Rio de Janeiro

Rio de Janeiro

Capital do estado de Rio de Janeiro, Brasil (5.850.544 h [2000]). Situada ao S da baía de Guanabara, esténdese entre pequenas chairas aluviais e relevos graníticos que pechan a baía. As célebres praias de Copacabana, Flamengo e Botafogo, xunto co entroido, converteron a Rio de Janeiro no centro turístico máis importante do país. É o segundo polo industrial en importancia, cunha actividade moi diversificada de industrias químicas, alimentarias, de cemento, papel e vidro. Posúe unha refinaría de petróleo. O seu porto é un dos máis activos do país. A cidade foi fundada en 1565 por Estacio de Sá, co nome de São Sebastião de Rio de Janeiro e entre 1572 e 1577 foi a capital do sur de Brasil, e en 1763 substituíu a Baia na capitalidade. A chegada da corte portuguesa (1808) deulle un grande esplendor, e en 1834 obtivo un réxime autónomo que durou ata 1889. Desde a proclamación da república foi capital federal e escenario dos acontecementos políticos e populares máis importantes, pero arredor de 1950 cedeu importancia ante o ascenso de São Paulo. Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas de San Bento, San Francisco e Santo António, do s XVII. A catedral e as igrexas de Nosa Señora da Glória de Outerio e San Francisco de Paula son do s XVIII. Destaca tamén o estadio olímpico de O. Niemeyer e o Museo de Arte Moderna de A. E. Reidy (1954).