poesía

poesía

(

  1. [LIT]
    1. s f

      Arte de expresar ou traducir en forma concreta o contido espiritual propio, mediante palabras dispostas segundo unhas determinadas leis métricas. Neste senso, a poesía contraponse á prosa e identifícase coa arte de compoñer versos. A estética moderna considera que a expresión métrica non é indispensable para a creación da poesía, polo que podería dicirse que a poesía é o produto humano que expresa conceptos elevados e nobres, a intensidade duns sentimentos, a forza das palabras e, sobre todo, a que ten a capacidade de conmover, de falarlle á alma e de exaltar a fantasía. Partindo da antiga tripartición da poesía en épica, lírica e dramática, puido demostrarse que a esencia da poesía está na lírica, que tamén está no fondo do drama. Isto equivale a dicir que a esencia común ás tres formas poéticas é a subxectividade de cada poeta, que sabe infundir no seu mundo as vibracións da alma.

    2. poesía cortés

      Fenómeno literario que, orixinario da Francia meridional, se estendeu a diversos países e rexións, entre elas Galicia, entre finais do s XI e metade do s XIV. Trátase dun tipo de poesía ligado á corte, lugar onde se desenvolve principalmente, e de carácter laico, que ten como primeiro grande expoñente da escola trobadoresca en lingua d’oc ao duque de Aquitania Guillerme IX. A súa orixe está nos carmina escritos en latín por clérigos vagantes -aqueles que ían de escola en escola para a súa formación-, e nas composicións dos xograres. Desde Occitania estendeuse a outras zonas e creáronse novas escolas poéticas, como a siciliana, a catalá, a dos trouvères no N de Francia, a dos minnesängers en Alemaña e a dos trobadores galego-portugueses; nalgunhas destas rexións coa axuda dunha lingua homoxénea -koiné-, que se suma a algúns aspectos estilísticos, temáticos e ideolóxicos que conforman un tipo concreto de poesía. Un dos aspectos homoxeneizadores é a doutrina da fin’amors ou o amor cortés, en que o poeta-amante, a través dun ríxido ritual de cortexo, pretende o amor da dama ou senhor. Nese proceso interveñen algúns elementos tomados das institucións feudais, especialmente os emanados das relacións de vasalaxe. Outra das características é o seu cultivo por parte de todas as clases sociais, tanto nobres como xograres de orixe menos ilustre, ou mesmo autores de ascendencia burguesa. Como prolongación deste tipo de poesía, cómpre salientar as cantigas místico-relixiosas de Afonso X na honra de santa María e as composicións de Dante e Petrarca, no que se deu en chamar o dolce stil nuovo. OBS: Tamén pode identificarse cos termos poesía áulica ou poesía cortesá.

    3. poesía popular

      Poesía creada polo pobo a partir da súa necesidade de expresar unhas vivencias humanas elementais e permanentes, e na que se recoñece como tal, a diferenza da poesía folclórica, en que o pobo crea e adapta determinados tipos de poesía que despois transmite, e da tradicional, concepto co que se pode distinguir o estilo das imitacións cultas feitas sobre materiais populares.

    4. poesía visual

      Tipo de manifestación poética que, ante todo, confía no poder de atracción e comunicación visual dos elementos compositivos da obra. Substitúe os ingredientes tradicionais do poema por un sistema expresivo sustentado basicamente por elementos extraídos dos repertorios tipográficos, do debuxo, do gravado, da fotografía e dos códigos de información non lingüística, moitas veces inseridos na vida cotiá. A poesía visual denominouse inicialmente poesía concreta, nome que lle deron os membros do grupo brasileiro Noigambres, conformado por D. Pignatari, A. de Campos e H. de Campos, a partir de 1955, que deseguida aceptou o boliviano E. Gomringer, e que se consideran os primeiros difusores internacionais da corrente.

  2. s f [LIT]
    1. Obra ou composición escrita en verso.

      Sinónimos: poema.
    2. Xénero de obras escritas en verso e que se pode dividir en lírica, épica ou dramática.

  3. s f
    1. Conxunto de obras poéticas dun poeta ou de diversos poetas, producidas nun período ou nunha lingua determinada.

    2. Beleza de contido e de forma dunha obra literaria, que conmove con deleite.

      Ex: Elaborou unha obra chea de poesía.

Audio :

Refráns

  • A poesía está no cazolo e na chirouvía.