Rey de Viana, Ballet Galego

Rey de Viana, Ballet Galego
[MÚS]

Compañía profesional de danza fundada na Coruña en 1949 por X. M. Rey de Viana. Desde os seus comezos promoveu espectáculos baseados na cultura tradicional galega e coidou moito a estética nas súas actuacións. En 1971, o seu fundador e director cedeu a titularidade do ballet á Deputación Provincial da Coruña, que en 1991 traspasou a xestión do mesmo ao Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM). X. M. Rey de Viana foi o director e coreógrafo da compañía desde a súa creación ata a súa morte en 1995, data en que se fixo cargo da compañía a súa muller, Victoria Canedo, ata ese momento subdirectora. En 1999 o ballet iniciou unha nova etapa caracterizada pola estrea anual dun grande espectáculo baseado na cultura tradicional galega, coa participación dun amplo equipo técnico (iluminación, escenografía e vestiario) do IGAEM, acompañado polo Grupo de Música Tradicional deste mesmo organismo. Realizou máis de cincuenta montaxes coreográficas, das que destacan Danzade, Ultreia (1999), Jacobsland (2000) ou Vira o vento (2002). Das súas actuacións salientan as da Feira Mundial de Nova York (1961), a do Festival Intercéltico de Quimper (1969) e diversos espectáculos ofrecidos por todo o mundo como Lisboa, Santiago de Chile ou Bos Aires.