poboación

poboación

(

  1. s f

    Acción de poboar.

    Sinónimos: poboación.
  2. s f

    Lugar poboado. Xeralmente fai referencia a unha entidade urbana.

    Ex: A tormenta deixou incomunicadas a varias poboacións do interior.

    Confrontacións: localidade.
  3. [DEMOG]
    1. s f

      Conxunto de habitantes dun lugar ou territorio determinados (estado, provincia, cidade, municipio, etc). O concepto pode designar fraccións variadas deste conxunto (poboación rural, urbana, masculina, feminina, activa, parada, etc) que en relación a el constitúen subpoboacións.
      O estudo e a análise da poboación
      A disciplina que se ocupa de xeito directo e específico da súa análise é a demografía. Existen ademais outras disciplinas afíns a ela que teñen como obxecto o estudo de aspectos máis cualitativos da realidade humana, relacionados coa variable demográfica. Entre elas destacan a xeografía da poboación, que analiza poboacións reais en espazos xeográficos identificados; a socioloxía da poboación ou demografía social, que enmarca os feitos demográficos no contexto da sociedade; e a historia da poboación ou demografía histórica, que estuda o desenvolvemento de poboacións reais en distintos momentos da historia. Os primeiros recontos poboacionais datan das civilizacións mesopotámica, persa, exipcia, grega e das primeiras civilizacións de Xapón e China. Os romanos perfeccionaron máis os recontos, pero eran de carácter parcial pois tiñan unha finalidade fiscal ou militar. Durante a Idade Media e Moderna os censos recolleron cada vez a capas máis amplas da poboación, pero non foron instrumentos útiles para a análise demográfica ata fins do s XVIII e sobre todo no s XIX. O censo de EE UU de 1776 está considerado como o primeiro censo nacional, aínda que en Suecia xa se levara a cabo un bastante completo en 1749, mentres que en España o primeiro censo completo data de 1857. No estudo da poboación existen tres grandes áreas temáticas segundo d´Entremont: o movemento natural da poboación (natalidade, mortalidade e crecemento vexetativo ou saldo natural das poboacións), o movemento horizontal da poboación (distribución e desprazamento das persoas no espazo) e o movemento vertical da poboación (estrutura demográfica por idade e sexo e a estratificación social). Nestes estudos hai que ter en conta a poboación de feito e de dereito dun determinado territorio. Ata o s XIX a natalidade, mortalidade e o crecemento vexetativo mantíñanse nunha estabilidade notable, sen flutuacións importantes, nin avances nin retrocesos, e mantiñan unha certa tendencia ao estancamento demográfico mundial. A partir do s XIX houbo un cambio radical na dinámica demográfica denominado transición demográfica, que permitiu falar dun ciclo demográfico antigo, anterior a esa ruptura, e dun ciclo demográfico moderno, posterior á mesma. A transición demográfica consiste no continuo descenso da mortalidade desde o s XIX e a caída da natalidade a partir do s XX.
      A distribución da poboación no espazo
      En 2000 a Terra contaba con 6.067 millóns de habitantes, que se repartían no espazo de xeito moi desigual. Asia concentraba o 60,7% da poboación, mentres que África o 13,2%, Europa o 12%, América do Norte o 6,7%, América do Sur o 5,7%, América Central o 1,2% e Oceanía o 0,5%. Aínda quedan grandes baleiros demográficos, especialmente en Canadá, Federación Rusa, Amazonia Brasileira e Australia. Polo contra hai outros espazos intensamente poboados que se poden dividir en catro grandes focos de concentración demográfica: sueste de Asia (China, Corea, Vietnam, Malaisia, Tailandia, Indonesia, Filipinas e Xapón); Asia do suroeste (Paquistán, India, Sri Lanka, Bangladesh e Myanmar); Europa Occidental (Países Baixos, Bélxica, Alemaña, Francia, norte de Italia, as costas mediterráneas e as do Mar do Norte e o sueste do Reino Unido); e a Megalópolis norteamericana (rexión urbana da costa nordeste de Nova York a Boston e Nova Inglaterra ata as aglomeracións arredor de Washington e Filadelfia, que se internan cara á fronteira con Canadá e a área dos Grandes Lagos). Tamén existen focos secundarios de concentración demográfica: costa de California, grandes metrópoles de América Latina, Golfo de Guinea, Delta do Nilo e Oriente Medio, África Central, Oriental e do Sur e a costa meridional e oriental de Australia. China contaba con 1.250 millóns de h en 2000, máis da quinta parte da poboación mundial, e a India superaba os 1.000 millóns. Os desequilibrios tamén se fan patentes ao analizar as densidades de poboación. A densidade media mundial era en 2000 de 43,7 h /km 2 , pero por continentes xa se aprecian as grandes desigualdades: Asia, 111 h/km 2 ; Europa, 102 h/km 2 ; África, 24 h/km 2 ; América do Sur, 18 h/km 2 ; América do Norte, 16 h/km 2 ; América Central, 4 h/km 2 e Oceanía, 3 h/km 2 . Polo que respecta á distinción entre poboación rural e urbana cómpre dicir que cando se iniciou a Revolución Industrial cara ao ano 1800 en Europa, a poboación urbana mundial apenas acadaba o 5% da total. En 1900 situábase por riba do 15%, en 1950 superaba o 30%, en 1980 era do 40%, aínda que no mundo desenvolvido acadaba o 70%, por un 30% dos países subdesenvolvidos. En 2000 o 80% da poboación dos países ricos era urbana fronte a un 35% nos pobres. Segundo unha proxección da ONU, en 2025 en América do Norte, Europa, América Latina e Oceanía a poboación urbana suporá un 85%, mentres que en Asia e África situarase no 55%.
      O movemento natural da poboación
      A taxa bruta de natalidade sitúase no conxunto mundial no 22‰ (2000). Esta cifra é froito dun descenso continuado nos últimos 40 anos e oculta grandes disparidades rexionais. Con respecto aos continentes, África destaca sobre o resto nos índices de natalidade (39‰) e iso a pesar da notable baixada que coñeceron moitos dos seus países na cantidade de nacementos. No resto do mundo os valores son máis moderados e son relativamente altos en América Central (26‰), Asia (24‰) e América do Sur (23‰), moderados en Oceanía (18‰) e xa máis baixos en Norteamérica (14‰) e, especialmente, en Europa (10‰), con países en Europa Occidental (como España co 9,9‰), feito que se considera negativo para a renovación das xeracións. Un indicador moi clarificador da situación demográfica de calquera colectivo demográfico é o índice sintético de fecundidade ou número medio de fillos por muller. Para asegurar a substitución xeracional é necesario que cada muller teña 2,1 fillos, un por cada membro da parella e o decimal para contrarrestar aquelas persoas que non teñen descendencia. A media anual sitúase en 2,9 fillos por muller (2000). África mostra os valores máis altos con 5 fillos por muller (aínda que no N e S do continente os valores son moito máis baixos, similares aos asiáticos e de Sudamérica), fronte aos 3,1 de América Central e Asia, aos 2,9 de Oceanía, aos 2,7 de América do Sur, aos 2 de América do Norte e ao 1,4 de Europa. España e Italia mostran os valores máis baixos a nivel mundial, con 1,2 fillos por muller. Pola súa banda, no conxunto do mundo a taxa bruta de mortalidade sitúase no 8,5‰ (2000). África presenta as maiores taxas (13,6‰) de acordo cun menor grao de desenvolvemento económico e sanitario, seguida por Europa (10‰), debido ao avellentamento da súa poboación que provoca unhas taxas máis elevadas que a media mundial. Logo sitúanse Asia (8,2‰), América do Norte (8‰), América do Sur (6,5‰), Oceanía (6,4‰) e América Central (5,6‰), con índices moito máis baixos froito da xuventude dos seus colectivos demográficos e os progresos na medicina e hixiene das súas poboacións. A media mundial de mortalidade infantil é aínda moi elevada (57‰), froito das fortes diferenzas entre as rexións máis desenvolvidas e das máis pobres. África (80‰) sitúase por enriba da media fronte ao resto de continentes: Asia (51,2‰), América do Sur e América Central (34‰), Oceanía (29‰), Europa (9‰) e América do Norte (7‰). A esperanza media de vida é de 66 anos (2000), favorable ás mulleres (68 anos) fronte aos homes (64 anos). A maior esperanza de vida aparece en América do Norte (77,5 anos; 75 para os homes e 80 para as mulleres), seguida de Oceanía (74,5 anos; 72 para os homes e 74,5 para as mulleres;), Europa (74,4 anos; 70,5 para os homes e 78,3 para as mulleres), América Central (71 anos; 68 para os homes e 74 paras as mulleres; América do Sur (70,5 anos; 68 para os homes e 70,5 para as mulleres), Asia (66,6 anos; 64,8 para os homes e 68,3 para as mulleres) e África (53 anos; 51,8 para os homes; e 54,2 para as mulleres). O saldo vexetativo mostra os mesmos desequilibrios rexionais dos indicadores anteriores, pois os países e espazos menos desenvolvidos presentan unha dinámica de crecemento moito máis acusado ca os máis ricos, nos que mesmo chega a aparecer un descenso da poboación (África, 2,3% de crecemento natural por ano; América Central, 2,1%; América do Sur, 1,7%; Asia, 1,6%; Oceanía, 1,1%; América do Norte, 0,6% e Europa, -0,1%).
      Os desprazamentos da poboación
      O progreso dos transportes e o fenómeno da globalización propician unha mobilidade maior da poboación en todo o mundo, circunstancia que ten importantes repercusións sobre a vida económica e social dos pobos, tanto respecto a aqueles que son emisores de poboación como aos que a reciben. Desde o punto de vista dos desprazamentos internos, seguen a predominar, coma en séculos anteriores, os movementos campo-cidade ou éxodo rural. No mundo subdesenvolvido están en pleno momento álxido e ocasiona grandes problemas sociais ao propiciar crecementos masivos en cidades que non poden absorber as mareas humanas que reciben, polo que xorden grandes zonas de infravivenda e miseria absoluta nas áreas exteriores das grandes aglomeracións de África, Asia e América Latina. Nos desprazamentos internacionais destaca o cambio de tendencia que se deu desde mediados do s XX. Ata ese momento a maioría dos desprazamentos foran desde rexións do mundo desenvolvido cara as áreas actualmente pobres, pero logo desa data inverteuse a tendencia, feito que ten implicacións demográficas, políticas e económicas de gran transcendencia. Europa, Estados Unidos e Australia son os lugares que máis persoas reciben desde os países pobres.
      A estrutura demográfica
      Para o estudo da estrutura demográfica adoitan empregarse as pirámides de poboación, que representan graficamente a situación dunha poboación en canto aos seus compoñentes individuais ou colectivos e que permite captar as súas características esenciais. Convencionalmente establécense tres estruturas demográficas ás que se poden adscribir calquera tipoloxía poboaciónal. En primeiro lugar están as poboacións progresivas, que presentan índices de natalidade altos e unha mortalidade baixa, cun elevado saldo vexetativo positivo. É por tanto unha poboación nova, cunha maioría de efectivos por debaixo dos 30 anos e cunha moi baixa proporción de anciáns. Esta estrutura é a que presentan moitos países subdesenvolvidos, en especial africanos, e era a que presentaban todos os países do mundo antes da transición demográfica. Outra estrutura é a das poboacións estables ou estancadas, que presentan taxas de natalidade e de mortalidade relativamente baixas, que dan como resultado un crecemento natural pequeno. Presentan unha poboación adulta ou madura, porque a maioría está no segmento da idade activa, e os mozos teñen moito menor peso ca nas poboacións progresivas. É a estrutura que presentaban os países desenvolvidos ata mediados do s XX e a que teñen moitas rexións da área menos opulenta do planeta, en especial as zonas do Caribe, de Oriente Medio, América do Sur e Asia. Son poboacións en transición. Finalmente, está a poboación regresiva, que conta con índices de natalidade moi baixos e taxas de mortalidade tamén baixas, aínda que en ocasións algo superiores á natalidade e dan como resultado un crecemento nulo ou mesmo negativo. Esta é a situación de España e Galicia, e é típica dos países occidentais, sobre todo dos europeos. Trátase dunha poboación avellentada, cunha moi baixa proporción de mozos e unha incidencia crecente da poboación anciá. Ademais, as pirámides de poboación permiten o estudo dos grupos de idade. Adóitanse dividir os colectivos demográficos en tres grandes grupos de idade: a poboación moza, é dicir, os menores de 16 anos (aínda que nalgunhas clasificacións son os menores de 20); a poboación adulta, a comprendida entre os 16 (ou 19) e os 64 anos; e a poboación anciá, que comprende a que supera os 64 anos, aínda que en ocasións xa se considera como tal a que supera os 60 anos. As proporcións de cada grupo de idade gardan unha estreita relación coa natalidade e a mortalidade. Así, as rexións que teñen unha relativamente alta natalidade e unha baixa mortalidade (América Central e do Sur e Asia) presentan unha alta incidencia de xuventude (37%, 33% e 33%, respectivamente) e poucos anciáns (4%, 5% e 5%, respectivamente). Pero, aqueles continentes que teñen unha natalidade moi baixa e unha mortalidade baixa pero máis alta ca as dos tres espazos anteriores (América do Norte e Europa) contan cunha poboación anciá notable (13% e 14%, respectivamente) e un grupo de mozos moito máis minguado (22% e 19 %, respectivamente). África ten uns grupos de idade semellantes aos de América do Sur e Asia (mozos, 32%; adultos, 62%; vellos, 6%), mentres que Oceanía está máis próxima ás áreas regresivas (26%, 64% e 10%, respectivamente). Para medir a poboación activa emprégase a taxa de actividade, que relaciona o número de activos coa poboación total. As taxas de actividade varían bastante duns países a outros, cunha media mundial que se sitúa ao redor do 40%. Os países desenvolvidos teñen valores xeralmente máis elevados que poden chegar a sobrepasar o 50%; pola contra, os menos ricos adoitan ter valores máis reducidos que a media mundial. Estas diferenzas débense á influencia dun conxunto variado de factores relacionados coas desigualdades da estrutura por idades e as disparidades socioeconómicas e socioculturais das poboacións, como o grao de participación das mulleres na vida activa e as diferenzas na duración dos estudos e nas idades de xubilación que se dan entre países. Unha análise máis detallada da actividade é a que diferenza a poboación ocupada segundo a rama económica na que desenvolve o seu labor. A ONU recomenda, a efectos comparativos, facer unha clasificación en 9 grupos e simplificar a información recollida nos censos: agricultura, gandaría, silvicultura e pesca; minas e canteiras; industrias manufactureiras; edificación e obras públicas; auga, gas e electricidade; comercio, banca e seguros; transportes, comunicacións; servizos e outras actividades. Outro sistema de clasificación é a clásica división de Colin Clark en tres grandes sectores: primario ou agrario, secundario ou industrial e terciario ou de servizos. Este último, ao ser moi heteroxéneo, adoita dividirse en terciario corrente e terciario superior ou cuaternario, que designa as actividades de dirección, organización e decisión.
      A poboación galega
      A 1 de xaneiro de 2003 Galicia contaba con 2.751.094 h, o que supoñía unha densidade de 93,02 h/km 2 . O saldo vexetativo foi negativo en -9.164 persoas, mentres que o saldo migratorio foi de 11.175 efectivos. A taxa de crecemento natural en 2000 situouse en -3,66‰. A perda de poboación é froito dunha taxa de natalidade moi baixa (7,1‰ en 2002) e unha mortalidade relativamente alta (10,3‰ en 2002) debido ao forte avellentamento, que se comproba na estrutura por idades (2001), pois o 20,81% da poboación supera os 64 anos, fronte a só un 17,90% por debaixo dos 20 anos, o grupo situado entre os 20 e 64 anos é do 61,29%. A taxa mortalidade infantil é do 3,8% (2002). A esperanza de vida ao nacer situábase en 2001 en 80,1 anos, nos homes de 76,5 anos e nas mulleres de 83,6 anos. O índice sintético de fecundidade sitúase en 0,9 fillos por muller (2002). Pola súa banda, a taxa de actividade é do 53,1% (2003) e a taxa de paro do 12,6% (2003) Segundo os datos da Encuesta de Población Activa (EPA) de 2002, o sector primario ocupaba ao 12,9% da poboación ocupada, a industria ao 20,3%, a construción ao 12,5% e os servizos ao 54,3%.

    2. poboación activa

      Poboación que ten a idade mínima para acceder ao mercado laboral (16 anos) e que se atopa en situación de ocupación ou en estado de paro ou desocupación. A poboación activa ocupada é a que realiza unha actividade económica da que obtén unha remuneración, mentres que a poboación activa desocupada é a que busca o seu primeiro emprego ou a que deixou a actividade económica que realizaba.

    3. poboación de dereito

      Poboación integrada pola suma dos residentes presentes e ausentes nunha determinada unidade administrativa no momento de producirse calquera reconto de poboación. Ten uns dereitos e deberes respecto do concello no que está censada.

    4. poboación de feito

      Poboación dunha determinada unidade administrativa no momento no que se realiza o reconto da poboación, sen ter en conta se teñen ou non nela a súa residencia habitual.

    5. poboación inactiva/non activa

      Parte da poboación que non exerce ningún tipo de actividade económica remunerada nin se atopa en disposición de realizala. Son persoas que se dedican ás tarefas domésticas no seu fogar, nenos, estudantes, rendistas, xubilados e persoas que realizan o servizo militar.

  4. s f [ECOL]

    Conxunto de individuos dunha mesma especie que habitan nunha área determinada ou nun medio limitado convencionalmente.

  5. s f [MAT]

    Conxunto de elementos do que se queren estudar certas propiedades non específicas dos elementos.

  6. poboación de estrelas [ASTRON]

    Clase de estrelas cuxos compoñentes teñen semellanzas no espectro, a composición química, a velocidade radial, a idade e a localización no interior da Galaxia. W. Baade chegou á conclusión de que existen dous tipos de poboacións: a poboación I e a poboación II. As estrelas da poboación I, as máis abundantes nos brazos espirais da galaxia, son as estrelas típicas dos cúmulos abertos e das proximidades do Sol; son estrelas novas ou en proceso de formación. As estrelas da poboación II están distribuídas pola Galaxia independentemente da dirección; son as estrelas típicas dos cúmulos globulares e son estrelas vellas.

  7. poboación mendeliana [XEN]

    Conxunto de individuos dunha mesma especie que se poden cruzar libremente entre eles. Constitúe un grupo de reprodución limitado polo seu medio ou polo seu sistema xenético.