Real Consulado da Coruña

Real Consulado da Coruña

Institución que se estableceu na Coruña por Real Orde en 1785. Tivo como precedente a Academia de Agricultura de 1765 e xurdiu a consecuencia da apertura do comercio coas Indias en 1778 e do acceso a el do porto da Coruña. A súa xurisdición estendeuse a toda Galicia e tivo como obxectivo o fomento das fontes de riqueza da zona, así como a extensión da navegación ás Indias, orientada a persoas con significativos medios económicos, como comerciantes, mercadores, fabricantes e navieiros. Prestou atención á agricultura práctica e ao comercio, así como á naútica e ao debuxo, das que creou as escolas técnicas especializadas, que continuaron funcionando tras a extinción da institución. O brigadier Winthuyssen redactou en 1789 o regulamento dos estudos náuticos, entre os que se incluíron os do Consulado. O plano de estudos inicial abranguía as materias de aritmética inferior, cosmografía, astronomía, xeografía, arte de navegar, trigonometría plana e esférica e levantamento de planos. En 1806 incorporáronse as disciplinas de xeografía e álxebra e desde 1812 ampliáronse os contidos matemáticos e físicos. Os estudos completábanse cun curso de prácticas de navegación. A institución recollía as novidades dos establecementos ilustrados como os exames públicos, a asistencia a clase, a obrigatoriedade de uso dos libros de texto, escritos en castelán e actualizados cientificamente e semellantes aos utilizados nas academias de gardas mariñas, e o carácter práctico do ensino. Aínda que houbo un intento de construír un observatorio, non tivo éxito. O Real Consulado desapareceu en 1833 e foi substituído polo Tribunal de Comercio.