Tribunal Internacional de Xustiza
Tribunal internacional creado en 1945, con sede na Haia, coñecido tamén como Tribunal Internacional da Haia, que ten xurisdición sobre todos os estados membros da ONU e sobre outros, como Suíza, que se someten voluntariamente. Foi o sucesor do antigo Tribunal Permanente de Xustiza Internacional (1920-1939) da Sociedade de Nacións. Ten competencia sobre os asuntos que as partes lle sometan e o seu procedemento normal é o de chegar a un acordo ou compromiso en cada caso concreto; sobre os casos previstos nos tratados vixentes e nas controversias xurídicas entre dous ou máis estados; e emite opinións ou ditames a petición dos organismos da ONU. Está composto por 15 membros elixidos para un período de 9 anos, puidendo ser reelixidos, entre as persoas que teñan unha alta consideración moral e que reúnan as condicións requiridas para o exercicio das máis altas funcións xudiciais nos seus países ou que teñan unha recoñecida competencia en materia de dereito internacional. Non pode haber dous membros do mesmo estado.