Meira, Santa María de

Meira, Santa María de

Mosteiro cisterciense situado en Meira. A súa fundación, en 995, atribuíuse a Álvaro Rodríguez e á súa dona, Sancha Fernández, condes de Sarria. Desde o s XI a comunidade relixiosa, ata entón dirixida por un monxe de nome Xeraldo, adoptou a regra beneditina e recibiu importantes doazóns, como as de Afonso VII e Fernando II. En 1515 o mosteiro uniuse á Congregación de Castela, baixo a que viviu períodos de grande esplendor, especialmente ao redor de 1600, cando se abriu na súas dependencias un centro de estudios de filosofía. A este período sucedeu a decadencia do conxunto, agravada pola Guerra da Independencia e materializada coa expulsión dos monxes do mosteiro en 1835, froito da política desamortizadora de Mendizábal. A igrexa monacal, construída arredor de 1142 baixo a dirección de Domingo Ibáñez, consagrouse en 1258. Seguiu o esquema típico das construcións cistercienses, onde destacan a simplicidade nas formas e o predominio da horizontalidade e da austeridade decorativa. Construída en cantería, ten planta de cruz latina e tres naves separadas por piares; as laterais están cubertas con bóvedas de aresta soportadas por arcos faixóns. A cabeceira presenta cinco capelas absidiais semicirculares e deambulatorio. A portada, enmarcada por dous contrafortes, consta dun corpo inferior, con portada abucinada e tres pares de columnas sostendo as arquivoltas, e un corpo superior, ocupado por un enorme rosetón que filtra a luz natural para a nave central. As ferraxes da porta son as orixinais. Das dependencias monacais apenas se conserva nada, só a igrexa, o palacio abacial e parte dun dos dous claustros renacentistas que posuía. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1931.