Ourense, diocese de
División territorial administrativa da Igrexa Católica. Aínda que a súa orixe é incerta dátase no s VI, momento en que puido separarse da sé de Astorga. Debido ás invasións de pobos foráneos, a sé tivo que ser restaurada por Afonso III na segunda metade do s IX, tras a ocupación musulmá e por Sancho II en 1071, un século despois de que a cidade fora destruída, posiblemente polos normandos. Durante o Antigo Réxime pasou a ocupar a maior parte da provincia, a excepción da zona oriental, que lle correspondía á diocese de Astorga, e de pequenos fragmentos do territorio provincial, que correspondían ás dioceses de Tui e Santiago. Ata o s XX foi unha diocese eminentemente rural xa que contaba cun único núcleo urbano destacado, a cidade de Ourense, que estaba marcado pola súa dimensión de capital administrativa, civil e eclesiástica. En 1851 dividiuse en 20 arciprestados, cun total de 524 parroquias e 99 anexos, pero desde entón sufriu continuas modificacións. Cos decretos de 1954 e de 1959 pasou a coincidir coa provincia de Ourense nos seus límites con Lugo, Pontevedra e Portugal, aínda que os partidos xudiciais do Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Pobra de Trives e Chandrexa de Queixa seguiron pertencendo á diocese de Astorga.