Real Club Deportivo de La Coruña
Club de fútbol fundado en decembro de 1906 na Coruña que tivo como precedente o Club Deportivo de la Sala Calvet. Viste camiseta branca e azul a raias verticais e pantalón azul, e xoga os seus partidos como local no Estadio Municipal de Riazor, fundado en 1944. Coa creación da Liga española na tempada 1928-1929 pasou a Segunda División. Debutou en Primeira División na tempada 1942-1943 e conseguiu o subcampionato na campaña 1949-1950 e na que conseguiu algúns dos mellores resultados da súa historia. Durante a década de 1960 militou alternativamente en Primeira e Segunda ata que, despois dunha serie de atrancos deportivos e económicos, descendeu a Terceira División (1973-1974). Coa chegada á presidencia de Augusto César Lendoiro o equipo renovouse e conseguiuse o ascenso a Primeira en 1990. Entre 1992 e 1993 converteuse en Sociedade Anónima Deportiva e, coa incorporación de diversos xogadores de renome e tras a consecución de diversos éxitos deportivos, foi coñecido como “SúperDepor”. Xogou máis de 30 tempadas en Primeira División e acadou unha Liga (1999-2000), dúas Copas do Rei (1995 e 2002) e tres Supercopas de España (1995, 2000 e 2002). O 21 de maio de 2011 baixa a segunda división tras 20 anos seguidos en primeira o caer derrotado por 0-2 fronte o Valencia en Riazor no último partido da liga.