Real Club Náutico de Vigo
Sociedade deportiva constituída o 17 de abril de 1906 por iniciativa do comandante de mariña José Ruiz Rivera, que tivo como primeiro presidente a Antonio Conde e como presidente de honra ao Rei Afonso XIII. Conta con seccións deportivas federais de remo, vela, natación, pesca, subacuáticas e de tenis de mesa. Organiza, desde 1972, o Campeonato de España de Pesca a la Cacea e, desde 1975, o Concurso Internacional de Pesca del Tiburón. Ademais das súas instalacións deportivas para o amarre de embarcacións e o seu edificio social, inaugurado en 1945, conta cunha piscina climatizada (1967) en que se adestra un equipo propio de natación, co que conseguiu diferentes medallas en campionatos galegos e nacionais, e o Club Los Abetos, adquirido en 1987.