lituano -na

lituano -na

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Lituania, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Lituania.

  3. s m [LING]

    Lingua báltica, da familia baltoeslava, do phylum indoeuropeo. Fálase en Lituania e distínguense dous dialectos: o do sur, base da lingua literaria, e o do norte ou žemaïte. Ten un sistema nominal de sete casos e conserva o dual. O primeiro texto en lituano é un catecismo luterano de 1547.

  4. arte lituana [ARTE]

    Arte desenvolvida en Lituania. A arquitectura tradicional empregou fundamentalmente a madeira. En pedra consérvanse obras de estilo gótico internacional, a universidade; barrocas, o castelo; e neoclásicas, a catedral de Vilnius. Despois da Segunda Guerra Mundial, reconstruíronse as cidades cunha arquitectura utilitaria decorada con elementos nacionalistas. As artes plásticas recibiron unha influencia bizantina entre os ss XIII-XV, e no s XVI combinaron a influencia gótica e renacentista, como no Palacio Real de Vilnius (1530-1540). Desde finais do s XVIII os artistas lituanos formáronse na Academia de Peterburgo e recibiron a influencia das formas occidentais. Na escola de Kaunas (1910-1940) revalorizouse a arte popular nacionalista. Destacou o pintor e músico Mikolas Čiunlionis, precursor da abstracción. Desde 1940 seguiuse o realismo socialista soviético.

  5. literatura lituana [LIT]

    Literatura desenvolvida polo pobo lituano. O texto máis antigo en lingua lituana, composto por dúas oracións cristiás e un manifesto de fe, foi localizado en Vilna en 1962. Iniciada a produción escrita no s XVI co catecismo de Lutero, J. Bretkūnas e K. Syrvidas estableceron a primeira normativa gramatical, e o primeiro dicionario lituano, o Ditionarium trium linguarum, elaborouse en 1629. No s XVIII destaca C. Donelaïtis, autor de Metai (As estacións, 1818). No s XIX produciuse o florecemento da literatura lituana, sobre todo na Universidade de Vilna, cunha orientación nacionalista. S. Daukantas, J. Basanavičius, V. Kudirca e, sobre todo, o poeta A. Baranaukas, reflectiron o ideal independentista. Os novelistas Žemaité, Marija Pečkauskaité e Vaidiluté analizaron o tema do campesiñado. En teatro destacan Keturacis e Vydūnas. Os poetas máis notables foron V. Kreve, de inspiración popular, os simbolistas J. Baltruśáitis e F. Kirša, e o modernista K. Binkis. En 1904, co levantamento da prohibición de escribir en lituano, chegaron ao país as influencias do simbolismo e do expresionismo. Coa independencia do país (1918), desenvolvéronse o futurismo e o dadaísmo, coa revista Keturi Vejai. Tamén nestes anos destaca a obra do novelista e dramaturgo K. Mičkevičius e de P. Vaičiūnas, autor de dramas populares. No realismo socialista destacaron os poetas Tilvytis, Venclova e Neris, e os novelistas Vienuolis, Lvirka e Eva Simonaivté, ademais de Justinas Marcinkevicius, autor de obras de carácter persoal.