lexión

lexión

(< lat legĭōne)

  1. [HIST]
    1. s f

      Corpo principal de tropas na antiga Roma. A comezos do s IV a C estaba formada por varias categorías de tropa, clasificadas segundo o seu equipamento en hastati, principes, triarii, rorarii e accensi. A partir de 340 a C, reorganizouse e os rorarii e os accensi convertéronse en infantería lixeira denominada velites, que loitaba por diante dos hastati, mentres os triarii, que seguiron na última fila, constituíron unha unidade de reforzo formada por individuos maduros e con armamento pesado. As centurias de velites, hastati e principes pasaron a ter 60 homes, e os manípulos, 120. As lexións estaban formadas por 10 manípulos de velites, 10 de hastati e 10 de principes, polo que contaban con 1.200 hombres de cada categoría. As centurias de triarii permaneceron con 30 homes, polo que cada lexión contaba cun total de 600 triarios. Cara a 100 a C o cónsul Caio Mario profesionalizou o exército e uniformizou as distintas tropas, ademais de incrementar o número de homes por centuria a 80. A desaparición dos velites forzou a chegada de tropas para os labores de recoñecemento, recrutadas entre os pobos sometidos ou tributarios. A finais do s III o Emperador Diocleciano reorganizou o exército, que se dividiu en tropas de fronteira (limitanei), con funcións defensivas, e as de campaña (comitatenses), que formaban a elite do exército. Incrementouse o número de lexións, reducíronse os seus efectivos a 1.000 ou 1.300 homes por lexión e incluíuse un corpo de cabalería.

    2. s f

      Nome co que foron designados diferentes corpos de tropas.

    3. lexión estranxeira

      Corpo militar mercenario fundado polo monarca francés Luís-Filipe o 9 de marzo de 1831 co obxectivo de colaborar no control das posesións coloniais francesas en Alxeria. Inicialmente estaba composta exclusivamante por estranxeiros ao servicio de Francia e non esixían aos seus membros documentos de identidade. Participou en todos os conflitos protagonizados por Francia ata o proceso de descolonización. A profesionalización do exército francés limitou o seu número a uns 8.200 membros.

  2. s f

    Grupo de individuos que perseguen un mesmo fin.