Musei Vaticani ou Musei e Gallerie della Città del Vaticano

Musei Vaticani ou Musei e Gallerie della Città del Vaticano

Conxunto de museos e galerías do Vaticano iniciados no s XVIII. Benedito XIV creou o Museo Sacro (1756) e Clemente XIII o Museo Profano (1767), ambos foron instalados suntuosamente na galería da Biblioteca Apostólica Vaticana. Clemente XIV (1770-1774) transformou en museo o palacio do Belvedere de Inocencio VII, e instalou as coleccións de escultura antiga iniciadas por Xulio II (1503-1513), formando así o Museo Pio-Clementino. Pío VI ampliouno e Pío VII (1800-1823) engadiulle a galería setentrional, sé do denominado Museo Chiramonti e Braccio Nuovo. Gregorio XVI fundou o Museo Gregoriano Etrusco (1837) e o Museo Gregoriano Egizio (1839). Pío XI fixo unha nova entrada aos museos e o edificio da Pinacoteca Vaticana (1932). Paulo VI (1970-1973) engadiulle a Collezione d’Arte Religiosa Moderna e abriu ao público o Museo Gregoriano Profano (creado en 1843 por Gregorio XVI), o Museo Pio Cristiano (creado en 1854 por Pío IX) e o Museo Missionario Etnologico (fundado por Pío XI en 1926). Dentro do percorrido dos museos pódese visitar tamén diversas capelas, salas e galerías adornadas con frescos, entre os que destacan a Capella del Beato Angelico, a Capela Sistina, os apartamentos de Alexandre VI (Stanza Borghia), decoradas por Il Pinturichio (1492-1494), a capela de Urbano VIII (1625-1644), as Stanze de Raffaello e outras. Entre outros tesouros exhíbense o Torso de Belvedere, o grupo de Laocoonte e os seus fillos, o Apoxiómenos de Lisipo e pinturas de Fra Angelico, Raffaello, Leonardo da Vinci, Tiziano e Caravaggio.

Palabras veciñas

Musée d’Orsay | Musée National d’Art Moderne | Musée Olympique Lausanne | Musei Vaticani ou Musei e Gallerie della Città del Vaticano | muselina | museo | Museo Americano de Historia Natural