutros países europeos.
    A Inquisición en Galicia
    En Galicia, as actividades inquisitoriais aparecen inicialmente vencelladas ao tribunal de Valladolid. A necesidade de exercer unha vixilancia máis estable e permanente sobre este territorio produciu varias tentativas de establecer un tribunal propio. Así, en 1520, nomeouse ao licenciado Maldonado como inquisidor apostólico, adxuntándolle aos cinco meses un segundo inquisidor, o mestre Arteaga. Ambos os dous, carentes da infraestrutura propia de calquera dos tribunais de distrito existentes e enfrontados á hostilidade do pobo e do clero galego, pouco puideron facer, pois o Consello prohibíralles ditar sentencias sobre os procesos que emprenderan, competencia reservada á Suprema. O fracaso desta primeira tentativa fixo que fora retirado e que, ata 1562, os asuntos galegos volveran ser tratados desde Valladolid. A segunda tentativa de establecer un tribunal galego durou cinco anos (1562-1567), durante os que o inquisidor designado, Quijano de Mercado, loitou inutilmente por recuperar a autoridade que se tiñan arrogado os poderes locais e por obter deles uns medios económicos que, de feito, lle foron negados, en aberta desobediencia ás ordes emanadas desde a Coroa e a Suprema. Finalmente, en 1574, quedou establecido de xeito permanente e definitivo un tribunal en Santiago de Compostela, que actuou exclusivamente nas cuestións galegas ata a abolición do Santo Oficio. A actuación do tribunal de Santiago non foi moi distinta da de calquera outro tribunal de distrito existente. A maioría dos delitos xulgados correspondían á tipificación de criptoxudaísmo e luteranismo; escasean as causas abertas por delitos de prácticas supersticiosas e constátase unha relativa benignidade nas sentencias (17 condenas a morte ao longo de 140 anos computados). Polo que se refire aos enclaves inquisitoriais composteláns, o primeiro establecemento do tribunal estivo situado nas casas do conde de Monterrei, ao pé do mosteiro de San Martiño Pinario. Posteriormente trasladouse a un terreo extra muros fronte á Porta da Mámoa (actual praza de Galicia). As execucións celebrábanse na actual praza de Cervantes e a catedral foi utilizada en numerosas ocasións para celebrar os autos de fe. OBS: Nesta acepción escríbese en maiúscula.