Real Coro Toxos e Froles
Agrupación coral que se creou en Ferrol en decembro de 1914. Formouse por iniciativa dunha serie de persoas vinculadas ao folclore tradicional, como o gaiteiro Manuel Lorenzo Barja ou Cayetano Vaello. Presentada no Teatro Jofre de Ferrol en 1915, é a agrupación coral decana en Galicia e unha das máis antigas de España. En 1922 realizaron a gravación do primeiro disco baixo a dirección de Manuel Lorenzo e en 1928 o Rei Afonso XIII concedeulle o título de “Real Coro”. Actuou por diversas cidades españolas a finais da década de 1940 e gravou catro discos. En 1965 celebrou o 50 aniversario da súa fundación cunha serie de actos culturais e en 1969 organizou o I Festival de Arte Galego. Posteriormente, realizou unha importante xira polo estranxeiro, como o Festival Intercéltico de Lorient (1980) ou o Festival Folclórico da Emigración en Saint Pierre de Neully (1982). En 1995 celebrou o seu 80 aniversario cunha actuación no teatro Jofre, acompañado das outras seccións musicais da agrupación. Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos premios e galardóns, como a coroa de bronce da Generalitat de Catalunya (1934), a medalla de prata nas I Xornadas de Folclore de Santiago de Compostela (1969), a medalla de ouro nas III Xornadas de Folclore Galego de Santiago de Compostela (1971), a Medalla de Prata da cidade de Ferrol (1976) e a Medalla de Ouro de Galicia (2005).