liturxia
(
-
s
f
[RELIX]
Conxunto de ritos e oracións que constitúen o culto divino nunha comunidade relixiosa. En sentido estricto, é o culto público ofrecido a Deus pola Igrexa en nome de Xesús Cristo, e celebrado polo sacerdote. Segundo o Concilio Vaticano II, a obra da redención humana e da perfecta glorificación de Deus, faise presente polo sacrificio e polos sacramentos, e arredor deles xira toda a vida litúrxica. A liturxia comprende a misa, os sacramentos, o oficio divino e a celebración dos misterios de Xesús Cristo a través do ano litúrxico. Na Igrexa Católica a liturxia romana partiu das formas da liturxia xudía empregadas por Xesús Cristo e os apóstolos, orixinándose en Roma e configurándose baixo a acción dos papas. O período que vai desde as orixes ata finais do s IV caracterizouse pola improvisación, do que quedou testemuño a primeira descrición da misa do mártir Xustino, nun intento de fixar as tradicións orais. A segunda etapa (de mediados do s IV a finais do s VII) destacou pola influencia dos grandes papas, como León I, Xelasio I e Gregorio o Magno, e en época carolinxia foi Carlomagno quen a impuxo a todo o imperio. Esta liturxia unificada e de orixe gálica, chegou a Roma no s XI e foi a base da actual. A seguinte etapa, con Gregorio VII, iniciou o centralismo papal sobre a liturxia, con intentos reformistas. A creatividade litúrxica, xa moderada, remata no s XIII. O Concilio de Trento confioulle ao papa a reforma dos libros litúrxicos e durante o s XVI apareceron os libros oficiais da liturxia romana, que, xunto coa creación da Congregación de Ritos (1588), fixo que neste período quedasen unificadas as bases. O período seguinte, que vai ata o Concilio Vaticano II, ábrese no s XIX con Guéranger, de quen arranca o movemento litúrxico. A constitución do Sacrosanctum Concilium, aprobada polo Concilio Vaticano II (1963) caracterizouse pola admisión de todas as linguas vivas e a posibilidade de adaptar os ritos e as pregarias á idiosincrasia das diferentes culturas.
-
s
f
[RELIX]
Forma concreta de celebrar o culto litúrxico segundo cada Igrexa ou cada grupo étnico. As diferentes liturxias ou ritos cristiáns poden ser agrupados en familias litúrxicas segundo a orixe de cada unha delas. Así, temos as liturxias occidentais, que agrupan os ritos romano, practicado pola Igrexa Católica, o visigodo, tamén chamado mozárabe ou hispánico, o ambrosiano ou milanés, e o galicano. Nas liturxias orientais temos a familias alexandrina e a antioquena. A liturxia protestante varía segundo as Igrexas e o reformador de quen dependen.
-
liturxia celestial
[RELIX]
Expresión que designa a loanza eterna, de acordo coa visión libre da Apocalipse. Na tradición bizantina é unha expresión moi corrente, xa que a celebración litúrxica sempre é vista como unha imaxe do ceo.