Peregrina, santuario da Virxe

Peregrina, santuario da Virxe

Capela situada en Pontevedra, dedicada á Virxe Peregrina, patroa da cidade. Foi construída a partir de 1778 por iniciativa de Bernardo José de Mier e seguindo as trazas do arquitecto portugués António Souto. Está vinculada ao Camiño Portugués de Peregrinación a Santiago. Iniciado en estilo barroco, combina formas rococós e neoclásicas, cunha superposición de distintas ordes artísticas na decoración. A planta é circular e adopta a forma de vieira, símbolo do Camiño de Santiago, e dentro dela insírese unha cruz. No seu interior destaca o retablo neoclásico, obra de Melchor de Prado (1789), coa imaxe da Virxe vestida cos elementos característicos dos peregrinos, e a pía de auga bendita, cunha cuncha traída desde o Océano Pacífico polo almirante Casto Méndez Núñez. A fachada principal cúrvase cara a fóra; está precedida por un pequeno adro con escaleiras, pechado con balaústres, e presenta dous corpos separados por cornixas, portada alintelada e tres ocos con arcos en forma de cuncha no segundo corpo, que acollen as imaxes de Santiago, a Peregrina e San Roque. Sobre a cornixa érguese un frontón triangular partido, coa representación da Fe, e dúas torres. As torres son xemelgas, teñen dous corpos divididos por unha cornixa moi voada e rematan en cupuliñas. Os muros laterais percórrense con pilastras intercaladas con muros lisos e caleados. Xunto ás escaleiras da porta principal destaca unha fonte de pedra. Foi declarada BIC en 1982.

Palabras veciñas

Peregrina | Peregrina, A | Peregrina, pazo da | Peregrina, santuario da Virxe | peregrinación | peregrinar | peregrino -na