Río de La Plata
Grande esteiro de América meridional, situado na costa atlántica, entre Uruguay ao N e Arxentina ao S e formado pola desembocadura dos ríos Paraná e Uruguay (35.000 km2). A zona foi explorada por Juan Díaz de Solís (1516) e por Sebastiano Caboto e Diego García (1526), e foi colonizada por Pedro de Mendoza (1535). A finais do s XVI dividiuse entre as gobernacións de Tucumán e Paraguay. A segunda fundación de Bos Aires, en 1580, tivo éxito e a cidade competiu con Asunción en centralizar o comercio entre a costa atlántica e o alto Perú. Desde 1680 a ribeira oriental de Río de La Plata foi disputada entre portugueses e españois. Estes últimos arrebataron a zona nororiental de Paraguay pese á resistencia guaraní, e a cambio cedéronlle a colonia de Sacramento a Portugal, orixe de Uruguay. A presión inglesa, que intentaba penetrar na zona, favoreceu unha reforma administrativa e en 1777 creouse o vicerreinado de Río de La Plata. A independencia americana dividiu a conca de Río de La Plata entre Arxentina, Uruguay, Paraguay e territorios con influencias brasileiras. Durante o s XIX Arxentina, Paraguay e Brasil disputaron a hexemonía. A Guerra da Tripla Alianza (1865-1870) eliminou a Paraguay como potencia e abriu a libre navegación polo Paraná e o Paraguay, malia que continuou a rivalidade entre Arxentina e Brasil polo control do esteiro.