Torres Martínez, Manuel

Torres Martínez, Manuel

(Marín 17.6. 1901 - 10.5.1995) Pintor. Foi un dos membros da vangarda histórica galega, do grupo dos Renovadores. Estudou maxisterio por libre desde 1914 e en 1925 trasladouse como mestre a Oia (Vigo) e comezou a asistir aos parladoiros do café Derby. En 1927 obtivo unha pensión da Deputación de Pontevedra e marchou a Madrid, onde estudou debuxo e pintura e participou en exposicións colectivas como a de arte galega realizada no palacio do Retiro. En 1931 gañou unha bolsa de viaxe da deputación provincial e viaxou a París. Foi socio fundador e profesor de debuxo da Asociación de Cultura e Arte Santa Cecilia, que posteriormente tomou o seu nome, e realizou a maioría das súas exposicións en cidades e vilas galegas. Na década de 1920 comezou a colaborar como columnista e como viñetista en diversas publicacións como Faro de Vigo (1925),Vida Gallega (1925-1929), Céltiga (1925), El Sol (1929), La Libertad (1929), El Pueblo Gallego (1930), Cristal (1932), A Nosa Terra (1935), Spes (1937), La Noche (1949), La Región (1960), La Voz de Galicia (1962) e El Diario de Pontevedra (1970). Asinaba estas colaboracións con diversos pseudónimos como Banda do Río, Mieles Toubes, Xan da Rúa ou Codesido. Nos seus debuxos empregou unha liña pechada, o que provocou que as formas apareceran acabadas e limitadas. Xunto á liña cobra importancia o horror vacui. Nestas obras a liña grosa separa os espazos onde se sitúan as figuras e formas que enchen o espazo. Dos seus debuxos realizados con carbón, pastel ou sanguina, destacan Músicos (1970) e Palicantes. O óleo empregouno na realización de paisaxes, sobre todo do natural, bodegóns e figuracións. O debuxo acada unha grande importancia en obras que se achegaron á denominada estética do granito ao representar figuras volumétricas, case escultóricas, arredondadas, axudado pola pastosidade do material. Destacan Berbés (1930), Traxe de mergullador (1931), Dama con sombreiro (1931), Bodegón do barreño (1933), Bodegón do fanal (1934), Bodegón da botella (1934), Vagar (1959), Regateiras (1960), Bodegón cubista (1960), Mercado, Procesión e Neno tocando a frauta. Aplicou ao óleo novos procedementos como os de rascar o soporte en branco plastificado coa paleta para acadar o aspecto e a sensación de atoparse ante un gravado. En xeral as cores empregadas son escuras. Nas acuarelas o debuxo e a liña perderon o protagonismo ao dar prioridade a formas difusas e á superposición de diversas capas para obter os diferentes matices de cores e luces e sombras (Palleiros de Arca, 1960). Como gravador traballou o linóleo. As obras publicadas en diversas revistas e xornais como Sonata Gallega, mostran unhas liñas suaves onde o debuxo está presente a pesar de notarse unha certa influencia do expresionismo alemán. Cultivou tamén a escultura, tanto en madeira (O cego da romaría), como o bronce (Leiteira, 1938) e o granito (Maternidade, 1968; Nai e fillo). Doou as súas obras ao Museo de Pontevedra e ao Museo Municipal de Marín que leva o seu nome.