Organización de Países Exportadores de Petróleo
Organismo internacional creado en 1961 para unificar as políticas petroleiras dos países membros e determinar as accións máis axeitadas para protexer os seus intereses individual e colectivamente. Despois da Conferencia de Teherán de 1971 e a Guerra Árabe-israelí de 1973, os países da OPEP aproveitaron a forte dependencia e vulnerabilidade enerxética mundial respecto do seu petróleo para formar un cártel de presión económica e política, elevando fortemente os prezos do petróleo e aumentando a súa capacidade de negociación con outros países e coas empresas multinacionais petroleiras. A partir da década de 1980, como consecuencia da crise económica que fixo diminuír a demanda de petróleo dos países industrializados e a descuberta de novos xacementos de petróleo, minguou notablemente o seu control sobre o mercado de hidrocarburos.