paracaídas
(< 1 parar+ caída)
-
s
m
[AERON]
Artefacto que permite reducir notablemente a velocidade dun corpo dentro da atmosfera, especialmente nun descenso ou nunha caída. Consiste, xeralmente, nun tecido moi resistente, que adopta unha forma máis ou menos cupular ao despregarse, e que vai fixado a unhas cordas de nailon e do que sae un conxunto de correas e tirantes que se axustan arredor da persoa que o utiliza. Baséase no principio de presentar unha gran superficie de resistencia ao aire que se opón á aceleración da gravidade. Segundo a forma da superficie do paracaídas distínguense catro tipos básicos: o de vela completa, que presenta unha soa abertura, chamada cheminea, situada na parte central superior do casquete hemisférico; o de fendas, que presenta unha ou diversas fendas dispostas meriodional ou transversalmente sobre o casquete, e o paso por elas permite manobrar minimamente durante o descenso; o de tobeiras, que presenta un complexo sistema de aberturas, de formas diversas, que permiten controlar o movemento horizontal; e o de ala, de vela rectangular, que segue os principios aerodinámicos do planador. O peso adoita ser duns 5 a 10 kg. Os paracaídas para o descenso de carga poden acadar un diámetro de 20 m e soportar cargas de 1.500 kg. Os paracaídas han de ser encartados en zigzag, tanto a tea como as cordas, para que se despreguen facilmente, en xeral pola acción dun pequeno paracaídas auxiliar que se libera mediante un pasador de accionamento manual, por medio dunha argola da que hai que tirar, ou automático. Os paracaídas deportivos adoitan ser de tobeiras ou de ala, e os de descenso de cargas poden chegar a ter un diámetro de 20 m e soportar cargas de 1.500 kg. Deseñado por Leonardo da Vinci e experimentado por A. J. Garnerin en 1797, comezou a usarse a principios do s XX co desenvolvemento da aviación.
-
s
m
[TECNOL]
Dispositivo de seguridade dos ascensores, montacargas e outros aparatos semellantes, que impide a caída acelerada no caso de rotura dos cables. Se se produce unha rotura, os cables perden tensión e acciónanse automaticamente unhas pezas dentadas que agarran fortemente as guías e bloquean a cabina.