Pacheco, Arquivo
Colección fotográfica recompilada na súa maior parte por Xaime de Sousa Guedes Pacheco entre 1915 e 1981. Os fondos deste arquivo recollen máis de 120.000 fotografías en que se reúnen os traballos de estudo feitos por Xaime Pacheco, reportaxes no exterior feitas polo sobriño de Pacheco, Horacio, ademais daquelas imaxes tomadas por Xaime Pacheco fillo, quen quedou á fronte do estudio, xunto co seu irmán Alberto, tras a morte do pai (1954). De especial valor sociolóxico para Vigo, o arquivo contén imaxes da arquitectura e rúas da cidade, escenas da vida política das distintas etapas, do traballo industrial de principios do s XX, da vida social da cidade a través das modas e dos costumes, dos deportes practicados en cada época, do desenvolvemento industrial da década de 1960 e da vida cotiá. En 1991 o concello de Vigo adquiriulle estes fondos á familia para a súa conservación.